Cultura e viño na Galiza: “O viño como agasallo “.

Susana de la Gala González

Temos connosco unha nova colaboradora para o blog da AGV, trátase de Susana de la Gala, Doutora polo Departamento  de Filosofía e Antropoloxía Social pola  Universidade de Santiago, ten feito traballos de campo en varias lugares de Galiza, entre eles zonas viñateiras como Quiroga e as Terras do Bolo, tamén publicou diversos artigos en varias revistas e congresos sobre cuestións de antropoloxía e socioloxía así como colaboradora habitual nos medios dixitais  Xornal de Galicia,  Galicia Hoxe, Mundogaliza.com. Teremos en diante varias entregas sobre aspectos da nosa cultura do viño. Comezamos co tema do “Viño como Agasallo”.

O viño como Agasallo

Levar unha botella de viño a unha cea ou evento é un clásico. Este costume debeuse importar de algún sitio onde non se producía viño. Porque, onde o viño ocupa un lugar central, como en Galicia, este non se move de sitio: as persoas agasalladas van á adega a degustalo.

A cultura do viño mobiliza as persoas que a comparten. Non se trata de beber por beber, senón de apreciar a cor, o olor, o gusto do caldo. Cando o viño é novo, convidar á casa persoas coas que se comparten outras cousas noutros ámbitos faise máis doado.
Desa tradición de levar as persoas ao viño, e non á inversa, xorden alianzas, acordos, proxectos. Porque o viño intervén dun xeito natural na sociabilidade (1). É o lubricante social por excelencia. Un ofrecemento de viño non se pode refugar.

Os ciclos da vida

Tomando un grolo durante a matanza de Palmou en Lalín. Susana Formoso

A colleita de uva, pisada e fermentada, é o acontecemento máis destacado da fin do verán. Chega o outono e a vida cotián vai diminuíndo de ritmo. As noites son máis longas e os días máis curtos. As tarefas agrícolas ocupan progresivamente menos tempo.

Entre mediados de decembro e o Entroido, as lareiras ganan protagonismo. É o tempo de matar o porco. Un día nunha casa, outro noutra. Cortado en canal, deixase á noite para que a xeada o arrefríe. Despois pártese e pícase para os chourizos, ou ponse en sal.

Se chove, a cociña de leña ofrece o espazo arredor do cal, en escanos ou en cadeiras, sacarse a humidade do corpo. Un pouco de viño do ano anterior, ou de aguardente, que vén de ser destilado despois da vendima, ten como recompensa unha conversa animada.

Se neva, como sucede no interior de Galicia, a calor do fogar produce o coñecido efecto de tinguir as meixelas da cor vermella do lume. Son momentos familiares, pero tamén de lecer: a lareira é onde os contos e as tradicións orais semellan vir de tempos pretéritos a visitar a casa.

Namentres vellos e novos falan a carón do lume, e os seres míticos -o saca untos, o lobishome, as mouras encantadas, a santa compaña- conviven cos seres humanos, o viño vai tomando corpo. En barricas, o zume de uva respira como calquera ser vivo.

A primeiros de febreiro, os días comezan a crecer. Os chourizos, e outros subprodutos da matanza, están afumados. Outras partes do porco foron salgadas e conservadas en lugar seco. Chega o tempo da carne e do viño: dúas cousas que se deben evitar certos días en Coresma, seguindo a tradición.

Folion do Antroido de Manzaneda no 2011. Fonte AGV

Así que o Entroido é o tempo de ir saíndo da casa e afastarse da cociña de leña. Os mozos tiñan por costume “roubar” chourizos ou viño das casas da veciñanza. É un xogo que incita a saír do pechado círculo familiar e compartir tradicións na praza do lugar ou parroquia.

A mocidade, cun gaiteiro da zona, xúntase en espazos comunais para consumir o viño novo con produtos do porco. Propio do Entroido, no sueste da provincia de Ourense, son os folións que percorren a parroquia para lembrar que esta forma unha comunidade.

