O recoñecemento dunha vella bisbarra do viño

Ainda non ten nome pero xa a criatura se esta concebindo, xa existía, e existirá centos de vendimas máis. A Federación de Furancheiros e Viticultores de Pontevedra, encabezada polo viñateiro e furancheiro José Luís Videira e coa colaboración da AGV van demandar a creación dunha nova denominación xeográfica de calidade para as viñas e viños dos concellos de Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela e Vilaboa. É unha vella aspiración tras a frustación de que varias zonasa das Rías Baixas non puideran no seu día entrar na DO do mesmo nome. Agora  se avoga por unha Indicación Xeográfica Protexida e que identifique unhas zonas de longa tradición no cultivo da vide e o comercio do viño, con máis de 2500 has de viñedo e onde se atopa actualmente a maior concentración de furanchos no país, con máis de 400 establecementos espallados pola zona. Con castes prestixiadas como albariño, tinta femia ou espadeiro, e onde se teñen inciado adegas comercais con recoñecento, asociacións profesionais de viticultor@s que teñen reconvertido moitas viñas. Por iso desde a Federación de Furancheiros e Viticultores van recabar o apoio dos concellos implicados, e oturas institución implicadas para levar adiante este proxecto.

Jose Luís Videira na súa viña do Hío en Cangas. Fonte AGV

A Federación de Furancheiros e Viticultores de Pontevedra e a Asociación Galega de Viticultura demandan unha revisióm pública do Rexistro Vitícola do Morrazo

Proposta de zona nova de viños. Fonte AGV

Diante da inminencia da publicación dunha orde no que se procederá a repartir 200 has da Reserva Galega de Dereitos de plantación de viña a Federación de Furancheiros e Viticultores de Pontevedra e AGV-FRUGA queren demandar á Consellería de Medio Rural e Mar a inmediata revisión publica dos dereitos existentes na area do Morrazo e outras zonas lindantes como Redondela, Pontevedra e Poio. Esta demanda ven motivada polo descontento existente no sector viñateiro das zonas citadas ante a nula disposición amosada pola administración no que respecta á posible perda de potencial viticola que poida ir a outra bisbarras galegas. E sabido do interese especial en que se recoñezan e califiquen os viños de calidade da bisbarra das rías de Pontevedra e Vigo, xa que están a sufrir un importante agravio histórico en comparación a outras zonas e tamén polos proxectos e iniciativas levados adiante no ámbito vitinícola. O previsto reparto de dereitos non contempla aos territorios que non teñan Denominación ou Indicación Xeográfica polo que se estaría limitando o futuro próximo da economía vitícola no Morrazo e areas lindantes.

Viñedos en Cangas do Morrazo. Fonte AGV

 

Print Friendly
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter
Publicado en Análise e opinión, Información e Servizos | Deixa un comentario

Ultimos eventos antes da Vendima

Xa nos vai chegando o tempo da colleita, o tempo que fai duro exame o feito ou non feito durante o ano, ou o que o tempo climatolóxico e saúde permitiu facer,  pero aínda faltan días, e ademais hai retraso na maduración con respecto ao nao pasado xa que a falla de choivas no inverno se notou, sobre todo nas bisbarras interiores, temos tamén mellor colleita polo tempo revolto na altura da floración, son as circunstancias, e quedan os últimos eventos festivos como a Festa da Vendima en Leiro e a Festa do Viño do Condado, e algunha outra actividade que organiza a AGV como unha visita enoturística a Valdeorras e a participación por primeira vez na Feira Franca.

A Festa da Vendima sempre cae no último domingo de agosto, vai sendo unha exaltación festeira, gastronómica e etnográfica coa oferta de polbeiras, carne ao caldeira, churrasco a esgalla, e o desfile de carrozas alegóricas aos traballos da viña e adega, os premios ao mellor acio da próxima colleita,….  E logo a vicedecana das Festas e Feiras do Viño, que  será a LIII Festa do Viño do Condado, que desde Tui a Crecente nos oferta o mellor desta ribeira miñoteira e que case sempre abre as primeira vendimas na DO Rías Baixas,.

A AGV remata tamén a seu calendario de traballos antes da vendima, despois dun intenso periodo con todo tipo de actividades, e que coincide co 3º aniversario e da que daremos contada crónica nos próximos días. O domingo 26 hai unha excursión de veciños do pobo viñateiro de Tomeza onde o Lérez e que van coñecer de primeira man viñas, adegas e patrimonio histórico, aprovetando mesmo que as uvas están recén pintadas polo que a ocasión é única para admirar as diferentes castes. Nunha das adegas vaise parar a xantar para aprezar a boa gastronomía da zona para finalmente admirar unha das nosaas xoias arquitectónicas máis singulares, o Santuario de Santa María das Ermidas no Bolo que está encaixada entre os socalcos que dan o río Bibei.

E nos días 31 de agosto e 1 de setembro a AGV montará unha tabernta medieval na Feira Franca de Pontevedra onde poder apgar a sede cunha selección de máis de 20 referencias de viños, augardentes e licores elaborados por adegas asociadas á AGV. Estaremos onde a Praza da Pedreira que é lugar da Sede do Consello Reguladores da DO Rías Baixas, daremos homenaxe a aqueles mareantes, arrierios, pipeiros, taberneiros que desde os seus gremios atendían ao trasego comercial e cadea de valor do viño xa desde Idade Media na Cidade de Pontevedra, ver PROGRAMA FEIRA FRANCA 2012 WEB.

Print Friendly
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter
Publicado en Eventos, Promoción de viños | Deixa un comentario

XV Feira do Viño de Valdeorras, VII Feira do Viño de Monterrei, Festa das Adegas en Mandín e Carretada do viño en Vilaza

Temos unha fin de semana de máxima tensión vínica con catro acontecementos como as Feiras do viño de Valdeorras na súa XV Edición e na VII edición a Feira do Viño de Monterrei. Tamén hai outros eventos, como a Carretada do Viño en Vilaza, no concello de Monterrei onde se abren as adegas do lugar e se pode degustar un viño desta senlleira localidade viñateira, e a non menos tradicional festa das Adegas da Amizade Arriana de Mandín no concello de Verín na que se fai honra báquica aos vencellos de galegos e portugueses de aquén e alén da raia baixo o liderado do Francisco Pérez Diéguez, o Xico. Disfrutemos pois dos encantos que se xuntan no noso ouriente galego onde xentes e viños dan o mellor de seu.

Desde arriba á esquerda Festa das Adegas de Mandín, Feira do Viño de Valdeorras, Feira do Viño de Monterrei e viñedos de Vilaza. Fonte AGV

Print Friendly
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter
Publicado en Eventos, Promoción de viños | Comentarios desactivados

Mostra dos Viños de Vilaboa. Pregón de Xavier Castro.

Nos pasados días 11, 12 e 13 de maio houbo a primeira Mostra do viño de Vilaboa, unha primeira e oficiosa tentativa de ter un escaparate público dos viños da bisbarra do Morrazo, que xa levan tempo dando que falar coa súa tradición dos furanchos, viños singulares de lugares como as areas de Donón ou a fama da zona de Hío. E en Vilaboa onde se teñen organizado os seus viticultores de xeito serio, co liderado de Guillermo Martínez, viticultor que xa ten lanzado unha marca, Os Areeiros e tamen posto en marcha unha iniciativa de turismo rural, ou mesmo citar a Manolo da Cañoteira, ditinguido furancheiro que coa súa famila levan adiante a máis senlleira das nosas actividades enoturísticas.

Os distinguidos e premiados na Mostra foron os seguintes:

Primeiro premio no branco: Manuel Collazo Fernández
Segundo premio no branco: José Blanco Martínez
Terceiro premio no branco: Manuel Garrido Currás

Primeiro premio no tinto: Elvio Gómez Otero
Segundo premio no tinto: Manuel Torres da Casa da Cañoteira
Terceiro premio no tinto: Nacho da Rúa

Distinción especial nos viños brancos e tintos: Guillermo Martínez de Os Areeiros

Nesta Mostra contouse cun xurado onde estiveron Jorge Cardoso e Roberto Rivas por parte da AGV, Pablo Estévez por parte da Asociación Galega de Enólogos e Antonio Portela por parte da Asociación Galega de Sumilleres AGASU, e finalmente co necesario destaque da concelleira Ornela Fernández e o concelleiro Xavier Míguez que foron os que impulsaron este evento que esperamos longa evolución no tempo e como os bos viños que mellore cada ano.

Xavier Castro na leitura do Pregón. Fonte AGV

Tivemos a sorte de contar con Xavier Castro, que xa non é necesario falar moito da súa andaina académica pola historia do viño e da alimentación na Galiza. Por xentiliza do propio Xavier temos acá seu pregón sobre esta primeira Mostra dos Viños de Vilaboa, antesala e xermolo dunha vindeira zona de viños que tamén sexa ampararada oficialmente como zona de seu, coa súa tradición e diversidade de castes que a situen no lugar que sempre debeu ter, e a pesares de malentendidos e algunha qu otura decisión arbitraria, como no seu tempo a non inclusión na actual DO Rías Baixas.

Esta Mostra e o que foi anteriormente o I Foro dos Viños do Morrazo axudaran a petar en non poucas portas onde demandar atención. Por iso en moitos anos longa vida aos Viños de Vilaboa, do Morrazo e da Ría de Vigo…

PREGÓN

1ª Mostra do viño de Vilaboa.

Por: XAVIER CASTRO (Catedrático de Historia e autor do libro: “A rosa do viño”)

Moi boas tardes.
Convén salientar a importancia do viño na cultura popular. O viño antano, era todo: era quen de dar calidade de vida.

Viñedos en Vilaboa. Fonte AGV

Os galegos temos uns gustos particulares en materia de viños. Satisfeitos coa súa graza, a poucos descontenta a lixeireza e o chisco de acidez que lles infunde o terroir propio do noroeste. En calquera caso, ardua tería sido a sorte dos galegos no seu decorrer histórico sen os seus viños. Para a nosa xente o viño foi unha grande ledicia: funxiu como alimento,  alboroque, conforto e quentura; foi requirida tamén a súa presenza na relación social, veciñal e amistosa, e por suposto no amor. E a todos pareceu, ademais, de todo punto indispensable na festa. Alguén que traballa con modestia na viña da historia intúe que os viños de Galicia son coma nós: persoas -no dicir de Cunqueiro- de corazón tranquilo, humildes, honestas, suaves e un chisco remisas. Tamén peculiares, individualistas e querulantes, en correspondencia co feitío dun país de acendrado minifundismo e dispersión, atravesado por unha mesta rede de corredoiras en quiasma reflectidas en certa maneira nunhas idiosincráticas encrucilladas mentais. En tal territorio de aparencia natural, pero en verdade froito dun complexo entramado de vicisitudes sociais, xurídicas e produtivas (como sinalaba Pla, as paisaxes as fan os notarios; os campesiños soamente as decoran) entreverase un amplo elenco de propietarios entregados ás labouras de desenvolvemento duns cultivos de acusada diversidade. Sobrancea entre eles o doce verdor dos viñedos que se erixen nun dos primordiais riscos definitorios dunha paisaxe de bocage que se ordena en agradable mosaico.

Momento da Mostra. Fonte AGV

Salientan neste marco xeral as sollosas ladeiras de Vilaboa, asomadas placidamente á ría de Vigo. Os seus viños, nomeadamente os tintos que eran os máis abondosos, gozaron de merecido aprecio nas comarcas dos arredores, e constitúen un dos capítulos da orde dos viños galegos, moi senlleiros entre os elaborados en todo o arco Atlántico.

Estamos hoxe a vivir un estimulante proceso de recuperación das castes tradicionais, o que reviste notable importancia: o viño é o sangue da terra e conforma a identidade do país, que tamén ten unha vertente enolóxica xa que aporta uns gustos e uns sabores xenuínos.

Convén auspiciar a elaboración do viño que parta das castes propias, que retrocederon a raíz das crises provocadas polos andazos do oídio, o mildeu e a filoxera, a finais do século XIX e comezos do XX. Isto provocou a introdución das castes “americanas”, resistentes ás pragas, en portaenxerto ou mesmo directamente, amén doutras foráneas, que eran máis produtivas, sacrificándose a calidade en aras da cantidade. Mentalidade que vai indo felizmente en paseniño retroceso, pero que hai que levar a termo.

Botella oficial da mostra e seu cataviños. Fonte AGV

Velaquí o repertorio das nosas castes conspicuas: Tintas, antano dominantes: Tintafemia (Bazoco), Negrón, Mouratón, Brencellado, Sousón, Espadeiro. Brancas: Caiño, Treixadura, Albariño e Torrontés.

