Unha mostra mais de como a lexislación que se fai en Madrid e Bruxelas se fai de costas e descoñecendo a realidade da Galiza.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2026. Desde o 1 de febreiro está aberto, oficialmente, o prazo para poder presentar candidaturas para se poder beneficiar das axudas da PAC 2026. Mas este ano ven cunha grande sorpresa negativa para todas as persoas solicitantes, aquí na Galiza.
O Plano Estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC 2023-2027), documento elaborado, neste caso polo goberno español, no que se establecen as intervencións e medidas para aplicar a PAC, no Estado español, no período 2023-2027, permitía que as comunidades autónomas estableceran excepcións á hora de obrigar a identificar o NIF da persoa titular das parcelas, en calidade de arrendadora ou cedente, que se declaraban na solicitude, sempre e cando a comunidade autónoma tiver un sistema que permitira ás persoas propietarias bloquear parcelas non arrendadas ou cedidas, instrumento do que Galiza dispuña.
Na campaña pasada, a de 2025, rexía a excepción para parcelas cunha superficie superior a 2 hectáreas, mas neste ano rebaixa-se a 1 hectárea. Isto implica que todas as leiras ou recintos, que figuren na solicitación, superiores a 1he e que non sexan propiedade da persoa solicitante terán de ir acompañadas do NIF da persoa propietaria que figura en catastro.
O Ministerio de agricultura español argumenta que a verificación de que as parcelas están realmente a disposición da persoa solicitante ven sendo un Requisito Básico da Unión (BUR); por xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da UE; ou para garantir un nivel adecuado de controlo documental co fin de evitar riscos financeiros.
Os argumentos utilizados, tanto pola UE (Bruxelas) como polo Ministerio (Madrid), para facer obrigatoria a identificación, mediante NIF, de todas as persoas propietarias das parcelas, cunha superficie superior a 1he, cedidas a efectos da declaración na solicitude da PAC 2026, demostran o total descoñecemento da realidade do mundo rural galego.
O sistema de cesión de palabra do uso de parcelas por parte de persoas propietarias que xa non as utilizan, ben por xubilación ou abandono da actividade agraria, é un sistema mui estendido na realidade actual do noso rural, polo que esixir este requisito ven constituír unha dificultade á hora de cumprimentar a solicitación da PAC.
Os motivos que dificultan cumprir con este requirimento son varios, entre outros poden-se encontrar; partillas sen realizar, polo que é difícil, cando non imposíbel, identificar a titularidade da propiedade por encontrarse parte das persoas herdeiras desaparecidas como consecuencia da emigración; certa desconfianza sen fundamento, sobre todo no caso de tratarse de persoas maiores, respecto á apropiación da titularidade; ou por non coincidir a propiedade actual com a que pode figurar aínda no catastro, etc.
Varias son as posíbeis consecuencias. Tendo de conta o alto nivel de abandono do noso rural, esta norma pode que de lugar a un maior abandono e un menor estado de conservación e limpeza destes parcelas ao deixar de ser traballadas, facilitando a propagación dos incendios rurais. Este verao pasado constatou-se que as fincas abandonada contribuíran á propagación do lume, entanto as que estaban traballadas e cultivadas actuaran como cortalumes. O aumento de mato e a mingua de terra traballada pode ter outros efectos como o aumento, xa hoxe desmesurado, da fauna silvestre como o xabarín ou a propagación de enfermidades como a peste porcina africana. Un outro resultado negativo pode derivar nunha redución da superficie declarada na PAC e como consecuencia a perda de dereitos ou axudas da PAC, en definitiva perda de ingresos para as explotacións galega, que xa son, nestes momentos, das que menos cobran do Estado español e da UE.
Fica claro que a lexislación que se fai desde Bruxelas e se reproduce en Madrid, fai-se sen ter en conta a realidade do agro galego, e mesmo non respectando as excepcións que permitirían reflectir mais adecuadamente a nosa real situación económica e social.
Follow