A AGV dáse a coñecer en Santo André

No mediodía do 2 de xullo de 2011,, o Presidente da FRUGA, Xurxo Álvarez, fixo “descuberta” da placa do novo local da AGV en Ribadavia, diante dalgúns asociados/as presentes e que puideron ollar as boas, aínda que modestas, prestacións da nova oficina.

Logo na tarde, ante case unha centea de persoas entre viñateiros/as, enólogos/as, técnicos/as, e persoas en xeral amantes do viño, entre as antigas pedras da magna Reitoral de Santo André de Campo Redondo, tivemos o acto de inauguración da sede social da Asociación Galega de Viticultura, situada na Casa Sindical da Vila de Ribadavia. Presentou o acto o Presidente da AGV, Roberto Rivas, viticultor do Salnés e que deu a seguinte benvida, toda unha declaración de intencións sobre o traballo que desenvolve a asociación.

“Boas tardes e benvidos ao Ribeiro.

Supoño que cando recibistes o convite, xa supuxestes que o local da Asociación Galega de Viticultura non era a Reitoral de Santo André, que por certo hai que agradecer ao Museo Etnolóxico de Ribadavia as facilidades para organizar este acto, así como a colaboración do Concello de Ribadavia e a Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro. O local da AGV está na Casa Sindical de Ribadavia, e nos tomamos o pretexto da inauguración para facer esta xuntanza.

En primeiro lugar, debo presentarme. Son Roberto Rivas, viticultor do Salnés, e Presidente da AGV. Presentar tamén á xente que me acompaña nesta mesa e de que seguro son os que farán que esta charla sexa interesante. Xosé Lois González Vázquez, máis coñecido como “O Carrabouxo”, debuxante e humorista; Antonio Portela, bloguista e sumiller; Nemesio Barxa, xurista e Presidente da Irmandade dos Vinhos Galegos; e por último, Xurxo Álvarez, viticultor do Ribeiro, compañeiro da AGV e Presidente da Federación Rural Galega (FRUGA).

Antonio Portela, Nemesio Barxa, Roberto Rivas e Xurxo Álvarez

A FRUGA, este paraugas baixo o que nos acollemos as distintas asociacións sectoriais que temos espalladas polo país adiante, traballando no viño, no vacún de leite, no de carnte, na horta e mesmo no sector forestal. A FRUGA é a ferramenta que creamos para aglutinar todos estos esforzos. !Hai que dicir que hoxe debe ser un día importante xa que veu o xefe!.

A AGV xurdiu fai pouco máis dun ano pola necesidade, que vimos algúns viticultores en ter un foro de debate, no que compartir as nosas experiencias e trasladarllas ao resto de viticultores; a través de cursos de formación ou mesmo a través do nosos blog que xestionamos desde hai uns días..

Ademais de cursos de formación de viticultura, vimos tamén a necesidade de facer formación con cursos de cata, e coas Catas de Promoción dos Viños Galegos (que por certo, vedes que a imaxe destes cursos é, como non, “o carrabouxo”, do que non temos moi claro se entende moito de viños pero exercitar exercítase).

Estes cursos escomenzaron para achegar aos consumidores galegos os nosos viños e as nosas Denominacións de Orixe para demostrarlles que non temos nada que envexar, se de calidade falamos, a viños doutras latitudes.

Estamos traballando tamén en proxectos de dinamización da viticultura en zonas que outra xente chama de viticultura residual, e que nos gostamos de definir como zonas cun explendido futuro. Estoume a referir aos Viños da Terra de Barbanza e Iria, os Viños da Terra de Betanzos, os viños de Pontevedra-Morrazo-Redondela, e mesmo o que para min foi un grande descobremento persoal o Branco Lexítimo de Negueira de Muñiz. Alí onde haxa un grupo de viticultores dispostos a facer unha viticultura de calidade, alí, se achegará a AGV.

Realizamos tamén un traballo sectorial nos consellos reguladores nso que temos representación. Xurxo Álvarez no Ribeiro, o compañeiro Amadeo en Monterrei, e Antonio Álvarez e eu mesmo en Rías Baixas. A partir do vindeiro ano, esperemos ter tamén representación en Ribeira Sacra e Valdeorras. Por nos que non vai quedar.

