De Negueira a Monterrei: visita a 3 adegas.

Manuel Blanco, propietario de Tapias Mariñan, xunto a Puri Caldelas na primeira visita.

Desde Negueira de Muñiz veu unha expedición de viticultores/as daquel recanto do Navia a ver experiencias vangardistas nesta Denominación de Monterrei, aínda que tiveron que saír ás 7:30 da mañá, puntuais chegaron á Adega Tapias Mariñan, e alá nos esperaba Manuel Blanco, que hai 10 anos desde a súa andaina empresarial en Catalunya fíxose cuns terreos a piñeiros en Albarellos, inicialmente para ter cabalos, e logo por casualidade se foi convertindo nunha plantación de 22 has e unha instalación que xa embotella 750.000 botellas para Estados Unidos, Alemaña, Escocia., Inglaterra, Irlanda, e mesmo están en tratos coa Heineken para mandar a Holanda.

“Temos plantado varias castes con Arauxa(Tempranillo), Mencía, Sousón, Treixadura, Godello, Dona Branca, Albariño, Lado e Loureira, a nosa comercialización é nun 80% nos brancos, de todos xeitos a nosa aposta de agora en diante é nos tintos onde temos boa demanda e confianza no que estamos facendo nesta comarca. Cos brancos temos varias elaboracións, aínda que preferimos as cualidades especiais da Treixadura e Albariño e que maceramos en frio antes de prensar (8–9º durante 14 horas) e así extraer aromas, o Godello e a Dona Branca as elaboramos con lías (borras)”.

“Pero cos tintos é cos que sufro e choro por sacar algo diferente. Primeiro na vendima ver como estan as castes, o tempranillo moi maduro e a mencía menos para así compensar cousas como a astrinxencia  e grado. Aplicamos microosixenación e filtrado con placas.  Desde logo nesta adega esixo o máximo e así  conseguimos moitos premios e medallas en Galicia. Pensamos que estamos ofrecendo un viño sen excesivo grado que vai na tendencia do mercado a viños menos alcoholicos, ademáis hai que pensar que nos demora 2 meses en mandar as partidas para o estranxeiro, os viños teñen que aguanter e non pode haber calquera fallo, aínda non nos devolveron ningunha caixa. Aínda que nos brancos somos “os amos” hai que traballar moito nos tintos, despois da maloláctica de febreiro-marzo xa veñen os importadores a probar as mostras en rama e logo hai que mandarlles outras clarificadas. Por agora mando todo fora do lineal de supermercados, por internet ou feiras directamente, e tentar baixar os custes ao máximo, aínda que hai cousas como os tapóns de cortizo que hai que mandar na exportación por ser que prefiren”.

Manuel nos comentou as dificultades para xuntar as parcelas que había antes, xa lle chamaban o “Catalán Tolo”, e que a pesares de non ter experiencia no viño foi sempre optimista e positivo en sacar o proxecto adiante, “agora é como unha droga, adicolle todo a isto, antes tiña a primeira franquicía do Día en Barcelona, esto é diferente e non aguanto a xente negativa ao  meu lado, esixo pero deixo facer aos responsables da adega e viñedos, aínda que teño que estar sempre aqui”.

Logo na cata na explendida sala  de cata dunhas instalacións que levaron xa un premio polo deseño, foi que probamos o Pazo de Mariñan Godello Treixadura e Albariño 2010, e desde logo sabendo o prezo o viño estaba moi ben. Despois nos despedimos deste emprendedor retornado, que veñan desde logo moitos máis como  o Manuel Blanco.

Logo nos fumos á parte viñateira da montaña, concretamente á Salgueira, xa a máis de 700 m de altitude, e na entrada da adega un taxi dos negros de Londres, non nos equivocamos, estamos en Galiza, o que pasa que un dos “inventores” da adega Crego e Monaguillo , Ernesto, é residente hai moitos anos no Reino Unido, e ademáis crego, concretamente Padre Paul,  e o Tito, o xerente da adega, sei que foi monaguillo, aínda que segundo Lita, irmá de Ernesto, esto último non esta moi claro.

