Inauguración da Sede da AGV en Verín: Reflexións de Alvaro Bueno sobre a DO Monterrei.

Un momento da Inauguración

O pasado día 10 de abril por parte da AGV se inagurou un local máis no noso país e que  tamén da FRUGA, polo que se pode dar unha atención especial á comarca de Monterrei e arredores.  A responsable da AGV na zona é Purificación Caldelas, Enxeñeira Agricola con moita experiencia no sector agropecuario.  A primeira hora da tarde houbo unha reunión no propio local da Rúa Espido en Verín. Despois houbo o acto oficial na sede de FORGA en Verín  con asistencia de máis de 50 persoas entre viticultores/as, responsables de adegas e amigos. Deron unhas palabras Puri Caldelas, Xosé Manuel González VilasManuel Blanco da adega Tapias Mariñan, e José Manuel Fernández de Castro de Lobarzán. Como participación especial nos acompañou Alvaro Bueno cunhas reflexións sobre pasado e momento actual dos viños de Monterrei, Alvaro é enólogo con mais de 20 anos de experiencia na zona, da súa man se deron importantes avances na evolución e mellora dos viños, como así o testemuña as moitas distincións e premios acadados nas adegas que asesora, esta foi o que comentou.

Alvaro Bueno no Stand da AGV no Salón Xantar de Ourense

“Meu nome é Alvaro Bueno e levo arredor de 23 anos en diversas adegas de varias Denominacións de Orixe Galegas. Pódovos falar da miña experiencia persoal, comezei a traballar no Ribeiro, a través dun amigo fun dar con José Luis Vilela de Bodegas Ladairo. Creo que levo 18-19 anos en Monterrei. Actualmente asesoro algunhas adegas na DO como Ladairo, Castro de Lobarzán, Crego e Monaguillo, Pazo Mariñán, Via Arxentea e Magnus.

Ao longo distos anos temos asistido a un despegue importante e canto á divulgación, venta e crecemento dos nosos viños, en primeiro lugar a nivel galego. Foi importante facerse un oco no lugar de producción e poder concorrer con outras Denominacións galegas máis antigas e con máis nome que a nosa.

Fai 20 anos, cando empezei a traballar nesta DO, máis do 50% das uvas cultivadas vendíanse a outras zonas de produción galegas e para elaboracións particulares por todo o país, e do 50% restante, eu creo que máis do 60% morría nos depósitos de cemento dalgunha cooperativa ou adega, misturado con outros viños de “pasto” para a venda de graneis de viños de mesa, e ademáis con prezos baixos, dicir tamén que estes viños se elaboraban dunha forma un tanto particultar, o que facía que a calidade non fora moi apreciada nen valorada.

Pero xa daquela algúns creimos que facendo as cousas medianamente ben e sen grandes alardes se podían elaborar viños de excelente calidade. Fai 20 anos xa había bo viño de Monterrei, pero o sabíamos uns poucos. O Godello ten volume, densidade, corpo e estrutura. A Treixadura é unha variedade terpénica, elegante e aromática.  Con estas variedades, rendementos de produción axeitados e elaboración limpa e correcta empezamos a conseguir viños de calidade.

Algunhas adegas que empezaban daquela a embotellar eran capaces de colocar a moi bo prezo o viño a granel que non eran capaces de colocar no mercado polo descoñecemento da DO Monterrei que creo que arrancou no ano 94.

De feito creo que aquelas adegas que comezaban súa andaina baseaban a parte dos seus ingresos na venda de viño de calidade a granel para outras DO e outras adegas de Mesa. A xente de fora valoraba mais nosos producto que nos mesmos. Pouco a pouco e vendo o éxito das primeiras adegas en facer as cousas ben empezaron a nacer novas adegas ben equipadas con:
– Aceiro inoxidable
– Prensas neumáticas
– Estruxadoras suaves
– Equipos de filtración
– Equipos de frio
– Os primeiros equipos de microosixenación
– Etc, etc

Novas plantacións, de variedades autóctonas, sobre todo Godelloe Treixadura en brancos e Mencía en tintos, con bos portaenxertos e uns marcos de plantación axeitados en espaldeira pra unha explotación lóxica e viable. E de haber 4 ou 5 adegas por aquel entón, hoxe creo que hai 25 ou 26 adegas; prácticamente  ten desaparecido da DO o Jerez e o Alicante, e no seu lugar o Godello, a Treixadura, o Albariño entre outras toman o protagonismo en brancos e a Mencía e Arauxa en tintos. Xa se elaboraban os viños como “Deus manda”.

