Acordo UE – MERCOSUR: A soberanía alimentar abandonada e depositada nas maos dos facendeiros e o agro-negocio suramericano.

A FRUGA suma-se á convocatoria de mobilizacións do colectivo agro-gandeiro “Elas Eles” do dia 18 de xaneiro

Sarria, 12 de xaneiro de 2025. O pasado 9 de xaneiro o tratado comercial entre a UE e MERCOSUR alcanzou a maioría cualificada ao obter o apoio de 55% dos países e que representan, cando menos, 65% da poboación da UE, tendo prevista a súa sinatura o próximo 17 de xaneiro en Asunción (Paraguai).

Segundo datos de Eurostat, o intercambio de bens entre a UE e MERCOSUR foi de 111.000 millóns de euros, no ano 2024, dos que 55.200M€ corresponden ás exportacións da UE cara MERCOSUR e 55.000M€ ás importación. Do total das exportacións da UE o 28,1% son imputábeis ao ámbito da maquinaria e aparatos, o 25,0% a químicos e fármacos e o 12,1% a equipos de transporte, pola contra as importacións procedentes de MERCOSUR centran-se en produtos agrícolas (42,7%), minerais (30,5%) e pasta e papel, xa a moita distancia, co 6,8%. Por outra parte, segundo Bruxelas a eliminación das tarifas arancelarias suporían un aforro de 4.000M€ ao ano sendo o sector das pezas de automóbil o mais beneficiado, seguido da maquinaria e os produtos químicos. Fica claro, de acordo con estes datos, que os sectores europeos mais beneficiados con este acordo serán o do automóbil e os seus compoñentes, así como os bens de equipo e maquinaria industrial, os produtos químicos e farmacéuticos.

Segundo consta no texto do Acordo, está prevista a importación por parte da UE de 99.000 toneladas de equivalente de canal de carne procedente de MERCOSUR, das que 55.000 corresponden a carne fresca de bovino e outras as 44.000 serán de carne conxelada, cunha tarifa do 7,5%. Este volume de carne entrará gradualmente e de maneira acumulativa en seis etapas anuais.

Galiza, segundo o MAPA, no ano 2023 representaba o 13,96% da produción de carne de bovino do Estado, só por detrás de Catalunya e Castela-León, con 18,88% e 16,82% respectivamente. Mas, de todos os xeitos, Galiza nos últimos anos, entre 2017 e 2023, veu perdendo explotacións, do orden de 10% nas que tiñan vacas aleitantes, de 38,70% en cebadeiros e de 23,22€ das explotacións de carne.

Pese aos pronunciamentos favorábeis a sinatura do Acordo, tanto do ministro de agricultura español do PSOE, Luís Planas, como do ex-presidente do goberno galego e actual presidente do PP, Alberto Nuñez Feijoo, parece bastante evidente que unha entrada masiva de carne de bovino procedente de MERCOSUR vai ter un grande impacto na Galiza, tanto no que ten a ver coa evolución negativa das explotacións deste sector, e polo tanto abandono do rural, así como sobre os prezos. Outros sectores potencialmente afectados nas Galiza poderán ser os da avicultura e o do mel.

Por outra parte as condicións nas que se desenvolve o sector de bovino de carne en países como Brasil e Arxentina, que ocupan o segundo e sexto posto entre os países mais produtores, tanto no que ten a ver coas dimensións das explotacións como nas condicións laborais e de cumprimento de determinados requirimentos produtivos e medioambientais fan que os seus custes de produción sexan moito menores.

Por todo isto, e pola necesidade de procurar alternativas para o sector agropecuario galego en campos como a redución das axudas da PAC para o novo período 2027-2032 e no diz respecto da necesidade de habilitar medidas preventivas perante as enfermidades animais que nos ameazan e polo que desde a FRUGA facemos un chamamento a nos sumar á convocatoria de mobilizacións convocadas polo colectivo agro-gandeiro “Eles Elas”, para o dia 18 en Ourense, Lugo e A Coruña.