De Adegas: Casal de Virmadeus

Unha adega antiga había na Praza da Tenencia en Cenlle, moito non se sabía dela ata que unha xente deulle unha nova vida ao emprazamento, despois dunhas obras moi ben pensadas por Sindo Novoa, sae un magnifíco edificio anovado para desenvolver todo o potencial enoturístico da localidade. Casal de Virmadeus será si ou si o embaixador distiguido dunha zona privilexiada , a modo de outeiro entre o Avia e o Miño, falamos lóxicamente do Ribeiro. E se falamos de Cenlle falamos das súas adegas que sempre venderon viño, case todo tinto, diso saben moito os restaurantes e churrasquerias do Deza ou de Vigo, igual que outras zonas do Ribeiro foron ao Xerez co branco, Cenlle seguiu coa Garnacha Tintoreira, eran outros tempos, agora a música que se toca é a das nosas castes autóctonas.

Aparte da xeografía hai unha historia, Cenlle foi anteriormente un  conxunto de xuridiscións e coutos feudais varios, dependentes de señores como os Condes de Ribadavia que tiñan a Torre de Roucos; os Benedictinos de Sobrado dos Monxes que fundaron a primeira Granxa na Galiza, en concreto no lugar de Cuñas; e os mesmos  Cabaleiros Templarios que tiñan unha encomenda en San Guillao de Astureses (Carballiño) e que en tempos medievais posuían igrexas varias pola antiga “Terra de Castela”, nome anterior do Ribeiro, precisamente pola proliferación de torres e fortalezas.

As primeiras cepas plantadas despois da filoxera, Treixadura na viña da Veiga. Fonte AGV.

Esta historia semella lonxana para nosa realidade, mais é o emblema orgulloso da Cruz de Malta Templaria xunto a Flor de Liz francesa, que fai a imaxe da adega e das súas marcas. No Ribeiro é imposible ser impasible á pegada que deixan as pedras, como as que a iniciativa do Sindo Novoa, atopamos sinalada a ubicación da antiga Torre de Roucos, que foi derrubada na Revolta Irmandiña do século XV. Sindo foi un pouco o lider desta empresa e que tenta dar un atractivo a un pobo que estaba algo aparentemente calado no que respecta ao protagonismo vitivinícola, con todo, non hai que esquecer que foi Cenlle precisamente un dos focos de desenvolvemento do moderno cooperativismo galego,  e tamén que foron saíndo varias adegas comerciais de colleiteiro, a figura que identifica unha das almas do Ribeiro.

O Virmadeus Treixadura e Abadía de Virmadeus. Viñas da zona a Veiga. Fonte AGV.

Entón son catro socios que crean Casal de Virmadeus, o que permite desde o ano 2008 sair as marcas Abadía de Virmadeus, Virmadeus e Sangue Rial.  O Abadía de Virmadeus é un coupage de Treixadura, Torrontés, Albariño e Godello. O Virmadeus está centrado na Treixadura, o Sangui Real corresponde a elaboración tinta coas castes de Brancellao, Mencía e Garnacha. O primeiro ano había tamén o Tradición Branco, elaborado cun xeito local a base de fermentar co bagaño dentro, haberá que esperar  un tempo para unha nova anada deste viño. Estos catro socios, entre os que se atopa Manuel Seone , José Antonio Novoa e o sogro do Sindo xuntan entre viñedos propios de da adega perto de 10 has, o que permite acadar por agora 25.000 botellas, non está nada mal tendo en conta que moitas viñas aínda foron plantadas hai pouco, esta producción por agora se distribue por Santiago, Pontevedra e Ourense, hai idea de ir máis lonxe, como comenta o Sindo. Hai que salientar a adquisición da viña da Veiga, verdadeiro museo viviente coas primeiras cepas que se plantaron despois da filoxera, Treixaduras, Torronteses, Godellos,  e a saber que máis. Esta cepas reviranse polo chan para dar o sua mellor expresión despois de 7-8 decadas de vendimas e podas, se falaran do que viran e escoitaban. E como proxecto paralelo a instauración dun furancho nos fins de semana, xa sabemos que aínda que esta tradición é máis coñecida no litoral, tamén ten réplicas no Ribeiro, como o mítico Papuxa de Ribadavia. O furancho permite a degustación dos viños na propia adega, coa compaña da veciñanza que se xunta, e como non, unha pequena tapa para facilitar o trago, e outra botella mais por favor!.

Ambiente de furancho na adega. José Antonio Novoa despois de atar unha cepa. Fonte AGV

 

Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter

Deixa un comentario