I Mostra dos Viños de Vilaboa

E o prometido é debeda, así nolo comunicaron Ornela Fernández, Teniente Alcaldesa de Vilaboa, como Xavier Míguez, tivemos o curso de cata de viños cos furancheiros da zona, tivemos o primeiro Foro do Viño do Morrazo e agora a primeira Mostra do Viño de Vilaboa. Como diciamos terra de furanchos, nesta figura que leva funcionando desde o século XVI, que ven de furar ao ancho da cuba, deu lugar a unha tradición viñateira singular en que se permitía a venda do viño local despois de que se venderan o de zonas máis lucrativas. Pero iso foi historia, hoxe en día os viticultores de Vilaboa demandan un recoñecemento que non acadaron coa posta en funcionamento da DO Rías Baixas, a pesares dos esforzos e tramitacións que levou Xavier Míguez cando fora rexidor municipal hai anos. Hai xa duas adegas que levan adiante viños etiquetados como de mesa, como é o caso do Guillermo Martínez de Os Areeiros, e ademáis presidente da Asociación de Viticultores de Vilaboa, ASOVIVI.

Curso de Cata de Viños da AGV en Vilaboa. Fonte AGV

O futuro sempre é incerto, pero se albisca unha posible creación dunha zona nova na que entrarían concellos do Morrazo e outras zonas pontevedresas. Sobre os viños, como se comentou no Foro, hai amplas posibilidades, albariño, treixadura, loureiro, albariño portugués ou torrontés, Mencía, Caiños, Brancellao, etc. O vieiro pode ir cara unha diferenciación de viños de marcada influencia atlántica e que enriquecen coa súa diversidade as posibilidades do territorio. No curso de cata se probou alguha elaboración propia, que segundo Pablo Estévez, enólogo e técnico vitícola, deu algunhas pautas onde poder camiñar. De feito na adega dos Areiros, que tamén oferta turismo rural, hai unhas modernas instalacións qeu permiten a entreda nos circuitos comerciais actuais.

Adega dos Areeiros de Vilaboa. Fonte AGV
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter

Voltamos ao ano 1900: 21 Feira do Viño de Vilachá e Curso de Cata

Na Feira do Viño de Vilachá, imonos para un recanto da Ribeira Sacra, que a través da súa festa é posto en coñecemento noso, estivemos o anos pasado vendo esas adegas agrupadas no pobo, vestidas de pedra xista e que cos debidos arranxos e restauracións dan un conxunto exemplar da arquitectura rural vínica.

Roberto Regal

A Festa do Viño leva máis dunha vintena de edicións, organizada polo Concello de A Pobra de Brollón,  nesta edición presente do 2012 a AGV colabora na forma de organización dun curso de iniciación á cata, os días 2,3 e 4 de maio desde as 20:00 horas ás 22:00 horas no salón multiusos da Pobra de Brollón. As catas serán levadas polo noso amigo Roberto Regal dará un repaso aos nosos viños, incluíndo as elaboracións propias do Concello da Pobra de Brollón, que ten inscritas 3 aegas na DO Ribeira Sacra. As viñas están asocalcadas entorno ao río Sil. Desde a capital do concello hai que  andar algúns quilómetros para atopar esta verdadeira subzona dento da de Quiroga-Bibei, entre as marcas que destacan están Val de Frade, San Mamed e Don Ramón. Demos logo unha volta a Vilachá. De feito Val de Frade e San Mamed xa participarón en catas promocionais e de iniciación na AGV. O ano pasado conversamos con Purificacion Diaz sobre o proxecto de Os Ermitaños, onde sen ser unha cooperativa ao uso se agrupan 6 viñateiros para elaborar en común e así sacar unha marca, desde logo un exemplo práctico de racionalidade ecomómica tendo en conta os tempos que corren.

Puri, Xerente da SAT Os Ermitaños co seu Val de Frade. Vista dunha adega. Fonte AGV

 

Vista da Festa e o posto da Adega María Rosa Pumar. Fonte AGV

 

  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter

Xornadas do Viño na Ribeira Arousana de Catoira, Pontecesures e Valga

Temo xa organizadas as Xornadas sobre as Perspectivas da Viticultura en Catoira, Valga e Pontecesures, bisbarra arousán da Indicación Xeográfica Protexida dos Viños da Terra e Barbanza-Iria, moito nome aínda para unha mensaxe simples e seria, esta zona foi sempre e o será viñateira. Desde a AGV en colaboración coa Asociación de Viticultores da Ribeira de Arousa, as da banda do sur da IXP, estase a tentar dinamizar iniciativas vitivinícolas na zona, do que esperamos por pouco tempo non teñamos que esperar as primeiras referencias comerciais. Falarase en Valga de condicións ecoclimáticas, modelos empresariais, cooperativas e tamén de cata de viños da zona. O programa avanza tamén iniciativas pioneiras comoa viticultura nas Rías Baixas coa Adega Corisca e a agrupación de viñedos feita por Solaina Minei en Castrelo de Miño, debate entre os responsables institucionais e para remate unha cata comentada de viños da zona, na que se tentará interpretar a atlanticidade da ría.

