A Asociación Galega de Viticultura considera innecesario e perigoso incrementar os rendementos de produción nun contexto de inestabilidade dos mercados.

Pontevedra, 28 de xullo. A Asociación Galega de Viticultura (AGV) manifesta a súa perplexidade ante a proposta de elevar os rendementos de produción máximos na Denominación de Orixe Rías Baixas ata os 15.000 kg/ha para a presente campaña. A proposta baséase en previsións “moi boas” para a colleita, máis non responde ás necesidades reais do sector, nin dende o punto de vista das persoas viticultoras nin das adegas.
Para a AGV, un rendemento de 12.000 quilos por hectárea é un rendemento máis que suficiente para asumir a produción de uva que, segundo uns estándares de calidade, producen as viñas. Ir máis alá desta cifra supón un risco evidente de xeración de excedentes de viño, nun momento no que o mercado de albariño xa comeza a mostrar sinais de saturación.
A decisión de incrementar os rendementos de produción non contribúe a mellorar a rendibilidade do sector, senón que introduce máis presión sobre un sistema que necesita planificación e estabilidade. Trátase dunha medida que, lonxe de dar resposta a unha demanda real, semella orientada a intereses especulativos que poden comprometer a sustentabilidade do modelo produtivo.
A Asociación Galega de Viticultura (AGV) defende que calquera modificación nos parámetros debe basearse en criterios estratéxicos, pensando na defensa do prezo do produto, na viabilidade das explotacións a medio e longo prazo, e na preservación da calidade que define a Denominación de Orixe Rías Baixas.
Follow