Os viños ullaos, aqueles que se deleitan nos vales por onde discurre o Ulla e arredores, que chegan ao mar de Arousa, onde os viños da Barbanza e Catoria e que tiveron acollida na Denominación das Rías Baixas desde o ano 2000, están por tanto de festa. Festa que tenta lembrar a existencia vitícola da bisbarra, nos que se xuntan unhas 1500 has, a viticultura é complementaria aos moitos prados, labradios e montes arborados, pode ser que o futuro acolla importantes e necesarias melloras como a recuperación varietal e a escolla de sitios idoneos. Desde os anos 80 en San Miguel de Sarandóns, un lugar cinguido a unha ponte, tentan lembrar a constante reinvindicación a través dunha festa xa certamentamente veterana no calendario galego.
Como sempre un pouco de historia, as ribeiras do Ulla constituen unha especie de fronteira coa viticultura do sur da Galiza, máis ao norte temos que chegar a Betanzos para ver viñas. As Ribeiras do Ulla comezan en Padrón e rematan onde a parroquia arzuana de Dombodan a carón do encoro de Portodemouros, tamén estan as ribeiras de rios como o Vea ou mesmo o Deza onde Merza e Fontao en Silleda, así pois unha zona moi longa e revirada pola orografía cortada a dente en moitos casos. O Ulla fai unha especie de coitelo que fende as terras altas da Estrada onde Berres, Ribeira, Riobó e Cora; e permite achegarse ben no interior o cultivo da videira pasando por Teo, Vedra, Boqueixón, Vila de Cruces e Touro, que forman pequenas bacias separadas por gorxas que forma o río e inzadas de piñeiros ou carballeiras. Segundo Huetz de Lemps no Ulla “fan uns viños lixeiros nada desgradables”. Hai referencias documentadas desde o século XIV, onde se comenta os viños brancos ou rosados que se elaboraban daquela, tamén coa influencia de mosteiros como Carboeiro.
Aínda que certamente algo á sombra do Salnés, o Ulla orientou parte da súa colleita para aprovisionar Santiago de Compostela e súa bisbarra, este territorio, nos seculos XVII e XVIII, medraba moito en poboación, polo que resultaba as veces insuficiente todo o viño que podía vir do Ulla, Salnés e Barbanza. No século XIX Madoz gababa os viños brancos de Touro, nas parroquias do sur da Coruña eran principalemente viños tintos, por aqueles tempos o branco viña dos Ribeiros ourensáns, así era que os veciños de Padrón tiñan privilexio de vender viño de “Ribadavia, Ourense e seus coutos”. Santa Cruz de Ribadulla en Vedra suministraba un viño moi apreciado, aínda que había ordenanzas de 1755 que obrigaban a misturar o seu viño co dos Ribeiros do Avía e Miño.
Despois da Filoxera chegaron os híbridos que tanto inzaron na zona co Catalán Roxo, Folla Redonda ou Americana Branca e deixando castes como a Tinta Femia e Albariño ou mesmo uvas importadas de Castela como a Ullau, desta época saiu a sona dos augardentes. En resume, as Ribeiras do Ulla dispoñen de areas ecoclimaticamente aptas se nos cinguimos ata aproximadamente os 200 m de altitude, os veraos son cálidos aínda que con maior humedade que na costa, as tradicionais emparrados poden dar lugar a espaldeiras máis optimas para a maduración, os solos son variados, e temos tamén o traballo e experiencia aportadas recentemente por adegas como Castro Valdés en Camanzo, Adega Valdés en Santa Cruz de Ribadulla e Manuel García Gómez en San Pedro de Vilanova. Un brinde polos nosos viños “ullaos”.