Galiza arde. Lumes nunca máis.

Desde a FRUGA reclamamos do Goberno galego mudar a sua política agropecuaria e de monte

Galiza, 25 de agosto de 2025. Un ano máis, e xa van moitos, Galiza arde, de norte a sur e de leste a oeste, cebando-se de maneira especial nas comarcas rurais ourensáns, superando-se as 100.000 hectáreas. Situación que está deixando en evidencia o fracaso, tanto da política de loita contra os incendios como da de montes, levada a cabo pola Xunta de Galiza do PP, fiando o suceso das súas campañas de extinción a que as condicións climáticas sexan favorábeis, caso do ano pasado no que apenas arderan 2.600 hectáreas.

A Xunta de Galiza fai recaer a presencia de incendios rurais a factores externos como a presencia de incendiarios, calor extremo, falta de chuvia ou acumulación de material nos montes, que procura sustentar nunha estratexia comunicativa moi ben elaborada, mas que non deixa de ser propaganda.

Pola contra, desde a FRUGA, consideramos que o desmantelamento das 45 Unidades de Xestión Forestal (UXFOR), instrumento que pretendía aportar unha maior rentabilidade do monte, así como a sua ordenación; o non cumprimento do Plano Forestal de Galiza, aprobado exclusivamente polo PP, no que se refire a ir drenando recursos económicos dedicados a extinción para ser destinados a recuperación do castiñeiro, posta en valor das frondosas, investigación forestal, ou a división de competencias da antiga D.X. de Montes en dúas D.X. de Defensa do Monte , e de Ordenación e Planificación Forestal, algo teñen a ver con estes monstruosos incendios, xunto co abandono e despoboamento do rural a causa de non dispor dos medios necesarios para garantir unha vida digna de quen vive no rural e das actividade agropecuarias.

Por iso mesmo na FRUGA somos pesimistas, e dubidamos moito que a catástrofe social, económica, cultural e ambiental destes días serva para que o Presidente da Xunta de Galiza queira realmente realizar cambios profundos nas súas políticas de exterminio do rural galego. As políticas deste goberno van totalmente en dirección contraria, como é a aposta pola eucaliptización, a espoliación dos nosos recursos naturais como se fósemos una colonia, e para levar a cabo este proxecto político, promovido polo PP desde a Xunta de Galiza, o que se precisa é un medio rural morto e abandonado.

Atrás fican persoas queimadas, predios e casas ardidas, animais queimados e veciñanza que se viu obrigada a deixar os seus fogares, vendo impotentes que non había medios suficientes, en total abandono por parte da Xunta. En definitiva un rotundo fracaso.

Desde a FRUGA queremos manifestar o nos desexo de pronta e favorábel recuperación das persoas queimadas e nosa total solidariedade, asi como co colectivo profesional de prevención e extinción, que se está a enfrontar a esta vaga de incendios en condicións de absoluta precariedade e abandono.

Unha vez que remate esta vaga de incendios a Conselleira do Medio Rural e os Directores Xerais de defensa do monte e planificación forestal terán de asumir as súas responsabilidades, e de ser o caso apartados dos seus postos.

Instamos ao Goberno galego a:

  • Se dotar de un servizo público profesional e permanente, suficientemente dimensionado e capacitado para actuar en labores de prevención e extinción.
  • Garantir a viabilidade e continuidade das explotacións afectadas
  • Indemnización e axudas inmediatas para todas as persoas afectadas
  • Mudar a sua política agropecuaria e de monte, pulando por mellorar as condición de vida de quen vive no e do rural, por un monte multifuncional recuperando os seus usos tradicionais como o pastoreo, así como a recuperación de instrumentos de xestión colectiva como as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR)
  • Que perante a finalización da moratoria de plantacións novas de eucalipto que finaliza este 31 de decembro, reclamamos unha moratoria indefinida.