Festa da Vendima do Rosal: A vendima na nosa historia por Xavier Castro, con música.

Xavier Castro na charla de Tabagón

Xavier Castro ofreceu  o pasado 29 de novembro, en San Miguel de Tabagón no Rosal, unha singular experiencia de viaxe aos tempos antergos da nosa cultura viñateira: de cando había que escoller a data para vendimar; se chovía de máis a fame chegaba nadando; ou como se preferían os viños daquela e o seu xeito de cata;  os aturuxos e cantos na vendima; as comidas, bebidas, e mesmo as  tentacións das relacións “pecaminosas” en tempo de colleita; todo ben acompañado de complementos musicais vindas ao caso.

Xavier Castro é Profesor en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago e ten publicado dúas obras centrais que nos achegan á historia do cotidiano e do popular no ámbito do  viño: “A la sombra ejemplar de los parrales (Ediciones NigraTrea 2006)” e “A rosa do viño (Galaxia 2010)” (Premio Deza Investigación,  concedido polos concellos da Comarca do Deza (Pontevedra). (Premio
Gourmand World Awards 2010). aparte destas obras ten publicado traballos que tocan moitos aspectos da historia dos usos e costumes na cultura popular “A lume manso (Galaxia, 1998), “Historia da vida cotiá en Galicia” (Séculos XIX-XX) (NigraTrea, 2007) (Premio de Investigación Ferro Couselo), e destacar  a participación na elaboración dos anexos documentais de “O mundo de Celavella” que acompañaban a teleserie da TVG ” As leis de Celavella”.

Vendima na Ribeira Sacra. Fonte AGV.

As vendimas non se facian cando un decidía ou quería, as datas estaban normalmente sometidas ás esixencias de detentores dos foros ,desmos ou rendas, polo que  había regulamentacións ou ordeanzas no sentido de vendimar a partires de certa data, como San Francisco (polo 2-4 de outubro) e así permitir amadurecer mellor os froitos.  Acontecía que a climatoloxía ou outros condicionantes sociais non facilitaban sempre o seguimento ríxido das normas…e así xurdían as vendimas prematuras con viños de pouca graduación (como de 8º que logo se denominaban enverados), moi verdes e ácedos e que mesmo ocasionaban algún malestar que outro no corpo do consumidor/a. A climatoloxía ao fin era o elemento que máis mandaba no medo das xentes, a fame “chegaba nadando” se dicia,  por que a auga estragaba os froitos das colleitas e támen no viño , se en Castela se pregaba para chover acá na Galiza era ao contrario, para que escampara…así as choivas apuraban as vendimas e precisaban das axudas recíprocas entre veciños ou con xornaleiros para aproveitar os ocos que deixaba un tempo inestable  no inicio de outono (o que se chaman as choivas equinociais moi típicas no noso país).


Hino do Antergo Reino de Galiza de Pascual Veiga

Pero aparte do tempo metereolóxico actuaban outros factores como a cobiza, a necesidade de aumentar o lucro ou rebaixar as cargas económicas dos desmos ou foros, a procura dunha negociación paralela onde todas as partes tiñan de levar ventaxas dalǵun xeito. Daquela os patróns de calidade non eran os que agora se estilan, o que preocuba era a cantidade por enriba doutra consideración na produción e venda do viño…así os paisanos tentaban por enriba  nos cestos os acios máis vistosos para deixar abaixo pedras, follas, acios verdes…os priores dos mosteiros mandaban mordomos, (a versión antiga dos nosos veedores dos Consellos Reguladores) para comprobar os estado das viñas e así asegurarse o pago do desmo, e con advertencias de non ficar estos a cear e dormir nas casas dos labregos, xa que supuña na práctica caer nunha especie de suborno para facer a vista gorda e pagar menos ao mosteiro de turno.

O desmo estaba relacionado co total da colleita, e así houbo as polémicas con respecto ao pago dos novos cultivos como o millo e a pataca…esa cobiza tamén levaba á adulteración dos caldos, aínda que non todo era só gañar, eran tamén os gustos da época, gustos por viños espesotes e tintarróns para padais pouco esixentes, con corpo, e no literal con engádegas de sustancias corantes, cal,  froitas, touciño, etc. Os gustos tiña tamén podían ser obrigados pola necesidade da precariedade, as chamadas “xoanas”, feitos con acios verdes ou podres, dos que deixaban os donos das terras. Eses gustos que se refrexan ben na literatura popular ao gabar, por exemplo, os míticos “Espadeiros do Salnés”, (eran tintos, non era o Albariño a súa preferenza como agora), o Ribeiro era ata non hai moito o referente  central como viño galego. A cata tradicional deixaba sempre unha rosa violácea nas cuncas, das pétalas que deixaba a tintura do viño e que amosaban a súa maior ou menor afinidade polo que se entendía por bo. Todas estas cuestións as contaban autores como Pardo Bazán ou Ramon Otero Pedrayo (coa obra dramática  “A lagarada” ambientada nunha vendima). O mesmo Castelao describía moi ben o eclecticismo dos gustos, e a necesaria diplomacia labrega para valorar un caldo nunha afamada caricatura onde dous campesiños comentaban o seguinte : “o meu vino? -.lc, je, por onde vai molla, e como refrescar, refresca”

