FRUGA e o Agrarismo dos anos 70

A FRUGA en colaboración coa área de Meio Rural e Vicepresidencia da Deputación de Lugo organizou o dia 31 de outubro unha xornada para lembrar o Agrarismo dos anos 70

Esta xornada estivo dividida en duas actividades complementarias. A primeira delas desenvolveu-se ás 17:00h en Trasliste, parroquia do concello de Láncara, terra natal do señor Xulián, onde a FRUGA homenaxeamos cunha ofrenda floral a Xulián Rodríguez Rio. Figura emblemática que pola súa resistencia contra o cobro da COTA EMPRESARIAL converteu-se num exemplo, a finais dos anos 70 e primeiros dos anos 80 do século pasado. Imposto inxusto que os gobernos do Estado español, tanto da dictadura como da chamada democracia, querían facer recaer sobre os lombos dos labregos e labregas galega, facendo-lles pagar como se fosen empresarios con persoal empregado ao seu cargo, e como en realidade non os tiñan, querian-lles cobrar unhas XORNADAS TEÓRICAS que eran coñecidas como COTA EMPRESARIAL. A loita contra este imposto inxusto foi a primeira loita de masas agraria de finais dos anos 70 e que se estendeu até os primeiros anos 80, xa con o goberno do PSOE. A realización deste acto contou coa presencia de Elias Somoza en representación da FRUGA e de Cristina Rodríguez, neta do homenaxeado, tamén estivo presente Efren Castro, vicepresidente da Deputación de Lugo.

Posteriormente, às 20:00h tivo lugar unha palestra no Vello cárcere de Lugo na que interviron Alba Diaz-Geada, Doutora en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela e autora do libro editado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo titulado ” Mudar en común Galiza 1959-1982, unha análise sociohistórica dos cambios no rural galego”

Interviu tamén nesta actividade Emilio López Pérez, mais coñecido como “Milucho”, figura destacada do agrarismo galego dos anos 70 e 80, no que chegou a desempeñar o cargo de Secretario Xeral das Comisións Labregas, así como parlamentario no Parlamento Galego, e Delegado da Consellería nacionalista do Meio Rural, durante o goberno de coalición entre o BNG e o PSOE entre os anos 2005 e 2009. O acto estivo conducido por Xosé Elias Somoza, agrarista e membro da Junta Directiva da FRUGA.