Nela elixiu-se como novo Presidente da FRUGA a Xosé Elias Somoza, gandeiro de Sarria, xunto coa aprobación dos distintos relatorios postos a debate.
O pasado domingo, dia 23 de novembro, celebrou-se na localidade de Arzúa a IV Asemblea Nacional da Federación Rural Galega – FRUGA.

A Asemblea iniciou-se co saúdo do Alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, quen nos deu unha calorosa ben vinda por ter decidido celebrar a nosa asemblea na sua localidade, así como cos desexos de que os traballos resultaran frutíferos. A continuación tomou a palabra o Presidente da FRUGA, Xurxo Álvarez, quen, pola sua parte, animou as persoas asistentes a participar activamente nos debates dos distintos relatorios.

A exposición do primeiro relatorio, correspondeu co informe sobre o traballo desenvolvido desde a anterior Asemblea Nacional, denominado “o sector agropecuario hoxe”, correu a cargo do compañeiro Xavier Monteagudo, con referencias a crise do COVID-19, á necesidade de contar con prezos xusto e unha crítica a lei da Cadea Alimentar, así como a nosa vocación de interlocución e de ser unha organización representativa, motivo polo que nos presentamos ás eleccións a Consellos Reguladores do 13 de febreiro de 2023. Tamén manifestamos a nosa defensa dun rural galego vivo e con futuro e polo tanto contrarios a invasións eólica, aos proxectos mineiros ou ao proxecto de ALTRI. Puxemos de manifesto as nosas alianzas formalizadas por medio de convenios de colaboración con ADEGA, CIG e a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Mao Común (ORGACCMM) na Alianza Rural Galega, así como tamén coa organización profesional agraria, de ámbito estatal, Unión de Uniones
O segundo relatorio, exposto por Manuel da Cal, abordou a situación da agricultura galega no contexto internacional, e contou con dous sub-apartados, un referido ás negociacións e debates sobe a vindeira Política Agrícola Común (PAC) para o período 2028 – 2034; e outro sobre o acordo Mercosur – UE e os posíbeis impactos sobre a agricultura galega. No que ten a ver co primeiro apartado analizaron-se os distintos documentos de traballo, como o denominado Diálogo Estratéxico sobre o futuro da agricultora da UE, e o titulado Visión para a Agricultura e o Sector Alimentar, finalmente expuxeran-se as propostas da FRUGA para unha nova PAC. En relación co acordo Mercosur – UE primeiramente analiza-se o contexto deste acordo para logo pasar a facer-se eco das posíbeis repercusións negativas para a actividade agropecuaria galega, especialmente sobre o bovino de carne, así como a apicultura ou a avicultura.
Xa o terceiro relatorio tivo como obxecto de debate a situación dos distintos sectores produtivos. Este relatorio constou dos seguintes sub-apartados:

