A AGV RECLÁMALLE Á XUNTA ACTUACIÓNS PARA SOLUCIONAR A CRISE NA D.O. RÍAS BAIXAS

A AGV-FRUGA esixe medidas como os contratos homologados con prezo, garantías de recollida da uva e un plan a longo prazo para a Denominación de Orixe.

Barro, 13 de xullo de 2026. Estamos en xullo e a estas alturas do ano, mentres as persoas viticultoras seguen agardando por unha administración que as protexa, na Consellería de Medio Rural semella que non saben sequera que o sector ten un problema moi serio.

Mentres tanto, as adegas —empresas privadas que miran polo seu propio beneficio empresarial— xa están actuando. Séguense sumando nomes á lista das que estarían comunicando que este ano non recollerán uva, ou que o farían, pero cun rendemento moi inferior ao establecido no Prego de Condicións da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Dende a AGV-FRUGA, porén, cremos que aínda non é tarde demais para poñerlle un parche á ferida, se acaso existe algunha vontade política de non deixar na estacada aos viticultores e viticultoras. Para iso temos que comezar por garantir un prezo digno, que cubra os custes de produción, tal e como dita a Lei da Cadea Alimentar. Isto non é unha reclamación que debería ter que facer a AGV-FRUGA, senón un dereito que debería estar a garantir a Xunta da Galiza.

Para que a Consellería teña un traballo máis sinxelo, na Asociación Galega de Viticultura ofrecémoslle un simple exercicio de recollida de información. Segundo os cálculos, despois de realizar consultas a diversas persoas viticultoras de todas as subzonas, con distintas situacións e extensións, con distintas xestións, obtemos un custe de produción en todos os casos superior a 1,50 €/quilo de uva. Ese é o chan. Se a Xunta da Galiza quere copiar o traballo da AGV, que saiba que ese é o límite.

Por desgraza, sabemos que non vai haber resposta. Hai case 20 anos, no 2007, unha mesa do viño convocada por un Goberno Galego dialogante saldouse cunha táboa de prezos nos contratos homologados de compravenda de uva. Foi este un acordo unánime dun sector que tamén estaba nun momento complicado. Hoxe, cun Goberno que está de costas ao rural, vemos este acordo como un imposible.

Pedímoslle á Xunta da Galiza tres medidas urxentes:

1. Contratos homologados con prezo: o poder negociador das empresas non pode repercutir en vendas por debaixo dos custes de produción.

2. Garantías aos pequenos produtores de que se lles vai recoller a uva.

3. Planificación a medio-longo prazo: precisamos paralizar as inscricións de viñedo, blindar uns prezos dignos da produción e controlar eficazmente os rendementos de produción.