No día 29 de xuño houbo unha xornada intensa sobre a viticultura e viños da Terra de Betanzos, no CFEA de Guísamo xuntáronse viticultores, técnicos/as, adegueiros, profesores/as, etc para tratar un amplo abano de temas; castes, sistemas de plantación, uso razoado de herbicidas, fenoloxía, gastronomía, cata, etc.
Branca Lexítima
Despois das primeiras charlas asistimos á palestra de Francisco Rego da EVEGA para falar da caste Branca Lexítima e súa implantación na Galixa, e que o poñente ampliou a Gallaecia histórica, de certo hai plantacións básicamente no Barbanza, Terra de Betanzos e a Cunca do Navia en Negueira de Muñiz, en Asturias na cunca do Narcea. Atoparonse tamén cepas isoladas na Ribeira Sacra, en Sober, e tamén en Lobeira na Baixa Limia, nestos últimos casos a orixe esta por determinar.
Estase a falar por tanto de zonas diferentes no norte do país e polo tanto de potencialidade diversa. En opinión de Francisco os ensaios sobre o potencial da Branca Lexítima deben extenderse nas propias viñas das zonas citadas, nomeadamente nas tradicionais “barras” da Terra de Betanzos, eses datos completarían as valiosas observacións dos campos de ensaio como a da CFEA de Guísamo. O Rego salientou que efectivamente o ambiente límite da zona de Betanzos obriga a facer as cousas moi ben, e unha valiosa axuda é principalmente a nosa historia milenaria de viñas, os propios nomes dos sitios indican os emprazamentos óptimos, e así haberá unha viticultura adaptada para a Branca Lexitima ou outras castes como a Agudelo, Godello, Mencía ou Serradelo (Brancellao).
Por tanto a propia disposición das barras tradicionais, con altas densidades en cepas baixas e orientadas ao sur, pode indicar un dos xeitos a traballar, a tradicional parra esta condicionada pola dispoñibilidade de humidade suficiente, a mecanización vera tamén condicionada por outras variantes, as propiasa podas son tamén moi influentes como no caso da Branca Lexítima a poda corta, e xa non digamos as variacións do ano, como o 2011 que está sendo extremadamente seco, ao final Betanzos ten zonas diferentes e elaborará viños tamén diferentes.
Seguindo o Profesor Antonio Meixide,” Tonecho”, fixo unha exposición sobre os diferentes proxectos que se estan a desenrrolar na CFEA como os ensaios comparativos coa EVEGA , Subestación de Ribadumia e a Adega de Ponte da Boga; a experimentación con diferentes porta-enxertos, etc. Falou Tonecho da procedencia das plantas postas no centro que se trouxeron de Maceda (Ourense) e as últimas de Portugal. Básicamente o ensaio se guía pola comparación entre diferentes técnicas de cultivo e portaenxertos como o 196-17 e o 101-14, as operación de plantación e labrado se fan exclusivamente na liña das cepas (mínima labranza) co concurso do subsolador onde logo despois se aplica herbicida de xeito puntual coa axuda dunha reixa especial se colocan os enxertos aos que se acompaña con fertilizante de liberación lenta e humus, o que se procura é que as raizes exploren a banda da liña de cepas e non se teña que labrar na gavia entre liñas e na que pasan e compactan as diferentes máquinas. Nas condicións da CFEA os solos da viña experimental teñen moita pedra, moita herba e pouca materia orgánica polo que non é posible facer todas as posibilidades de labrado, no que respecta aos adubados se farán os necesarios encalados para non alimentar o vigor das plantas. Foi visionado un video producido por Julio Pin Fernández (con música de rock) no que puideron ver todas as operacións citadas, será colgado en breve polo CFEA así como o todos os relatorios da xornada.
O Agudelo
O Agudelo é na realidade a Chenin Blanc, caste coñecida polos mundialmente afamados viños do Loira na Franza onde se pode destacar como exemplo a Nicolas Joly ou o finado Didier Daguenau. Esta variedade xa esta implantada en moitas latitudes como California e Sudáfrica. Segundo pesquisas da Misión Biolóxica de Galicia foi introducida nas nosas terras ao comezos do século XX, no que respecta ao seu ciclo de maduración estaría próxima ao torrontés, ou sexa máis serodia que a Branca Lexítima e o Godello e máis temperán que a Treixadura ou Loureiro. A poda é sinxela e os os viños teñen notas de noces, mazapán e albaricoque
Gastronomía da Terra de Betanzos
A Profesora do CFEA Pilar Castro García apresentou unha iniciativa de colaboración co IES Paseo das Pontes, que por certo que nos facemos eco do anuncio do seu inminente peche por parte da Xunta de Galicia, nesta ocasión o Profesor de Cociña Victor Patiño falou das posibilidades gatronómicas dos productos locais da Terra de Betanzos no que respecta a horta, carne, viños e licores, así o xantar consistirá en delicatesen elaboradas por persoal do citado IES para o evento, no que se puideron dar un novo formato culinario ás empanadas, xudias, tomates, pataca, tenreira, fabas, mexilón, algas. etc. apoteósico (ollar menú), todo moi ben acompañado polos viños da zona e sidra que elabora a propia CFEA.
