De Adegas: Aurea Lux

Adegas Aurea Lux, ou sexa Manuel García Docampo, colleiteiro de Esposende, no concello de Cenlle, xusto no límite con Ribadavia,  home curioso como poden ser todos os viñateiros/as do país, o singular está na filosofía corporativa da adega. Adegas Aurea Lux como tal comeza no ano 2001 sacando o Treixadura Leive, que sucedeu á marca Aurea Lux do pai de Manuel, Manuel García Carrasco. O nome comercial de Leive ten lenda ou historia, a cousa ven do nome dunha raiña castrexa, da antiga cividade de Las, que despois de loitas e batallas cos romanos decide facer a paz, é entón que descubre a bebida do viño e disto viron as  primeiras cepas que se plantan no Ribeiro. Das 20.000 botellas de Leive  Treixadura  continuan 1600 botellas de Preto Tinto Sousón, Brancellao, Ferrón e Caiño; aparece no 2009 Paradigma Treixadura  con maior selección dasque actualmente saen 6500 botellas; e como cimeira á escala de diferenciación temos o Reliquia Branco do que apenas saca 200 botellas !. Nas 6 parcelas que suman 2 Has hai Treixadura, Loureiro e Albariño, e as xa citadas tintas, moito replantado nos últimos anos, todo en paralelo á recente transformación en curso do Ribeiro.

Manuel García Docampo no momento da vendima. Fonte AGV

Seguindo na singularidade de Aurea Lux están os seus 8 compromisos, o primeiro é un compromiso coa sustentabilidade do planeta, ” por isos as miñas viñas están inscritas no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galiza”; despois ven o compromiso coa terra e a cultura, contratando os traballos nas viñas a xente da zona, etiquetando os viños en galego; logo está o compromiso coa arte, desde esta colleita do 2001 as etiquetas van acompañadas da obra dalgún artista, comezará a catalana Montse Buxó, a do ano 2012 irá un pintor galego; “tampouco vendemos nada sen IVE”; compromiso coa calidade; “participamos cos nosos beneficios en proxectos de cooperación” e posiblemente o máis chamativo sexa o da Responsabilidade Social Corporativa: “A adega está aberta a participación de quen queira entrar”, sexa con capital ou con producción de uvas ecolóxicas”.

Viñedo recen podado da adega. Uvas de albariño ecolóxicas prontas para pisar. Fonte AGV.

Semellan moitos compromisos para unha adega de colleiteiro, pero é a paixón que lle bota Manuel, Profesor de Socioloxía da Universidade da Coruña, desde que colleu a adega foi perfilando o que quere dos seus viños, e tamén a profesional aportación do enólogo Roberto Taibo, que ten baixo a súa batuta varias distincións en viños do Ribeiro. Os viños teñen en xeral forte carácter da boca que dan os 13 grados xenerosos que acadan, a xusta acidez está presente, e desde logo a Treixadura acada unha presencia rotunda, Coa aportación dunhas barricas bordelesas de diferente procedencia afina os “coupage” dos viños de selección, .

Manolo diante da viña do "Conchouzo". O Paradigma. Fonte AGV

A adega está actualmente en obras de reconversión, “vou indo algo despacio por que quero que a antiga construcción amose o traballo da pedra que tiña o edificio” que tamén foi tenda nos seus tempos. ” As nosas viñas, como a Guimerás, Vilaboa, Conchouzo, etc, as traballamos cunha empresa con experiencia na viticultura ecolóxica, son os do Seixo de Santo André, aparte do cobre o xofre se traballan con productos de protección vexetal de última xeración”, tamén é importante o respeito ao solo, “son partidario de intervir o mínimo no chan”, como moito dous labradas no ano. Precisa o Manuel de máis producción de uvas ecolóxicas no futuro, polo que Aurea Lux vai ser un sen dúbida un foco dinamizador neste estilo de viticultura no Ribeiro, esperamos que en Barcelona así o aprecien.

Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter

1 comentario en “De Adegas: Aurea Lux

Deixa un comentario