Semella oportuno traer a colación as palabras de Cunqueiro: “Xa sei que agora hai outras cepas, e que se queren colleitas longas, vendimas fartas, e que as vellas cepas do país dan pouco”. Esta pretensión, tan errónea, era basicamente produtivista, e non se orientaba a procura de viños de calidade. E así as cousas, amante da identidade enolóxica de Galicia, como bo galeguista, era don Álvaro un bebedor consciente da necesidade de recorrer mesmo se preciso fora a argucias detectivescas: “sei que hai que buscar onde están escusados, en qué adega viven os grandes viños nosos”. Por fortuna, por veces, as pesquisas daban froito: “Algunha que outra vez, tócame un ao que hai que tirarlle a pucha”, dicía.

Compre reivindicar tamén o emprego de lévedos (fermentos) xenuínos, descartando os estandarizados e industriais.

Considero que é unha boa idea promocionar a cultura vitícola tradicional, por revestir unha grande relevancia para o desenvolvemento local (non hai nada máis universal que o local con personalidade propia). É mester poñer en valor os viños artesáns, sen esquecer tampouco aqueles que ostentan un feitío moi específico e particular, os viños de autor. Compre tamén asumir, na medida do posible, un enfoque ecolóxico na procura da mellora do cultivo dos viñedos e da elaboración dos caldos. Esta orientación fará posible a obtención dun certificado ou selo de calidade.

O viño faise na viña. Convén poñer en valor non só a cepa, que se pode cultivar noutros lugares, senón o chan específico, o terruño (terroir) que o produce, o locus. O bo viño debe expresar a terra da que agroma e ostentar un nome enxebre por divisa.

Compre valorar a importancia do terroir. Noutras partes poderán cultivar as nosas variedades, pero non disporán nunca da terra que nutre estas videiras, nin albiscaran endexamais as mesmas as nubes que navegan por este ceo. Tampouco dispoñen do voso xeito e saber facer, que se beneficia dunha vedraña cultura do viño.

Non podo menos que facer a loanza dos Adegueiros que traballan as súas propias viñas, que transmiten o su persoal estilo á videira que cultivan e ao viño que, con grande amor, elaboran no propio lagar e na adega familiar.

Imaxe da Mostra na no lusco. Fonte AGV

Incitaba Cunqueiro, que tanto amou estas terras, a procurar a variedade de matices e de sabores que propicia a enoloxía artesanal, ou ben a de orientación técnica e moderna, pero sensible e atenta á consideración do viño como un produto de cultura, e non só como unha mercancía calquera. O importante para o escritor mindoniense, e tamén para José María Castroviejo, era fuxir dos sabores previsibles e do tedio que conleva a homoxeneización excesiva da produción en serie.

Os viños de nós, que tamén saben durar anos, gozan de irrefutable mocidade e gustan de ser moi humanos compañeiros. Constitúen a nota máis leda na sinfonía das nourritures terrestres e son peritos na arte do amizoso reconforto, destilando no espírito grolos comparables as palabras insustituíbles e necesarias, cando máis en falta as botamos. Quécennos o corazón cando sentimos que botan o seu brazo por riba do noso ombreiro e nos apertan contra eles transmutándonos en parella moza que estrea o palpito inédito dun nacente namoro. O viño que se franquea na copa constitúe unha forma de amor, que, como enunciaba Gil de Biedma nun poema, ten notable calidade de vida. E é quen sabérnola dar. Grazas a el, nada queda dentro da nosa alma inmóbil, xa que o viño move á primavera e medra como unha pranta de alegría, é o vento que move o día, facendo que o corazón ascenda ás polas. Xa que logo, permitamos que o cántaro de viño, ao bico de amor sume o seu bico, e, deste xeito, apliquémonos, con Neruda, a propagar o fraternal cántico do froito.

Premiad@ e distinguid@s na Mostra. Fonte AGV

Viños todos, os nosos, de notable graza e que producen gran suxestión, pero de moi diversa índole; como os evocaba Neruda, tanto da cor do día, como da cor da noite, con pes de púrpura ou sangue de topacio. Para os galegos constitúe un pracer grande, e toda unha sorte, ter tantos e tan diferentes viños. Opinaba hai anos José Bergamín que no ámbito da cultura francesa era posible ler á carta, en tanto que no española era mester conformarse cun menú de prato único. Algo semellante acontecía co abano de viños dispoñibles. Porén, nos nosos días tamén é posible en Galicia ler á carta, dada a riqueza e variedade de posibilidades de elección en materia de libros, e beber asemade con moi cumprida satisfacción, ó podermos escoller entre uns mostos de moi subidas prendas e de moi distinta faciana.