Victor comentou a necesidade de vender os nosos productos agrarios a través do traballo da hostelería, xa que se aumenta o valor deles e mesmo se pode crear valores do que estaba deprezado, puxo como exemplo a fazula da tenreira que non tiña valor antes e agora multiplicouse por 15!, desde logo non se comprende como a actual administración vai cometer tal atropelo co peche deste Instituto, así nos vai, temos de tomar conciencia colectiva do desastre que supón cortar o potencial da nosa educación e formación de futuros cadros de excelencia.
Logo do excelente xantar continuou David Vázquez Vidal e Luís Quinteiro sobre as técnicas de pradeira permantente, aplicación de herbicidas na liña de cepas, aplicacións fitosanitarias e operacións en verde na viña experimental con Branca Lexítima e Agudello. Aínda que os relatorios serán baixados na páxina da CFEA, poderiamos resumir que as técnicas adoptadas procuran un mantemento permantente durante todo o ano da pradeira natural da viña no que respecta ás gavias coa única intervención das máquinas de sega (sobre 4-5 veces) e a aplicación en liña de diferentes herbicidas (ensaios con combinacións de glifosato ao 36% , flazasulfuron ao 25%, glifosato ao 18% e terbutilazina 34,5%), comentou Luís Quinteiro que algúns destes herbicidas seguían actuando 1 mes despois da súa aplicación, e ao final con aplicadores de campana e boquiñas de abano con reducido gasto de materia activa se puido solventar o tema con 3 escardas químicas na liña e 5 segas na gavia.
Sobre as operacións na cepa a Branca Lexítima precisa dunha poda longa e o Agudello unha corta. Son importantes as operacións de defillado e desnetado para favorecer a luminosidade na parede foliar (sobre todo antes da floración), puídose observar na viña experimental como os gromos da punta seguían medrando a pesares do ano tan seco que temos. Durante os meses de xuño as operacións de despuntado, desnetado, deschuponado (quita de ladróns), e eliminación de acios é constante, de feito é o elemento de custe maior pola mao de obra necesaria, os primeiros desfollados son ao nacente para evitar a queima do sol de poñente, no final se deixa un acio por vide, esta carga pode ser a axeitda para as condicións de falla de humedade nos solos da zona de Betanzos (sobre todo en agosto).
No que respecta ás aplicacións fitosanitarias se traballou coas técnicas de aplicación razonada e oportuna de materias activas sistémicas (mancozeb e metalaxil) que no que levamos de ano só houbo que aplicar 4 voltas. A última charla foi sobre a fenoloxía da Branca Lexítima e o Agudelo na viña experimental.
Logo na visita á viña experimental se procedeu a ver as diferentes maquinas para labrado e aplicación de materias fitosanitarias e tamén os trebellos para ancorar os postes de madeira e súa introdución (diferentes tipos de estroncas ou mortos), tamén ferramentas para facilitar o aliñado de arames, tensores tipo griple, etc.). Na mesma viña se estaba ampliando a superficie de viña con novos enxertos en maceta con rego localizado con pinga.
A Cata
No fín da xornada procedemos a cata de 10 viños da IXP Terra de Betanzos que oficiou Marcial Pita por parte da Asociación Española de Periodistas y Escritores del Vino (AEPEV), en concreto 8 brancos e 2 tintos . Cos brancos comezouse co Viña Artabra 2010 para seguir con Codeseira 2010 e o Ribeiras de Arnea Godello 2010. Destacou o Castro de Untía 2010 con lembranzas aromáticas a iogurte con péxego e un fín de boca salgado, se aprecia godello e algo de de Branca Lexítima, despois continuamos co Ribeiras de Arnea Branco Lexítimo e despois o viños 2010 do CFEA Branco Lexítimo, CFEA Branco Agudello e o CFEA asamblado de Branca Lexítima e Agudello, todos estos viños elaborados coas uvas das plantas máis vellas da viña experimental. Nos tintos o Ladeiras de Paderne e o Viña Artabrá Mencía, este últmo con claro sabo atlántico. E con isto se deu fin á xornada.
Para máis información:
A propia CFEA colgou a documentción sobre a xornada organizada no 2010 Viticultura e enoloxía en Galicia e na cornisa cantábrica. Colocamos unha colaboración remitida por Mercedes González:“Vinos Atlánticos muy particulares: Vinos de la Tierra de Betanzos“,. Mercedes é Presidenta da Asociación de Sumilleres Gallaecia e autora do blog Mercedes Embajadora. Analisis Sensorial onde comenta as particularidades destos viños atlánticos, tamén hai moita información na páxina sobre Viticultura atlántica, sobre a regulamentación da IXP Viños da Terra de Betanzos poden ver Regulamento do viño da terra de betanzos en pdf.