“Non por producir mais se vai vender mais nen mellor”

Pontevedra, 10 de marzo de 2026.
Ante as recentes informacións sobre a posible conxelación das producións de uva na Denominación de Orixe Rías Baixas e a inquedanza que se xerou no sector, a AGV-FRUGA subliña a necesidade de basear as decisións na análise e nas estratexias a medio e longo prazo, evitando que o inmediato comprometa o futuro da Denominación de Orixe.
Dende a AGV consideramos necesario e fundamental manter unha estratexia sostida no tempo. Xa son moitos os anos que levamos demandando que “se pise o freo”. Mesmo no mes de xullo tivemos que volver pronunciarnos en contra de quen pedía aumentar a 15.000 quilos por hectárea os rendementos de produción, o cal colapsaría as adegas e tiraría polo chan os prezos da uva. É agora, despois da vendima máis abundante da historia, cando o Consello Regulador pode decidir deixar a un lado o curtopracismo e comezar a trazar estratexias sostidas no tempo.
Os datos dos mercados a nivel internacional son moi claros, e avalan esta nova postura de prudencia, propoñendo o control de rendementos e a paralización das inscricións. Segundo os datos da Organización Internacional da Viña e do Viño (OIV), a demanda global contraeuse ata os 214 millóns de hectolitros, debido á inflación, aos cambios nos hábitos de consumo e á inestabilidade de mercados clave, como pode ser o caso do estadounidense. A AGV considera que é preciso analizar estes datos antes de formular propostas que poden ir en contra das solucións ao problema.
Por iso, dende a AGV, e co obxectivo de garantir o futuro da Denominación de Orixe e dos pequenos produtores e produtoras, cremos que se deben adoptar medidas baseadas na coherencia e na planificación, non na mirada a curto prazo e no populismo; unha folla de ruta que pasa por:
- Ordenación estrita do potencial vitivinícola: consideramos urxente pór freo ás expansións desmesuradas da superficie de viñedo, e máis cando esas expansións proveñen de grandes empresas e fondos de investimento que están facendo competencia desleal ás nosas adegas. Consideramos que é innegociable estabilizar a masa vexetal actual para adaptarse ás necesidades de consumo. É unha obviedade que non por producir máis imos vender máis.
- Control dos rendementos por hectárea: a AGV defende a necesidade de controlar os rendementos produtivos, primando a calidade por riba da cantidade. É unha realidade que a produción orientada á cantidade reduce os prezos da uva, o que non queremos.
- Planificación estratéxica a longo prazo, rigor e sentido común: a AGV sempre vai estar ao carón de quen mire o mundo dos viños a longo prazo, primando o rigor e defendendo a supervivencia dos pequenos viticultores. Do mesmo xeito, defendemos a postura do sentido común ante quen está desconectado da realidade, ata o punto de demandar producir aínda máis cando non se vende o que se produce.
Follow