Dentro da adega Crego e Monguillo. Catando na presencia de Lita. Abaixo valorando os viños e vista exterior da adega.

Dentro da adega había unha pancarta co lema “Aquí vendemos o que non bebemos”, desde logo esta adega elevou moito o listón da comarca canco acadou o primeiro premio na Cata dos Viños Galegos alá no 2007 na edición que se celebrou en Allariz, e nótase o traballo do enólogo Alvaro Bueno. Logo na sala de catas, “con aire moi british” se probou o tinto e branco da Adega aínda que só puido comprar o branco, indicativo do tirón que teñen os viños.

E xa era hora de xantar, e nos achegamos a Pepín en Castrelo do Val, que tamén está incluída na DO Montterrei, fumos a “Cortiña”, un edificio composto de antigas vivendas e que está adicado ao turismo rural, todo moi ben conformado con pedra xista, madeira e a posibilidade de ver toto tipo de apeiros e ferramentas antigas.

En Casa "A Cortiña" en Pepín.

Logo da comida tocou visitar a outra zona do val en Mourazos, que se chega desde a estrada Verín – Chaves, que agora ten autovía. A adega é Pazo Valdeconde, que é unha adega familiar de colleiteiro que rexenta Amadeo Salgado, e nos falou dos inicios co granel, “o caso era vender viño como fora, de 9º, daba igual”, agora hai que vendelo embotellado e tamén onde sexa, como algunha experiencia en Suiza. A adega esta situado na casa dos pais xunto a un extenso viñedo, en total a cóntase con 4 has. Tamén contou Amadeo os problemas coa parcelaria que non  da acabado e xa levamos máis de 8 anos, e xa non digamos o tema da autovía e o polígono industrial, os políticos non planifican ben moitas veces, xa que todo isto son atrancos para conseguir novas parcelas. Souto do Rei, a marca do branco (Godello-Treixadura-Albariño e algo de Dona Branca) e o tinto (Mencía-Tempranillo) xa van pola 2ª colleita. Antes de catar deuse un paseo polas viñas onde se apreciaban xa próximas á maduración definitiva as difrentes castes, aínda que a Treixadura e Tempranillo precisaban algúns dias, sistema en cordón baixo a 50 cm do chan a “virote” ou a cotón, técnica de poda moi extendida na comarca e que sustituiu ao vaso tradicional baixo. Logo da cata distendida nos despedimos do Amadeo e máis adiante do viaxeiros do norte coas súas ideas de desenvolver a economía do viño naquelas terras e tamén o agradecimento a Puri Caldelas, que organizou as visitas.

Na viña de Pazo de Valdeconde. O tempranillo próximo á maduración. Amadeo centro explicando coa atenta mirada de José Luís Romero (Responsable da Oficina Agraria da Fonsagrada e Manuel Cancio á dereita (adega Panchín de Negueira). Na última foto Pablo Lúgaro, Enxeñeiro Agŕícola da OAC de Ordes e Mónica Rancaño (Xerente do GDR Montes e Vales).
Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter

1 comentario en “De Negueira a Monterrei: visita a 3 adegas.

  1. Tres excelentes adegas do que é unha das D.O. de máis proxección e calidade dentro do panorama vitícola Galego.
    Creo que a A.G.V. fai unha labor moi importante para o fomento e a publicidade de denominacións relativamente novas e descoñecidas para unha gran parte dos consumidores.
    Ainda asi queda moito por facer para que a D.O. de Monterrei chegue a alcanzar o lugar que pola calidade dos seus caldos realmente se merece.
    Felicitacións a asociación polo traballo feito e polo que seguro que a facer nun futuro.
    Asi mesmo animo a coordinadora,Puri Caldelas,a que organize máis visitas similares,para potenciar ainda máis a zona.
    Ainda que estas son tres das mellores adegas,ainda quedan outras case trinta con moi bos viños e con moitos premios.
    Un saudo.

Deixa un comentario