Tanto o primeiro referido ao sector Lácteo como o segundo sobre o Bovino de carne, correran a cargo de Xosé Elias Somoza, nos que se fai un repaso destes dous sectores claves na produción final agraria galega. Con respecto ao sector leiteiro galego destaca-se a sua evolución, caracterizada por unha forte redución e concentración de explotacións, a importancia das Denominacións de Orixe Protexidas relacionadas co sector lácteo como son as dos queixos Arzúa–Ulloa, Queixo Tetilla, San Simón da Costa e Cebreiro, destacando Galiza por ser unha das dez rexións mais produtoras de leite da UE mas con prezos inferiores á media do Estado español. Por iso desde a FRUGA fan-se tres reclamacións esenciais para o futuro deste sector; dispor de mesas de interlocución (unha interprofesional láctea galega), unha industria propia de transformación e favorecer a mobilidade da terra para ser menos dependentes dos insumos externos e mais respectuosos co medio ambiente. No referido ao sector bovino de carne aprecia-se, ao igual que no leiteiro, un proceso de desaparición e concentración de explotacións e unha mingua na existencia de xatos e un aumento do prezo dos mesmos. Entre as medidas defendidas pola FRUGA está a reclamación de contratos homologados, e con respecto á IXP “Tenreira Galega” consideramos que calquera modificación do seu regulamento ten de ser consensuada, neste sentido consideramos que estamos perante dun momento clave para o seu futuro.
O seguinte sector ao que se lle dedicou atención foi o da produción vexetal, a cargo de Gabriel Lopes. Nel recolle-se que a Galiza sigue a ser hoxe unha das principais fornecedoras de boa parte das producións vexetais destinadas ao consumo, tanto no noso territorio com no resto do estado, e en menor medida cara a exportación a terceiros países, fundamentalmente dento de UE, mas ao mesmo tempo observa-se unha mingua, polo que o actual panorama non é mui favorábel. Desde a perspectiva da soberanía alimentar debemos optar por defender canles curtas de comercialización e garantir un rural produtivo.
A situación forestal na Galiza e o papel do piñeiro constituíu o seguinte relatorio do que se encargou Marco Antonio Reboredo. Parte-se de comprobar que desde finais dos anos noventa e primeira década do século XXI se produciu na Galiza un progresivo abandono e deterioro dunha das frondosas mais emblemáticas do noso territorio, en referencia ao castiñeiro. Unha das causas ten a ver coa política forestal dos gobernos galego do PP. Outro dos sectores en crise é o do piñeiro, enfrontado a pragas que lle afectas e ao avance do eucalipto. En base a este análise desde a FRUGA comprometemos-nos a facer unha profunda reflexión colectiva e impulsar unha mobilización do sector da madeira.
Tamén o compañeiro Marco Antonio Reboredo foi o encargado de expor unha serie de medidas en relación co desenvolvemento rural. Tais como facer fronte ao problema das herdanzas, ao rexistro e legalización da propiedade, o minifundismo relacionado coa concentración parcelaria e a mobilidade da terra. Reclama-se dispor dunha fiscalidade propia para o sector forestal e para as comunidades de montes: Tamén se reclama unha nova política forestal e de prevención de incendios, onde a aposta pola gandaría extensiva é un elemento a ter de conta. En definitiva o futuro do medio rural galego depende dunha acción política ambiciosa e coordinada.
O último relatorio foi exposto por Roberto Ribas, presidente da Asociación Galega de Viticultura – AGV, e como é lóxico tiña por obxecto analizar a situación da viticultura galega. Roberto fai-no saber que o sector vitícola está a atravesar grandes mudanzas, tanto no que ten a ver cos hábitos de consumo como coas novas regulacións que se están a debater no marco da UE. Perante deste panorama o sector vitícola galego non estaría mal posicionado para abordar este novo marco, mas adoece dunha política clara de defensa do mesmo por parte do goberno galego do PP.
Aprobados os relatorios sometidos a debate, procedeu-se a elixir a nova Junta Directiva da FRUGA. Presentou-se unha única lista encabezada polo compañeiro Xosé Elias Somoza Regueiro, gandeiro de Sarria, polo que foi electo cono novo Presidente da FRUGA.

A continuación deu-se lectura ás seguintes resolucións: En defensa da terra; Pola moratoria indefinida do eucalipto; Por uns servizos públicos no rural; Pola paz e contra o gasto militar; Contra a criminalización da actividade sindica; e celebrando o Ano Castelao.
Xa finalizando a asemblea e antes da intervención do novo Presidente da FRUGA, interviron representantes das organización convidadas, comezando por Luís Cortes, coordinador estatal de Unión de Uniones, a continuación Daniel Vispo en representación de ADEGA, seguiu-lle Xosé Alfredo Pereira da Organización Galega de Comunidades de Montes, e finalizou Paulo Carril , Secretario Xeral da CIG.
Antes do xantar de convivio co que finalizou a xornada da nosa Assembleia Nacional, o novo Presidente da FRUGA procedeu a facer o acto de encerramento no que marcou a axenda de traballo para o próximo tempo. Axenda que ven definida polos relatorio aprobados nesta asemblea e na vontade de perseveranza, e constancia nas orientacións marcadas.

Follow