O Entroido abre a veda para actividades comunais, clausuradas despois da matanza do porco. Eses meses domésticos deixan lugar á festa, nos momentos e lugares axeitados: o muíño, a aira, a praza do lugar, a cantina. Fóra de tempo, o lecer é preguiza. A festa non escapa das normas.

Probar o viño

Pero a festa precisa de intercambios de presentes. “Próboche o viño” é un aserto que pon en marcha pautas de reciprocidade (2). Entrando na adega, ou na casa, demóstrase a confianza que o convidado amosa polo anfitrión. Este agasalla con viño porque cre, con razón, que consolida esa confianza (3).

Na adega do Amaro en Cenlle. Fonte AGV

En algúns casos, cando chega o tempo de probar a colleita, chámase a familias que producen outras cousas. Se é de pescadores, traerán consigo peixes de tempada ou mexillóns de batea. Se é de cidade, traerán porcelanas, marcos de prata para fotos, mercadorías.

Non son propiamente trocos. Non se trata de devolver o equivalente do que se recibiu. É un ritual que se pode producir en calquera momento do ano. É unha linguaxe simbólica que expresa: “próboche o teu viño e ti acéptasme tal cousa”.

Nestas ocasións, o que visita recoñece coa súa presencia o interese polo viño, que vén sendo unha metáfora da estima que lle merece a casa.

Así pois, o viño, co que se agasalla a quen se aprecia, xera con facilidade actos de reciprocidade. Ademais, ir probar o viño pon en marcha mecanismos de solidariedade e axuda mutua. O caso típico é, cando chega o tempo das patacas, que a familia urbana axude a apañalas.

Probar o viño pode tamén implicar un acordo. Se o convidado aprecia o viño, quizais propoña ao anfitrión subministrarlle unha cantidade determinada por un prezo ou compensación axeitada. As comarcas vitivinícolas exportaban a produción deste xeito en tempos tradicionais.

O viño viaxaba onde se demandaba, polo xeral en carro. Por imperativos do comercio cómpre transportalo. Enténdese, polo xeral, que o viño perde co movemento. Ten que ser unha viaxe rápida, tras a cal o viño volva pousar e non se mova, na medida do posible.

Moitas veces pregunteime como chegaría o viño de Quiroga, de Montefurado para ser máis precisa, a Roma despois dunha viaxe tan longa. A conquista romana facía o viño viaxar para que nobres cidadáns romanos puideran comerciar con el e amosar o poder do Imperio sobre as colonias.

Supoño que o transporte dos barrís de viño, selados con fibra vexetal e cera, atados con cordas, conducidos por tropas romanas, era un espectáculo digno de ver pasar. A maioría dos transportes defendidos por soldados eran de cartos (tributos). Tan importante era o viño para os conquistadores!

Se o viño viaxa, non deixa de ser un agasallo. Os comerciantes romanos, ofrecendo os mellores viños do Imperio, trataban coas máis afamadas familias nobres. Os caldos requirían que o patricio en persoa acudira a probalo. Os escravos transportarían o que aquel elixira.

Entre o Sil e o Bibei

Para un pobo mediterráneo como o romano, as viñas galegas deberon chamar a atención. As terras graníticas perden capa vexetal coas choivas. Pero as ladeiras das montañas estaban escavadas para que a pedra conservara a terra, e o sol madurecera a uva, dende o Neolítico.

Á esquerda viñedos en Lentellais O Bolo (Valdeorras) e á dereita en Lobios Sober (Ribeira Sacra). Fonte AGV

Entre o Sil e o Bibei, no sueste ourensán, a serra de Queixa eleva a altura das viñas. A poda, o enxerto, a vendima, son traballosas porque o tractor non se pode achegar moito ao cultivo. A colleita transpórtase en cestas ata a máquina, subindo ou baixando o monte de andar en andar.

