A Xunta de Galiza ten que actuar ante a recorrente crise de prezos no sector lácteo galego

O sector lácteo galego está a sufrir novamente os efectos dunha baixada de prezos. Esta última baixada está a supor entorno a uns 8 céntimos menos por litro de leite aproximadamente, dependendo das distintas industrias recolledoras. Esta redución está a ocasionar unha moi importante diminución nos ingresos das ganderías galegas, que se suma a unha coxuntura na que os custes de produción das explotacións están a subir considerabelmente. O aumento do prezo dos carburantes incide nos gastos propios da explotación, no prezo dos fertilizantes e outros insumos e no custe dos contratos ás empresas de servizos. A maiores os efectos da seca extrema deste verán está a reducir as principais colleitas forraxeiras e poñendo en risco o subministro de alimentación para os vindeiros meses. A suma de todos estes factores fan que nos atopemos nunha situación moi crítica para as explotacións de leite galegas.

A dia de hoxe na Galiza cobramos os prezos por litro de leite mais baixos do estado español, e este diferencial de prezos non é puntual, senón que levámolo arrastrando desde fai 16 anos, concretamente desde o ano 2010. Anteriormente chegamos a cobrar uns prezos superiores o resto do estado, especialmente nos anos 2007, 2008 e 2009 cando dende a Xunta de Galiza desenvolvéronse outras políticas agrarias.

As causas desta situación son múltiples, pero hai que destacar a desaparición da mesa do leite, o que está a permitir que unha vez mais tanto a industria como a distribución actúan libremente fixando os prezos de forma unilateral. A lei da cadea alimentar segue sendo unha mera declaración de intencións sen efectos prácticos na consecución duns prezos que cubran os custes de produción e non está a ter ningún efecto positivo para as nosas ganderías.

Igualmente, o sector lácteo galego caracterízase por non dispor dunha industria de base cooperativa, que constituíra un verdadeiro grupo lácteo galego, no que as ganderías galegas tiveran maior marxe de manobra a hora de fixar un prezo digno para o seu leite.

E un dos maiores hándicaps para as explotacións galegas, coñecendo todos estes factores, é a inexistencia dun goberno galego preocupado por esta situación e cun mínimo interese en actuar en beneficio do agro galego. As decisións que se tomaron nos últimos tempos por parte dos gobernos de Feijoó e de Rueda, foron totalmente contraproducentes para mellorar as condicións das ganderías lácteas galegas.

Nos últimos días, as industrias lácteas están a falar de posibles subas de 2 cts para as próximas renovacións contractuais. A maiores de supor novamente decisións unilaterais das industrias esquecendo os mecanismos de negociación, desde FRUGA consideramos que estas subas son totalmente insuficientes tendo en conta que se prevén importantes baixadas da produción láctea, non só no estado español senón en toda Europa, derivadas da seca que se viviu durante este verán, polo que teoricamente unha diminución da produción terá que traer un aumento dos prezos ao seguir manténdose a mesma demanda.

Por todo isto desde a FRUGA consideramos que é preciso que a Xunta poña en marcha todos os mecanismos dos que dispón para favorecer un aumento dos prezos acorde coa situación que se dá actualmente, a empezar pola convocatoria da Mesa do Leite, e non permitir que a gran distribución actúe libremente, contando co apoio das industrias que operan neste país, para o seu único beneficio e pondo en risco a viabilidade do sector leiteiro galego.