FRUGA inicia cunha reunión co BNG os contactos cos grupos parlamentarios

Trasladamos as nosas propostas fronte ás repercusións da seca e a respecto da negociación da nova PAC

Unha delegación da Xunta Directiva de FRUGA encabezada polo noso presidente, Elías Somoza, acompañado de Manuel Dacal e Manel Casal foron recibidos no Parlamento Galego polo deputado Secundino Fernández e as deputadas Ariadna Fernández e Montse Valcarcel, responsábeis de diversas áreas vinculadas ao agro e ao rural no grupo parlamentario do BNG.

Durante a reunión trasladámoslles as nosas propostas para facer fronte as negativas repercusións que a seca deste verán está a ocasionar na actividade agraria galega e que con toda seguridade nos próximos meses levará a situacións complicadas ás explotacións gandeiras. Sinalamos a necesidade de pór en marcha por parte do Goberno Galego unha liña de axudas extraordinaria que permita facer fronte a esta situación. Ao mesmo tempo presentamos unha serie de medidas que pode desenvolver a Xunta para adaptar o noso mundo agrario ao cambio climático que estamos a vivir: Investigación e implantación de variedades vexetais adaptadas á seca, unha xestión máis responsábel e adecuada dun recurso como a auga, axudas ás explotacións para optimizar o aproveitamento da auga e unha ordenación do territorio que recupere e preserve superficie agraria e regule o tipo de cultivos e plantacións forestais (máis información aquí).

Outro dos asuntos tratados foi a preocupación polo horizonte que está a presentar a Comisión Europea para a Política Agrícola Común, PAC, para o novo período 2028 – 2034. Coincidimos  na necesidade de facer fronte á pretensión da redución de fondos para a nova PAC e a importancia de seguir conservando os dous piares que facían parte historicamente da PAC e polo tanto seguir mantendo as axudas e fondos ao desenvolvemento rural. Sinalamos a nosa oposición á “restatalización” da PAC cos desequilibrios e competencias desleais que pode ocasionar dentro do mercado común europeo, así como tamén polo perigo que na Galiza coñecemos perfectamente, por un aprendizaxe histórico, que cando as negociacións se realizan a nivel de estado as prioridades galegas quedan esquecidas. Tamén trasladamos as nosas propostas a respecto dos criterios a ter en conta para o reparto das axudas, a caracterización da hectárea admisíbel, da definición de profesional agrario, da desgresividade ou importe de pagos decrecentes e outras cuestións máis que xa están a debate tanto no ámbito europeo como no propio estado español.

Tanto nunha cuestión como na outra compartimos unha avaliación negativa do papel que o Goberno Galego do PP está a desenvolver. É inaceptábel que ante a situación tan grave na que se atopan as explotacións galegas pola seca a Xunta de Galiza non faga absolutamente nada e abandone á súa sorte ao agro galego. Non hai ningunha resposta, nin ningunha iniciativa desenvolvida para axudar aínda minimamente ás explotacións agrarias. Di moito da importancia que se lle dá ao agro e o respecto que o Goberno Galego ten polo mundo rural.

E outro tanto acontece coas negociacións xa en curso para a nova PAC e nas que a Xunta de Galiza está completamente ausente. Non vai o noso goberno galego defender os nosos intereses? No vai elaborar unha proposta galega para defender nas negociacións que se está a dar no estado? Vainos deixar abandonados unha vez máis?

Foi unha reivindicación compartida polo BNG e FRUGA a necesidade de esixir do Goberno Galego unha resposta ante as repercusións que a seca está a ocasionar e tamén a imprescindíbel elaboración dunha proposta galega que defenda a realidade da agricultura galega e os nosos intereses na negociación aberta para a nova PAC.