A AGV-FRUGA esixe medidas urxentes ante unha posible crise na D.O. Rías Baixas.

Algunhas adegas estarían valorando non recoller uva ou establecer rendementos por baixo do prego de condicións.

Pontevedra, 9 de xuño de 2026.A Denominación de Orixe Rías Baixas está a enfrontar as consecuencias dun modelo de crecemento sen control que se permitiu durante demasiado tempo. O que ata agora eran síntomas preocupantes, poden converterse agora nunha realidade que lle chegue directamente á porta dos viticultores e viticultoras: hai adegas que estarían anunciando que esta campaña recollerían un rendemento por hectárea inferior ao establecido no prego de condicións da propia D.O., e outras que poderían ir aínda máis lonxe e non recoller uva.

A AGV-FRUGA mantivo durante anos unha posición clara e incómoda: o problema non era o rendemento por hectárea de cada viticultor, senón o crecemento descontrolado dunha denominación que se estaba a converter nun destino de investimento especulativo antes que nun proxecto colectivo de territorio e de calidade. Houbo quen preferiu non escoitalo, e houbo quen chegou máis lonxe e pediu que se afrouxasen aínda máis as restricións. Houbo quen decidiu enfrontar ao sector en lugar de aportar solucións viables. A AGV-FRUGA non foi escoitada. Hoxe, o que advertimos está a suceder, pero o custe non o pagan os que non quixeron escoitar. Págano os de sempre.

Cando a administración renuncia a regular, é o mercado quen o fai. E o mercado non actúa en favor dos pequenos: actúa en favor de quen ten o poder, das grandes corporacións que chegaron a Rías Baixas con capacidade para absorber perdas e que van deixar atrás, sen contemplación ningunha, aos produtores familiares que son a base histórica e identitaria desta denominación.

A AGV-FRUGA esixe que este momento sexa o punto de inflexión que debeu chegar antes. É inadmisible que sigan autorizándose novas inscricións e novas plantacións mentres hai uva que corre o risco de quedarse nas viñas sen ser recollida. Esiximos unha paralización inmediata. E esiximos que as administracións estean xa a traballar en solucións concretas para os pequenos viticultores que se enfrontan a unha vendima con futuro incerto, porque eles non teñen marxe para esperar. A Xunta de Galiza debe convocar a Mesa do Viño para abordar as solucións e saídas posibles a este grave problema que se presenta na D.O.