CRISE DE PREZOS no leite galego: Se Galiza produce, somo a primeira potencia produtora do Estado español, Galiza ten de decidir.

FRUGA reclama-lle a Consellería do Medio Rural que convoque a Mesa do leite de Galiza.

Sarria, 18 de marzo de 2026. Nestes últimos días as explotacións leiteiras galegas estamos a recibir os novos contratos lácteos, que marcaran os prezos nos próximos meses. A maior parte dos contratos rematan a dia 31 de Marzo. Os novos contratos veñen cunhas condicións totalmente contraproducentes para as ganderías galegas.

Unha vez mais, e de forma unilateral, por parte das industrias, estamos a observar como se impoñen toda unha serie de baixadas de prezos, sen ningún tipo de negociación, e o mesmo tempo sen ter en conta os custes de produción. A lei da cadea alimentaria, volta a ser unha simple declaración de intencións, papel mollado, sen ningún tipo de repercusión legal, para quen non se atén ao espírito da lei.

A dia de hoxe a baixada de prezos que se está a dar na Galiza, vai dende os 4 cts por litro de leite até os 9 cts, significando perdas importantes nas 4918 ganderías que a dia de hoxe fican producindo leite no noso país. Superando unha perda de ingresos de mais de 40.000 euros anuais por explotación.

Ante esta situación, vemos unha vez mais como as decisións unilaterais da industria, non teñen ningún tipo de resposta por parte da Consellería do Medio Rural, tendo en conta ademais que a maior parte da industria, que opera na Galiza, é de capital foráneo. Co cal, unha vez mais, son os propios gandeiros e gandeiras deste país quen vamos a ver reducidos os nosos ingresos en beneficio da industria e a distribución.

Desde a volta do Partido Popular á Xunta de Galiza vimos asistindo a que organismos como o Observatorio de Prezos do Leite ou a Mesa do Leite, ben, no primeiro caso sufrira mudanzas nas súas funcións, perdendo competencias reguladoras, ben, no segundo, fora totalmente eliminado, deixando ao sector lácteo galego a intemperie.

Que Galiza, sendo a primeira potencia produtor de leite do Estado español, careza de instrumentos de interlocución por decisión do propio Goberno galego é toda unha declaración de intencións, de que o que lle interesa a este goberno é defender os intereses da industria leiteira de fora de Galiza, en prexuízo das granxas galegas.

FRUGA pide-lle a Xunta de Galiza, a posta en marcha da Mesa do Leite da Galiza, tendo en conta que a dia de hoxe representamos case o 60% das ganderías do Estado e perto do 40% do leite producido.

Si realmente a propia Consellería do Medio Rural ten interese, de verdade, neste sector, ten que actuar neste momento crucial. Non soamente son as baixas de prezos, seno que estas perdas veñen acompañadas polo aumento do custes de produción derivado das políticas imperialistas que conduciron a guerra de Irán. Os combustíbeis, con subas de mais de dous díxitos, con avisos de suba dos concentrados, con aumentos dos custes enerxéticos. E dicir, estanse a dar unhas circunstancias que poden por en perigo o futuro de moitas ganderías lácteas do pais.