En primeiro plano Puri Caldelas, logo Xosé Manuel Vilas, Manuel Blanco de Pazo de Mariñán, Alvaro Bueno e José Manuel de Castro de Lobarzán. Fonte AGV

Descangado, estruxados suaves ou de uva enteira, para evitar verdores e oxidacións, desfangados, fermentación controlada… e nos tintos aprendimos a macerar e estruxar como nos viños xovens e aprendemos a microosixenar, importantísimo para suavizar a boca e exaltar os aromas dos nosos viños xovens, etc., etc.

Ao longo destes anos os viños de Monterrei, tanto brancos como tintos, teñen superado en concursos  españois e internacionais  a viños das Rías Baixas, Ribeira Sacra, Valdeorras e Ribeiro; a nível galego temos dado  o “Mellor Branco Galego” en 4 ou 5 ocasións e o Mellor Tinto en 6 ou 7. En Bruxelas, na Alemaña, na revista Decanter teñen sido testemuñas da calidade dos nosos viños, incluso o Sr. Parker ten puntuado moi ben a unha ducia de viños de Monterrei.

Temos pasado de embotellar 100.000 litros a máis dun millón, e temos sido capaces de colocalos en mercados ao mesmo prezo qu sos nosos competidores e en ocasións máis caros; xa sabemos que somos capaces de elaborar e vender viños de boa relación calidade prezo, e estou a referirme a viños xovens. Agora deberíamos a tentar adicar unha pequena parte dos nosos viñedos á elaboración de Viños de Alta Expresión, sobre todo en aqueles solos areosos de xisto que aparte dos arxilosos abundan na nosa DO. Eses viños que se poden obter de xeito fácil, por que o único que necesitan é un bo viñedo unha boa uva, farian soar un pouco máis á nosa DO.

Tamén penso que hai que ter novas plantacións con máis variedades autócontas nos viños tintos como Sousón, Caiño, Brancellao e Ferrón e menos Mencía para obter un producto claramente diferenciado e persoal. Mencía e Tempranillo abunan noutras zonas de produción.

Víñamos dunha época de bonanza e noso crecemento nos mercados españois e internacionais era, creo, que moi esperanzador, e hoxe, debido á crise económica que atravesamos temos parado un pouco. Por iso debemos todavía facer as cousas mellor para destacar e que o consumidor escolla os nosos viños.

– O FUTURO da nosa DO pasa pola elaboración de viños de calidade, “SEMPRE”. A especulación en anos de bonanza climatolóxica nos tenta a permitir que os nosos viñedos produzan máis do axeitado, a calidade do producto baixa e os mercados o detectan e ao longo sera contraproducente. É o pan para hoxe e a fame para mañá, e xa ten pasado noutras DO galegas, e é difícil recuperar o mercado e o bo nome. O Consello Regulador ten moito que facer. É dicir, manter os niveis de rendemento de produción correctos.

– Mellorar a presentación das nosas adegas de nosos productos ( a etiqueta non a pode facer o veciño), a imaxe é ás veces tan importante como a propia calidade do producto.

– E por suposto invertir tanto a nivel particular de cada unha das adegas, asisitindo a Feiras do Estado e Internacionais e participando en todos aqueles concursos que gozen de certo prestixio; e a nível da organización, é dicir  do Consello Regulador da DO Monterrei, é dicir divulgación, dar coñecer , convidar ás nosas adegas a mellorar e sobre todo a especialistas do sector que nos axuden  a que todo o mercado coñezan os nosos viños”.

 

Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter

Deixa un comentario