Por terras de Viana do Bolo é doado, aínda hoxe, ver un carro de bois case pendurado da ladeira, inclinado contra a forza de gravidade, para arar o terreo. O caso das viñas é ben diferente, porque as tarefas teñen que respectar o tronco vello para que haxa colleita nos meses seguintes.

Así que o viño é cousa que en Galicia se toma como algo persoal. Se é bo, demostra a habilidade da casa para coidar das tradicións. Se é malo ou se avinagra, é ben doado botarlle a culpa á meiga do lugar ou ao mal de ollo dunha casa veciña. A casa propia sae case sempre inocente da desfeita(4).

Que se agasalle con viño da casa é mostra de afecto. Que se che leve á adega onde se conserva fresco é o máximo de intimidade que se espera dun veciño ou amigo. É tamén a ofrenda simbólica por excelencia do viticultor, que coñece en carne propia o valor do viño que produce.

Cando facía traballo de campo por primeira vez, no lugar de San Martiño, parroquia de Montefurado, ocorreu o seguinte feito. Era verán e a calor azoutaba o val do Sil. Cada pouco pasaba un día alí, preguntando cousas e convivindo coa mocidade e adultos.

Estaba eu acollida pola familia do entón alcalde pedáneo. Este coñecía ao meu pai das obras hidroeléctricas, onde os dous traballaban. Era meu contacto alí porque confiaban o un noutro, xa que unha filla de 20 anos é algo demasiado valioso.

Sendo como era unha moza, a xente do lugar entendía que nin era nena nin muller. Tras uns días falando con crianzas, que eran moi amables, decidín dirixirme aos maiores do lugar. Foi así como me fun ganando a confianza deles, pouco a pouco.

Un día que meu pai foime buscar para recollerme (eu non tiña coche), foi convidado por varios veciños a probar o viño nas adegas. Eran construcións sen aperturas, agás a porta e un pequeno oco para deixar respirar a estancia.

Entrou meu pai mentres eu esperaba fóra das adegas. Houbo certa expectación no lugar. O resto dos veciños atoparon motivos varios para pasar xunto a min, darme conversa e seguir coas súas labores. Non sei canto tempo pasou ata que saíron.

Finalmente, todo indicaba que probar o viño faise entre iguais. Pero o ritual facíase con motivo de estar eu alí, como un xeito de recoñecemento. Saíu meu pai con cara de circunstancias. Falaran o que falaran, parece ser que se dixeran que esa rapaza -eu- era aceptada.

Na Festa do Viño do Rosal do 2011. Fonte AGV

A miña aceptación polos veciños do lugar foi moi comentada. Máis veciños amosaban interese polas miñas preguntas e aínda un deles acompañoume a ver os muíños de aceite da parroquia de Montefurado.

Así que o viño abre portas. Establece ou reafirma dun xeito ritual relacións entre persoas. É un agasallo que se dá e se recebe. Un código na cultura do viño en Galicia foi o que posibilitou que, con 20 anos, unha etnógrafa nos seus comezos fora tomada en serio pola comunidade.

NOTAS:

1. Co viño pasa como co xantar con que se acompaña. Neste sentido cumpre con todas ou a meirande parte das funcións socioculturais da alimentación. Ver Jesús Contreras, Mabel García Arnáiz, Alimentación e cultura. Perspectivas antropolóxicas. Ariel, 2005. Páxina 35.

2. A función sociocultural 2 prescribe “iniciar e manter relacións persoais e de negocios” con viño e xantar.

3. A función sociocultural 18 sinala “representar seguridade”, aserto moi axeitado cando se ten diante unha copa de viño galego.

4. A función sociocultural 12 afirma “reforzar a auto-estima e gañar recoñecemento”. A casa que non pode competir na comunidade co viño que produce tenta compensalo con outras especialidades: freixós, orellas, bica…

Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter

Deixa un comentario