A suba dos carburantes e fertilizantes e a baixada dos prezos están pondo en perigo a viabilidade de moitas explotacións gandeiras galegas.

Desde a FRUGA denunciamos a inutilidade da Lei da Cadea Alimentar e a inacción da Consellería do Medio Rural

Sarria, 15 de xuño de 2026. Actualmente os sectores pecuarios, concretamente o lácteo e a produción de carne de bovino, están a sufrir unha importante perda de ingresos, derivada dunha baixada de prezos que se deu nos últimos tempos. Concretamente, os gandeiros e gandeiras de leite galegos, veñen de sufrir importantes baixadas nas últimas renovacións contractuales, estamos a falar de entre 8 e 5 cts por cada litro de leite que producen.

No que respecta as ganderías de bovino de carne, a baixada ronda nestes momentos os 30cts por Quilo/canal. Estas baixadas comparten o mesmo “modus operandi”, é dicir son aplicadas de forma unilateral, tanto polos matadoiros que compran os xatos, como polas centrais leiteiras que recollen o leite nas 4850 explotacións lácteas que quedan a dia de hoxe no país.

Baixadas que se dan nun contexto de suba dos prezos dos insumos, especialmente carburantes e fertilizantes. A suba dos carburantes supón un importante desembolso para as ganderías galegas, tanto no que mercan directamente, como no que repercute no aumento dos custos a pagar as empresas de servizos que realizan as labores típicas desta época, recollida de forraxe, sementado do millo, e outras relacionadas. E o mesmo se pode dicir da repercusión directa que ten a suba dos adubos químicos.

Nos últimos anos levase falado moito destas problemáticas, e tanto a Xunta de Galiza como a propia administración central, sempre fixeron referencia a lei da Cadea alimentar que tiña como obxectivo non vender por baixo dos custos de produción, a realidade é que se constata mais unha vez como esa lei ficou unicamente nunha mera declaracións de intencións, sen unha aplicación práctica que poida frear estas perdas de ingresos que sofren, neste caso, os sectores gandeiros galegos.

FRUGA considera, que a Consellería de Medio Rural ten que tomar cartas neste asunto, e non mirar para outro lado, como se o problema non fose con ela. A dia de hoxe a viabilidade de moitas explotacións galegas está en perigo por estas circunstancias. Os gandeiros e as gandeiras galegas, non podemos ser vítimas de políticas imperialistas, que derivaron en aumentos considerables no prezo do petróleo.

A Consellería do Medio Rural, en mans do Partido Popular, nunca se preocupou de pór en marcha medidas que favoreceran o establecemento duns prezos mínimos para todas as producións pecuarias, mas ben foi obstáculo, e sempre botou balóns fora, culpando de todo de todos os males o goberno central. Nin tan sequera convocou ningunha xuntanza con todos ss axentes implicados nesta situación.

Desde a Federación Rural Galega – FRUGA, exiximos-lle a Xunta de Galiza que exerza as súas competencias para intentar frear esta situación, que está supondo unha merma importante de ingresos nas explotacións gandeiras galegas. Os gandeiros e gandeiras deste país, non vivimos da propaganda institucional, senón que vivimos dos ingresos das nosa produción, e desde logo, precisamos dunha administración o servizo das ganderías galegas, algo que a administración do PP non está a facer.