Xornadas de Viticultura en Negueira de Muñiz (Lugo), 30-31 de xullo.

Escudo do Concello de Negueira de Muñiz

No último fin de semana de xullo, nos días 30 e 31,  o Grupo de Desenvolvemento Rural xunto coa AGV-FRUGA organizan as primeiras Xornadas de  Viticultura en Negueira de Muñiz, esperamos que continuen no tempo. Negueira de Muñiz semella un pequeno enclave lucense metido na veciña Asturias, e que aínda que non moi coñecida, ten unha tradición de séculos de viticultura, certamente ten as condicións bioclimáticas propias dunha ribeira quente de interior, que neste caso é o percurso superior do Navia e que tamén incluiría lugares da veciña Fonsagrada, Becerreá e Navia de Suarna. Terra da Branca Lexítima como da Mencía e do Tinto Serodio, e a saber que outras sorpresas depara. A nosa última fronteira vínica en termos de recoñecemto institucional que fica pendente e que xa en Asturias conforman os Viños da Terra de Cangas.

Curso do Navia. O terroir de Negueira. Viñedos antigos. Xosé Anton Ledo (GDR), o elaborador Manuel Cancio e Roberto Rivas na súa adega de Negueira.

Xuntaremos unha xente con diversas experiencias de todas as nosas Denominacións de Orixe e Viños da Terra para falar de viticultura, elaboración, cata, cooperativismo, comercialización, enoturismo e debatir sobre as posibilidades de incorporar a comarca do Navia como unha estrela máis na fulgurante constelación dos nosos viños. Acompañamos o programa completo, non deixedes de vir a un recanto impresionante en beleza e hospitalidade das súas xentes. Non perdades esta ocasión por tanto de coñecer algo case “perdido”.

Programa: Tríptico das Xornadas

Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter