Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2026. Os efectos do cambio climático estanse a notar cada vez máis intensamente dunha forma clara e virulenta. Os episodios de seca prolongada son un dos efectos cun impacto máis directo no sector agrario. Estes períodos de seca son cada vez máis frecuentes e intensos, provocando perdas económicas e graves problemas na viabilidade das explotacións agrarias galegas.
O acontecido neste verán está sendo especialmente preocupante levando a moitas explotacións a situacións limite. O acceso á auga estase complicando en moitas comarcas e en todo tipo de explotacións. No sector gandeiro estase soportando un contexto moi difícil no que as explotacións xa non poden realizar pastoreo pola práctica desaparición do pasto. Estanse usando as reservas de forraxe almacenadas para o inverno. As previsións de rendementos do millo forraxeiro está xa en moitas zonas por baixo do 50%. Todo isto fai prever un outono-inverno complicado para o sector gandeiro, máxime cando se está comprobando que a compra de forraxes noutros territorios como Castela tamén vai ser difícil, se non imposíbel, pola mesma afectación da seca. Ante esta situación é moi posíbel que haxa explotacións, tanto de leite como de carne, que se vexan obrigadas a reducir o número de cabezas de gando por non poder asumir a súa alimentación, ben por falta de forraxe ou polos elevados custes dos mesmos, o que non só traerá unha diminución da produción, e polo tanto unha redución da rendibilidade, se non que é probábel que haxa explotacións que vexan comprometida a súa viabilidade ao extremo de ter que fechar, contribuíndo ao proceso de desertización do rural galego.
As consecuencias do cambio climático van a continuar a afectar a Galiza e ao conxunto do planeta e polo tanto estas situacións de seca extrema van a ser algo habitual no futuro. Así pois, tamén será preciso desenvolver medidas estruturais que permitan adaptar mellor as nosas explotacións a esta nova realidade.
Desde a Federación Rural Galega, FRUGA, demandamos do Goberno Galego unha resposta ante estas circunstancias. É precisa unha acción decidida para axudar as explotacións galegas ante esta situación. Non é de recibo a inacción ou desentenderse do estado crítico pola que está pasando o agro galego.
Por todo isto no día de hoxe unha delegación da Xunta Directiva da Federación Rural Galega, FRUGA, encabezada polo seu Presidente, Elías Somoza, acompañado de Manuel Dacal e Manel Casal, presentaron ante a Consellería do Medio Rural unha serie de demandas e propostas para facer fronte ás repercusións da seca extrema que as explotacións agrarias galegas sufriron neste verán con consecuencians tamén nos vindeiros meses.

SOLICITAMOS do Goberno Galego, cando menos, a posta en marcha das seguintes cuestións:
1.- Implementar unha liña de axudas extraordinarias para as explotacións agrarias que permitan facer fronte á difícil situación actual e á máis que previsíbel escaseza de alimento nos vindeiros meses nas explotacións gandeiras.
2.- Desenvolver medidas estruturais que permitan adaptar as explotacións agrarias galegas á nova realidade do Cambio Climático. O Goberno Galego ten que actuar como un todo coordenado e actuar en todos os ámbitos necesarios para preparar ao noso País á nova situación que debuxan as previsións científicas. Nese sentido enumeramos algunhas nas que xa se pode ir traballando de maneira inmediata:
– Investigación e implantación de herbáceas para pasto máis resistentes á seca. O mesmo no que ten a ver cos cultivos forraxeiros e outras variedades vexetais. O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo ten que ter unha dotación económica e de persoal que permita facer del o motor deste proceso de adaptación das explotacións agrarias galegas.
– Unha xestión adecuada dun ben público que cada vez vai ser máis escaso como é a auga. A xestión das cuncas hidrográficas e dos seus ríos e de como se ordenan os usos da auga ten que priorizar o abastecemento da poboación e o uso para a produción de alimentos por riba de usos industriais ou a produción da electricidade. Non pode ser que as grandes eléctricas no seu afán depredador e de obtención de beneficios rápidos sigan a xestionar ao seu antollo os caudais e os usos dos nosos ríos. Ao igual que a instalación de macrofactorías como Altri cun consumo elevado de auga é incompatíbel con outros usos vinculados á produción de alimentos e ao subministro humano. Por outro lado é precisa a optimización dos plans de rega existentes e a posta en marcha de outros novos onde se vexa preciso e sempre vinculados as explotacións agrarias e á produción de alimentos.
– Axudas á dotación de infraestruturas nas propias explotacións que permitan un uso máis eficiente da auga: Recuperacións de augas sucias, aproveitamento e almacenaxe de auga da chuvia, aforro e eficiencia nas captacións de auga e no seu transporte, etc.
– Desenvolver unha ordenación do territorio que permita preservar e recuperar terra agraria. Unhas explotacións con suficiente superficie agraria é unha das mellores garantías de futuro para o sector. É necesario frear a expansión descontrolado do eucalipto, unha especie especialmente consumidora de auga e que xa ten demostrado a súa capacidade para diminuír significativamente a dispoñibilidade de auga, a vez que inflúe negativamente na capacidade de retención de auga do solo, diminuíndoa e aumentando o potencial erosivo.
– Elaborar por parte da administración un “mapa da auga” que permita determinar a realidade da situación dos recursos hídricos en cada comarca e localidade, e a partir de aí, determinar a necesidade de regulación do tipo de cultivos e plantacións forestais sobre as zonas tensionadas hidricamente.
3.- Crear mecanismos de interlocución co sector agrario, organizacións e profesionais que permitan determinar e desenvolver estas e calquera outra medida que desde os diversos actores implicados se propoñan para facer fronte a todos os retos presentes e futuros.
Follow