Presentarémonos en solitario ás eleccións ou negociaremos con quen sexa preciso, pero sempre dende uns principios irrenunciabeis como por exemplo:

 

  • 1) Defensa a ultranza dos contratos homologados, como único marco sensato de relación entre viticultores e adegueiros. A paz social que trouxeron os contratos ás DOs que os teñen, ten que ser trasladada as todas.
  • 2) Defensa da calidade a través do control de rendementos por parte dos consellos reguladores, como única vía de manter a calidade, e diferenciar os nosos viños no mercado.
  • 3) Demandar das administracións públicas que rematen os recortes aos que está a someter aos Consellos Reguladores nas subvencións adicadas ao control e a promoción. Non poden encher a boca dicindo que o futuro esta na internacionalización, e logo recurtar as axudas para promoción un 50% como fixeron este ano.
  • 4) Debemos seguir insistindo dende as nosas vogalías nos consellos reguladores e que o galego debe ser a lingua vehicular das denominacións de orixe dentro do País.

Por último, recórdarvos que mais una vez tomedes o texto como pretexto e vos pasedes pola Feira do Viño do Ribeiro. Nada máis, moitas grazas e deixo vos con Xosé Lois”.

Xosé Lois do Carrabouxo

Xosé Lois deu un saúdo socarrón ao público asistente, manifestando o seu orgullo por ser do Ribeiro, ele síntese contento por deseñar o logo central da Campaña “Beber do País” e de que por fin tería o cataviños co Carrabouxo, con habitual rexouba e retranca ensarillou varios contos sobre o “Manoliño” ao referirse a varios tópicos do viño e das súas xentes.

 

Logo tomando un viño
Xosé Carlos Sierra, Director do Museo Etnolóxico de Ribadavia

Antonio Portela seguiu coas intervencións falando da súa experiencia co seu blog, e na que enfiou a andaina recente dos nosos viños, e como un esquema de ida e vinda, describiu como se recuperaron as nosas castes e zonas, chegando a ofertar viños monovarietais das nosas diferentes variedades, mesmo algunhas minoritarias, para logo prever un futuro onde se poidan acadar viños polivarietais de maior complexidade expresivas. Tamén se referiu Portela que ao estarmos nun mundo globalizado, e sobre todo co concurso da internet, moita xente pode saber dos viños galegos, xa non estamos isolados como hai pouco, en que o produciamos e consumiamos nos. Esta ligazón entre terra e informática hai que vela en termos de oportunidade, ao final nos temos os nosos criterios de calidade ben asentados e non dependen de como nos poidamos comparar con algunha outra zona coñecida de fora.

Nemesio Barxa falou da importancia de valorar na súa xusta medida a todos os viños do país, non valoralos como mellores ou piores, de albariño ou treixadura, se non no que significan como expresión de cultura e identidade nosa.

E finalmente Xurxo Álvarez rematou as intervencións cun discurso máis “político” e sinalou a importancia de asociarse hoxe nestes tempos para poder acadar máis oportunidades de desenrolo económico e social colectivo.

Xosé Lois e o historiador Anselmo López Carreira
Raquel Vizcaya, a sumiller Marina García, Antonio Portela e sorrindo o enólogo Roberto Regal
1º foto con Portela, Antonio Cajide da adega Sameirás e Raquel Vizcaya. Na 2ª o enólogo Alexandre López e o elabordor da adega ALAN Joaquín Sánchez
Puri Caldelas, Andrea Ayala. Na 2ª foto o enólogo Roberto Taibo e Roberto Rivas.
Rui Oliveira, Antonio Súarez, Jorge Cardoso e Puri Caldelas degustando un tostado ao sol do Ribeiro

Logo das palabras pasamos a unha modesta proba de petiscos e viños, entre eles comentar os “Treixadura “Selección Costeira” que a Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro trouxo para o acto así como outros viños como o Eloi Lorenzo, Abadía de Virmadeus. Alan de Val Mencía, Viña Cazoga, Xirpín, Alan de Val Pedrazais godello e o Xenérico Mencía da DO Valdeorras. Nas conversas xurdiron novas posibilidades de traballo, de acción e de expansión na tarefa que ten a desenvolver a AGV.

Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter