XXXII Feira do Viño de Amandi

E de onde ven ese nome de Amandi?, terras de socalcos, bocaribeiras, pataos, é un mundo de pequenos xigantes, non só pola disposición traballada das muras sobre as pendentes de mais do 45%, se non mesmo pola organización dos traballos, e xa non digamos que as aldeas onde moran os propietarios/as están na montaña a varios quilometros de distancia, distancias que antes tiñan a facer a pé, a diferencia do Ribeiro a viticultura no Sil complementaba os vitais recursos agrondeiros dos labregos como o centeo, trigo, prados, patacas, gandeiría, soutos, etc. Con todo, o orgullo e simbólico dos viños da Ribeira de Amandi non minguan o máis mínimo a súa significación na historia destas terras. As cepas estacadas a unha fila por socalco, tentando aproveitar o perfil natural da terra, acadando densidades ata 10.000 plantas/ha, podíanse acadar rendementos de 40-50 hl por ha, e case todo tinto. Segundo autores, as cepas tradicionais eran o Albarello, Brancellao, Tinta Femia, Mouratón, Godello, a Mencía semella que chegou despois, para logo vir outras como a Garnacha, Grao Negro, Xerez, etc. Destacaron sempre os viños de Amandi en Sober, (Amandi significa lugar digno de ser amado)…

Imaxes da Feira de Amandi do 2011, arriba Roberto Regal, enólogo da Ribeira Sacra, xunto a Roberto Rivas. Logo María Xesús López co viño Cividade. Abaixo os dous Robertos xunto a Jorge Carnero de Viña Cazoga, á dereita no stand da Adega Cruceiro. Fonte AGV.

Sobre episodios documentados da viticultura na zona, hai referencia a doación de viñas en Belmonte ao Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil alá polo ano 876, había outros mosteiros no arredor como Santo Estebo de Ribas de Sil, Montederramo, Santo Estebo de Atán en Pantón, etc., precisamente pola abondosa existencia monástica, así como priorados, capelas e hermidas diversas foi que se denominou desde antigo a “Ribeira Sacrata” do Sil, como acontecía no Ribeiro ninguen quería quedar fora do acceso ao viño de Amandi. No século XV había sona co viño branco de Amandi, a finais do século XVI os veciños do Couto de Sober colleitaban unha media de 2000 canados (o canado tiña 36 litros), e de feito era a súa primeira fonte de rendas, por enrriba do centeo, trigo, millo miudo e castañas. Por aquela o viño de Sober era o máis cotizado da Provincia de Lugo, en Santa María de Amandi como en San Xiao de Lobios acadaba os 14-15 reais por canado, o viño da montaña apenas chegaba á metade do valor, tamén se elaboraba un viño tostado e como non a augardente ou “auga da vida” como atestemuñaban os 60 alambiques censados en Bolmente no século XIX. Con todo a vida era dura, xa que as colleitas de cereais ás veces eran francas e o viño había que vendelo e xa non digamos o pago de rendas e dezmos varios.

Viñas en Lobios Sober, na vendima do 2011. Fonte AGV.

Como aconteceu no resto do país a expansión do viñedo foi detida polos andazos vindos de América, como foi nos anos 1888-91 cando a filoxera atinxiu con forza aos viñedos de Sober, logo da recuperación co concurso de vides americanas foi que variedades moi extendidas como o Mouratón, Albarello e Merenzao quedaron moi minguadas en presencia. Logo disto acadáronse as máis de 400 has de viñedo plantado actualmente en Sober a pesares do impacto dos encoros. Con todo unha cousa que co tempo foi en beneficio da zona de Amandi foi a avanzada idade media dos  seis viñedos, cepas vellas permiten viños máis expresados, a reestruturación foi feita aos poucos e sen grandes sacudidas, a organización da Feira do Viño de Amandi en 1981 permitiu crear un foco importante de promoción dos viños, e mesmo da súa calidade, xa que desde 1989 se esixen mínimos no que respecta a grado e acidez. Sobre os antecedentes da Denominación comentar que por parte do Ministerio de Agricultura, no ano 1979, se define a Comarca Vitícola de Ribeira do Sil, hai que esperar ao ano 1995 para que se crie a DO Ribeira Sacra, co seu actual Presidente José Manuel Rodríguez, viticultor e natural de Sober. A Mencía é a variedade raiña, por presencia e calidade das elaboracións, con todo non está todo escrito, esa mítica albarello aínda hai de dar que falar no futuro máis próximo.

Ramón Verao co seu pai Manuel carrexando uvas para Cividade na vendima do 2011 en Lobios Sober. Fonte AGV

E unha adega que queremos destacar é Cividade,  nome dunha viña na que hai que ir navegando para podar, sulfatar e lóxicamente apañar as uvas na vendima, a dita adega está situada na  Parroquia de Belmonte e rexentada por Ramón Verao e María Xesús López, ten unha elaboración  media de 11.000 botellas, maioritariamente de tinto Mencía, as variedades que se poden atopar nas viñas aparte da citada Mencía hai Albarelllo, Merenzao, Godello, e unha rareza como a Branca Lexítima, que xa non é tan rara, as viñas traballadas a mao, con alpacas de palla e restos de poda que quedan nos socalcos para adubar e protexer o solo do torreiro sol. Unha pequena operación manual con sacha e pouco máis alen das sulfatas e outros traballos, estivemos con esta xente na vendima do branco de 2011 no lugar de Lobios, unha vista incomparable, como son todas as do territorio en cuestión.

Restos materiais de poda deitados no socaldo ao pé de cepas de Albarello. Fonte AGV.
Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter

Deixa un comentario