Alvaro Cunqueiro, e Pablo Neruda, citados no pregón.

Non hai dúbida que melloran así os praceres sociais. E constitúe tamén unha fortuna para cada persoa ter un repertorio de opcións tan amplo, no que resulta moi doado escoller un viño axeitado para compartir os distintos momentos da existencia.

Ao cabo, hai que ter en conta a perspectiva de posta en valor do viño como un produto galego de calidade. Non se debe esquecer tampouco o enfoque de turismo enolóxico: enoturismo concibido nun marco integral que vencelle a gastronomía e o viño, coas diversas expresións da cultura popular, a paisaxe, as casas rurais, o sendeirismo e o goce das praias.

¡Animo, pois, nesta valente empresa da mellora dos nosos viños!
¡Meus amigos: que disfrutedes con ledicia destas gratas horas de lecer na compaña dos bos caldos que para goce do padal sérvense na MOSTRA DO VIÑO DE VILABOA!

Moitas Grazas pola vosa atención.

En segundo plano, no stand, Guillermo Martínez (á esquerda) e Manolo da Casa da Cañoteira. Fonte AGV

Print Friendly
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter
Publicado en Eventos, Promoción de viños | Deixa un comentario

Xornada Técnica e Túnel do Viño na LX Festa do Albariño

Un ano máis nos vemos na máis anterga das festividades dos nosos viños, nade menos que 60 anos desde a primeira en Cambados, e desde a AGV queremos destacar duas actividades, aparte da propia exposición de adegas onde degustar os seus viños, por unha parte a Xornada Técnica que se organiza para o venres na tarde e o Túnel do Viño que se fai por segunda vez por parte do Consello Regulador da DO Rías Baixas e a Asociación Galega de Sumilleres AGASU. Para o resto das actividades podédelas descargar Programa_Albariño_2012

Na Xornada Técnica haberá tres temas de moito interese, como pode ser aspectos enolóxicos como o papel do oxixeno na fermetación e evolución dos viños brancos, papel moitas veces aínda contradictorio na sua avaliacion, xa sexa no positivo ou no perxudicial. Despois se tratarán aspectos ligados á ampelografía da caste posiblemente máis estudiada do nos país, por unha banda a selección clonal que se aborda desde diferntes centros de pesquisa e experimentación e por outra o estudio das orixes do albariño, que seguro que moita xente non o temos claro. No Túnel do Viño que organiza a AGASU para o Consello Regulador dicir que tivo moi boa acollida no ano pasado coa primeira tentativa, precisamente a petición dos representantes da AGV no Consello Regulador da DO Rías Baixas.

Presentación recente dos viños de Rías Baixas na Coruña. Fonte Javier Vilas

Xornada Técnica do día 3 no Museo Etnográfico e do Viño

16:30 h. Presentación das conferencias.

16.45h. Oxíxeno e viño branco: inimigos íntimos.
José Manuel Álvarez. Licenciado Ciencias Químicas. Departamento de
Investigación Aplicada AEB Ibérica- AEB-Group.

17.45h. Resultados da selección clonal do cultivar Albariño.
María José Graña Caneiro Enxeñeiro Agrónomo Estación
Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia.

18.45h. O Albariño e os liñaxes galegos da vide.
Emilia Díaz Losada-Dra Bioloxía. Estación de Viticultura e Enoloxía de
Galicia EVEGA. Santiago Pereira Lorenzo-Enxeñeiro Agrónomo
Catedrático da USC (Escola Politécnica Superior Campus
Lugo)

Túnel do Viño no ano 2011 en Cambados. Fonte AGASU

Túnel do Viño nos día 2,3 e 4 de agosto, xoves, venres e sábado.
11-13.30h/18-20.30h Túnel Profesional do Viño organizado
polo Consello Regulador da D.O. Rias Baixas, no Salón de
Congresos e Exposicións José Peña. (15€/persoa).

Print Friendly
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter
Publicado en Eventos, Promoción de viños | Deixa un comentario