Cartaz de " A lagarada" de Otero Pedrayo polo Centro Dramático Galego

Esas adulteraciíons eran denunciadas polas Audiencias Reais ou as Sociedades de Amigos do País…tamén os priorados vendían o viño  menos bó (ou purrela), o outro o bebían para súa alimentación e celebracións do culto, e antipándose ás colleitas do ano seguinte para mesmo competir deslealmente cos prezos. O viño ao fín era a única alternativa para encher o espíritu da xente, outras posibilidades como a caña, augardentes brancas ou aromatizadas foron moi recentes e así pasaba co chocolate e o café, o chocolate era feito por chocolateiros ambulantes, sentíase o seu recendo nas casas abastadas que os contrataban, as augardentes eran máis frouxas, como  de 20º máis ou menos, e co café ás veces había que utilizar sustitutivos como a cascarilla.

Co capitalismo chegaron as vides americanas como consecuencia da praga da filoxera e foi así que se deixaron as nosas castes como a treixadura e chegaron híbridos e uvas de fora que aseguraban máis cantidade, cerrando así o tríangulo de cobiza, precariedade e gustos populares.


Video clip dos Celtas Cortos co ambiente das viñas e adega de Emilio Moro na “Ribera del Duero”.

Cantabase nas viñas e se aturuxaba para afirmar o orgullo dunha aldea frente a outras, “Xa rematamos a vendima!”,  e tamén se cantaba para que non se distraxera a xente comendo uvas, o tempo se dividía polo ciclo do sol, dos traballos, da liturxia, as vixilias, festas, e non se separaba moito o traballar e a folga, o paisano administraba o seu tempo , parar e botar un pito cando quixera…nas fábricas prohibíase cantar, pasear e blasfemar impondo o tempo cronolóxico…tamén chegou o individualismo gastronómico, antes todos da cunca ou da pota cunha culler ou un anaco grande de broa dura que servía de prato, e que mesmo se recociñaba cando comezaba a derramarse…o capitalismo e as prácticas hixienistas como consecuencia das descubertas do Pasteur foron acabando con costumes ou crenzas como que a xente se lavaba pouco para evitar a entrada dos miasmas (especie de entes que provocaban as doenzas)… polo tanto  cada un coa seu vaso, prato , garfo, ata hoxe.

Fotograma do filme "Sempre Xonxa" de Chano Piñeiro.

E tamén había vendimas precarias, os chamados “rabuscos” ou rebuscos, dereito consuetudinario que permitía aos “pobres” acadar aqueles froitos que non se apañaban. Nas vendimas había que dar de comer e beber, catro litros para os xornaleiros nas casas abastadas e mesmo comian máis os traballadores que os donos, bacallau e patacas…as veces con moita pataca non vai ser..e tamén os tempos de vendima eran tempos de roce entre mozos e mozas nas palleiras onde durmían tras os bailes e cantos que había despois dos traballos, isto era seguido moi de preto polos curas nas súas confesións onde se lles advertía que os tempos de vendima eran momentos de tentación “concupiscente”.


Fragmento do 1º acto da Traviata de Verdi, Libiamo ne’ lieti calici 

(Abaixo unha traducción ao galego)

COROS:
Si, escoitemos ao poeta

VOZ MASCULINA:
Bebamos alegremente desta copa
resprandecente de beleza
e que na hora efémera
se embebeda de deleite.
Bebamos co doce estremecemento
que o amor desperta
posto que estos belos ollos
nos atravesan o corazón.

Bebamos porque o viño
avivará os bicos do amor.

COROS:
!Ah! Bebamos porque o viño
avivará os bicos do amor.

VOZ FEMININA:
Eu quero, eu quero compartir
miña ledicia con todos vos;
todo na vida é loucura
agás o pracer.

Aledémonos
o amor é rápido e fuxitivo.

É unha fror que nace e morre
e da cal non sempre se pode disfrutar.

Aledémonos pois
unha voz encantadora, fervente, nos convida.

COROS:
¡Aledémonos!. O viño e os cantos
e as risas embelecen a noite;
e que o novo día nos devolverá ao paraiso.

VOZ FEMININA:
A vida só é prazer.

VOZ MASCULINA:
Para aqueles que non coñecen o amor

VOZ FEMININA:
Non falemos de quen o ignora.

VOZ MASCULINA:
é o meu destino.

Lagarada no Douro
Lagarada no Douro

COROS:
¡Aledémonos!. O viño, o viño
-Ah si, !Aledémonos!, ¡Aledémonos!..
e os cantos e os risos embelecen a noite;
e que, e que o novo día
nos devolverá ao paraíso, ¡ah! ¡ah!
– nos devolverá ao paraíso…
¡ah! nos devolverá ao paraíso, ¡ah! ¡ah!
¡ah! nos devolverá ao paraíso,
¡ah!
-si, nos devolverá ao paraíso,
¡si!
-paraíso.

 

 

Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter

2 comentarios en “Festa da Vendima do Rosal: A vendima na nosa historia por Xavier Castro, con música.

Deixa un comentario