A Festa da Vendima á antiga usanza

Xavier Castro

Temos unha achega directa do Profesor Xavier Castro que complementa o exposto na recente Festa da Vendima do Rosal e que aproveitamos para coñecemento de todos/as asociados e amigos da AGV.

Na comarca do Ribeiro, no primeiro tercio do século XX –segundo a
evocación de Otero Pedrayo en ‘A Lagarada’-, sentíase “polo aire o
balbordo fas vendimas que enchen o val”. Percibíase unha gran  animación, como revelan estes versos de Eladio Rodríguez: “Arde en  bulla o Ribeiro; / ferven os eidos todos á cachón / n’un rebumbiar  trunfante i-algueireiro; / énchese o val enteiro / de alegre
animación”.

Reinaba, en efecto, unha ilusionada inquedanza e unha  inconfundible atmosfera de ledicia envolvía os campos pintados coa verde dozura dos viñedos. O farmacéutico Buenaventura Castellet, no  seu tratado de Enología española, salientaba, deste xeito: “(…) la  animación y alegria generales que se manifiestan en los distritos vitivinícolas cuando la recolección de las uvas”. Acadaban primacía na vendima os sentimentos expansivos, de ledicia e xúbilo; os aturuxos,  as súas manifestacións máis impetuosas, desatábanse ás veces:
“Estoupan os viñedos / en risas e aturuxos á montós, / porque os vindimadores andan ledos, / pensando nos enredos / das súas diversiós”.

Vendima no Ribeiro. Fonte Xosé Posada de Os viños de Galicia.

En Barbantes, ó rematar a recollida da uva, botaban os   vendimadores un aturuxo atronador que se escoitaba na parroquia  veciña; berro no que se entreveraban a ledicia coa runfadela que  producía o feito de ter dado cabo a laboura… antes que os outros,
pois convén precisar que se adoitaba entablar competencia coa aldea  veciña ou a parroquia próxima: tratábase de ver quen remataba máis  axiña a tarefa e lograba poñer a salvo o seu mosto.

A realización de cantos e danzas era algo inherente á cultura laboral  radicional. Emilia Pardo Bazán constataba que: «al júbilo de los  vendimiadores respondía como un eco el de los huéspedes, venidos para  la ocasión a la casa señorial”. Eran sobre todo os mozos quen se  amosaban solitamente máis xubilosos, como o testemuñan uns versos de  Eladio Rodríguez:

“Pol-as viñas adiante, / soltos en barralleira  libertá, / corren formando xolda baduante / os cantos da troulante / e  baril mocedá”.

Ramón Otero Pedrayo

Outra cousa non se podía admitir. Otero Pedrayo mostra  nunha das súas obras como o coro das vendimadoras laiábase diante do “señor amo” da escasa xovialidade dos mozos; dicíanlle que os bacelos renderan ben, “Mais pra outro ano, se Dios quer, tennos que mandar mozos máis algareiros. O que é ten us fillos máis tristes có cantar do
abade nos responsorios”. As rapazas cantaban e pedían que os mozos  cantaran con elas. Pero convén facer unha salvidade en relación co canto feminino nas vendimas, pois non todo era espontaneidade. Hai que
lembrar que nalgúns casos os patróns facían cantar ás xornaleiras  mentres vendimaban para que non puidesen comer demasiadas uvas.

A ledicia era moita, pero o rigor no desenvolvemento da vendima non era infortunadamente tanto. ‘El Avia’, semanario de Ribadavia, sinalaba en 1887 que a vendimas facíanse defectuosamente, por mor da
“estúpida avaricia”. Constataba a despreocupación por facela ben para
conseguir un viño do calidade, e censuraba que por veces se
aproveitaran os acios aínda verdes e apodrecidos.

Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter

Deixa un comentario