Na Festa das Adegas de Mandín e os viños da Raia Seca

"O barbado Xico entre báquica compaña"

Aínda que a festa das Adegas de Mandín leva 11 anos facéndose, a historia da comarca de alén e aquén da raia ten centos de anos de cultura do viño moi asentada. Dun lado os viños da DO Monterrei e doutro lado a subzona de Vinhos de Chaves que está incluída na Denominação de Origem Controlada dos Vinhos de Tras os Montes, e por tanto tamén se partilla de xentes e castes como a Mencía, Verdello (Godello ou Gouveio),  Bastardo (ou Merenzao), Caiño Redondo e Longo, Tinta Femia (Tinta Fina ou Arauxa), Dona Branca (ou Moza Fresca), Treixadura, Zamarrica, Boal, Codega, Malvasía Fina, Tinta Amarela, Tinta Carballo e sabe deus cantas máis entre os vales do Támega, Bubal, Fornos, Mente, todos meniños do Pai Douro.

A República Viñateira do Couto Mixto imaxinada polo Xico

A comarca de Monterrei era plenamente viñateira no secúlo XVI, e que se divide entre o amplo e chan Val do Támega desde Castrelo do Val ata Feces de Abaixo na fronteira, e con pobos destacados como Vilaza, Albarellos, Mourazos, Tamaguelos, Mandín , O Rosal, Oimbra, etc.. E as viñas da Montaña na que se xuntan os pobos e ribeiras de rios e regatos varios como o Bubal e o Mente, aca temos a sitios como Medeiros, O Riós, Vilardevós, Castrelo de Abaixo e de Cima, etc. De feito lugares como  Albarellos ou Vilaza na práctica eran dependente dunha monocultura do viño, acontecía que as comunicacións eran realmente ruíns e entre os problemas políticos da fronteira e o fraude dos viños de fora que traían mercaderes varios dificultaron a difusión comercial desta zona máis alá do autoconsumo e zonas limítrofes como a Limia.

Xico na Festa. Pura Caldelas co "envase especialmente deseñado".

Así e todo un ilustre como González de Ulloa, escandalizado polo que entendía excesivo consumo de viño na comarca, chegou a preconizar en 1777 o arranque de viñas, xa que dicía “hai maís pagodas adicadas a Baco que templos de Deus”. Habería que esperar algunhas centurias para que se comezaran a levar adiante iniciativas importantes, no ano 1958 se consitúe en Albarellos a “Cooperativa de Monterrey” ao abeiro do franquismo agrario como as de Valdeorras e Ribeiro, chegou a manexar no ano 1973 a cantidade de 2.500.000 litros, aínda que a grande maioría a granel, pagábase daquela entre 8-13 pts o litro. Problemáticas varias levaron ao peche da Cooperativa no inicio dos 90, xa nos 80 se pratexou ter a Denominación de Orixe que finalmente non callou. Nese panorama de despoboamento e marxinalidade político-económica foi que xentes como Francisco Pérez Diéguez, Xico, daquela encadrado nas Comisións Labregas-Sindicato Labrego Galego, movilizaron vontades para finalmente constituir no ano 94 a Denominación de Orixe de Monterrei (sen a y), con todo foi a cousa de vagar, xa que nos primeiros anos menos de media ducia de adegas tiraron do carro entre moito excepticismo da paisanaxe, vendimas houbo que se pagou a ola a 4 euros (16 litros), como se diría “tudo isso ficou atrás”, ao igual que os viños da zona de Chaves que tiveron que esperar ao ano 2006 ser DOC, o equivalente á nosa DO. Mil anos logo para a Amistade Arraiana que se xuntou en Mandín o pasado día 13 de agosto.

Feta rachada. Pura Caldelas (Coordinadora da AGV en Monterrei), Xico e Jorge Cardoso.
Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter

1 comentario en “Na Festa das Adegas de Mandín e os viños da Raia Seca

Deixa un comentario