A sucesión de temporais que veu padecendo Galiza tivo unha especial afectación na comarca da Limia.

Polo que, o pasado dia 11 a FRUGA presentou solicitude de reunión perante o Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural de Ourense.

Ourense, 25 de febreiro de 2026. A sucesión de temporais que veu padecendo na Galiza complicou as actividades do sector agropecuario galego, e unha das zonas mais afectadas é a da comarca da Limia.

Por causa das enchentes causadas polas chuvias caídas nestes últimos meses e por as canles de desaugamento, na maioría dos casos, se atopar atuadas, os labores preparatorios para implantar as colleitas viran-se seriamente afectadas provocando atrasos que poden pór en risco o futuro económico de moitas explotacións situadas na comarca ourensá da Limia, mas tamén causando perdas importantes no cereal de inverno que xa estaba plantado.

Como consecuencia desta situación, o pasado dia 11 de febreiro a Federación Rural Galega – FRUGA presentou solicitude de reunión perante o Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural de Ourense, por considerar o organismo mais adecuado para tratar de dar saídas e alternativas á situación creada con estas enchentes.

A FRUGA preocupa-lle que a día de hoxe aínda non obtiveramos resposta por parte do Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural de Ourense á nosa solicitude de xuntanza, polo que nos dirixiremos nos próximos días a instancias superiores para esixir aos responsables que procedan a limpeza destas canles e podan realizar as funcións para o que foron construídas. Ao mesmo tempo preocupa a FRUGA que ante os episodios climáticos, cada ano máis extremos, esta situación poda derivar non soamente en perdas na actividade agraria senón tamén pór en perigo a integridade física das persoas, xa que cómpre recordar que ao tratarse dunha zona chaira quedan anegadas pistas e algunhas estradas o que pode limitar en gran medida a evacuación das persoas no caso de emerxencias.

Nos vindeiros días procederemos a facer novas solicitudes de xuntanza diante do delegado Territorial da Xunta de Galiza na provincia de Ourense e ante a directora xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Parece-nos preocupante o desleixo amosado pola Consellería do Medio Rural de Ourense perante unha situación que ten graves consecuencias para unha das comarcas agrícolas mais importantes de Ourense, mas tamén da Galiza rural, polo que reclamamos da Consellería do Medio Rural proceda a limpeza das canles, así como a establecer medidas que axuden a paliar as perdas causadas por esta situación.