FRUGA mantén unha reunión co grupo parlamentario do PSdG/PSOE

Trasladamos as nosas propostas fronte ás repercusións da seca e a respecto da negociación da nova PAC

Santiago de Compostela 23 de setembro de 2026. Continuando coas reunións cos distintos grupos parlamentarios galegos, unha delegación da Xunta Directiva de FRUGA encabezada polo noso presidente, Elías Somoza, acompañado de Manuel Dacal e Manel Casal foron recibidos no Parlamento Galego polas deputadas socialistas Lara Méndez e Carmen Rodríguez Dacosta.

Iniciamos a reunión trasladándolles as nosas propostas para facer fronte as negativas repercusións que a seca deste verán está a ocasionar na actividade agraria galega e que con toda seguridade nos próximos meses levará a situacións complicadas ás explotacións gandeiras. Sinalamos a necesidade de pór en marcha por parte do Goberno Galego unha liña de axudas extraordinaria que permita facer fronte a esta situación. Ao mesmo tempo presentamos unha serie de medidas que pode desenvolver a Xunta para adaptar o noso mundo agrario ao cambio climático que estamos a vivir: Investigación e implantación de variedades vexetais adaptadas á seca, unha xestión máis responsábel e adecuada dun recurso como a auga, axudas ás explotacións para optimizar o aproveitamento da auga e unha ordenación do territorio que recupere e preserve superficie agraria e regule o tipo de cultivos e plantacións forestais (máis información aquí).

Outro asunto que quixemos presentar ao grupo socialista foi a nosa preocupación polo horizonte que está a presentar a Comisión Europea para a Política Agrícola Común, PAC, para o novo período 2028 – 2034. Presentámoslles as cuestións que para nós son centrais defender nesta negociación: A necesidade de facer fronte á pretensión da redución de fondos para a nova PAC e a importancia de seguir conservando os dous piares que facían parte historicamente da PAC e polo tanto seguir mantendo as axudas e fondos ao desenvolvemento rural. Sinalamos a nosa oposición á “restatalización” da PAC cos desequilibrios e competencias desleais que pode ocasionar dentro do mercado común europeo, así como tamén polo perigo que na Galiza coñecemos perfectamente, por un aprendizaxe histórico, de que cando as negociacións se realizan a nivel de estado as prioridades galegas quedan esquecidas. Tamén trasladamos as nosas propostas a respecto dos criterios a ter en conta para o reparto das axudas, a caracterización da hectárea admisíbel, da definición de profesional agrario, da desgresividade ou importe de pagos decrecentes e outras cuestións máis que xa están a debate tanto no ámbito europeo como no propio estado español.

Tanto nunha cuestión como na outra fixemos unha avaliación negativa do papel que o Goberno Galego do PP está a desenvolver. É inaceptábel que ante a situación tan grave na que se atopan as explotacións galegas pola seca a Xunta de Galiza non faga absolutamente nada e abandone á súa sorte ao agro galego. Non hai ningunha resposta, nin ningunha iniciativa desenvolvida para axudar aínda que sexa minimamente ás explotacións agrarias.

Outro tanto acontece coas negociacións xa en curso para a nova PAC e nas que a Xunta de Galiza está completamente ausente e polo tanto sen defender os intereses galegos nos debates que se están a dar dentro do estado español.

Tanto o PSOE como FRUGA compartimos a necesidade de esixir do Goberno Galego unha resposta ante as repercusións que a seca está a ocasionar e tamén a imprescindíbel elaboración dunha proposta galega que defenda a realidade da agricultura galega e os nosos intereses na negociación aberta para a nova PAC.

A última cuestión que quixemos presentar foi a situación que se está a dar co incremento desbocado do prezo dos combustíbeis e as repercusións que está a ter nas explotacións galegas. Incidimos na necesidade de que se sigan mantendo e incrementando as axudas activadas tanto para a compra do combustíbel como dos fertilizantes mentras se manteña esta situación de crise de prezos.