Viñedo de Albariño en Dimo, Catoira. Fonte AGV

Esta zona, como diciamos é víñateira, configuraba historicamente un certo todo coas veciñas Salnés, Barbanza e Ulla, onde a viticultura xa esta documentada desde o súculo XIV, á sombra sempre da influinte Santiago de Compostela, á que axudou a suministrar viños do momento, sempre cando outroos caldos, como o Ribeiro, xa escaseaban. Xa chegando á nosa historia recente, ver que se constituie a  DO Rías Baixas como sucesión dunha DO do Albariño, e foi que esta bisbarra arousán quedou fora, arrodeada polo Salnés e Ulla que si entraron, incomprensións que seguramente estaban ligadas aos cambiante intereses institucionais.

Con Todo no ano 2006 se xuntaron as Asociacións de Viticultores do Barbanza, os da banda norte, e os da Ribeira de Arousa para constituir a IXP Viños da Terra de Barbanza-Iria. O percorrido por agora é lento, van tres adegas de Boiro, a Pobra e Padrón que teñen sacado referencias comerciais, que sen dúbida están no nivel alto dos viños galegos. Todavía se está na situación de recovertir unha importante masa de viticultura americana, os híbridos prodcutores directos que aínda inzan a maioría da superficie vitícola. O grande potencial está en acomenter unha reconversión decidida e con criterio propio, que non ter que coincidir coa opción pola monovarietal albariño da veciña Rías Baixas, é máis, cada vez cobran valor a elaboración con castes como a Raposo, Caiño, Loureira, Mencía, etc. Nesta diversidade atlántica está a chave, brancos e tintos, con froita e aroma que permite a influencia marítima.

Parral típico da zona diante dunha adega en Dimo, Catoira. Fonte AGV

Xa hai viticultores que en parroquias como Dimo en Catoira atesouran cepas vellas de Albariño e Mencía que se poderán catar en Cordeiro, tamen esta zona ten furanchos, que por este tempo abren as portas e as cubas para desfrute do público, será oportunidade de seguir falando desas zonas que aínda non teñen recoñecemento como DO, como é o caso de Negueira de Muñiz, Morrazo e Baixa Limia. Estas Xornadas teñen o patrocinio do Grupo de Desenvolvemento Rural de Umia, Ulla e Lérez, co que se está acomentendo un proxecto de desenvolvemento a máis longo prazo para favorecer a economía do viño.

Xornadas Técnicas: Expectativas da viticultura na bisbarra arousana: 

Lugar: Auditorio Municipal de Cordeiro.
Datas: 4 e 5 de maio
Horario: Vernes (19.00 a 21 horas) sábado (de 10.30 a 20 horas)
Prazas máximas:   sen límite, por orden de inscripción.

Programa:

Venres:
19:00 h. Inauguración.
Anxo Escariz (Xerente do GDR Umia, Ulla e Lérez)
Loli Lobato (Presidenta da Asoc. Viticultores da Ribeira de Arousa)
Roberto Rivas (Presidente da AGV)

Roberto Rivas e Loli Lobato. Fonte AGV

19.30. Presentacion do estudio da AGV sobre a viticultura da zona.
Raul Isorna, Secretario da Asociación de Viticultores de Arousa
X. Manuel González Vilas. Autor do estudo, técnico da AGV

20.00 Uns apuntes de viticultura. ( Presenta Jorge Cardoso por parte da AGV).
Francisco Rego (Estación de Viticultura e Enoloxía de Galiza)
Antonio Meixide ( CFEA de Guísamo)

 

Carlos Carrión e Francisco Rego. Fonte AGV

Sabado:
10.30 h. O cooperativismo un modelo a seguir.
( Presenta Jorge Cardoso).
Carlos Carrion (Presidente da Cooperativa Vitívinícola Arousana)
Roberto Rivas (Viña Moraima)

11.30h. Distintos proxectos empresariales.
( Presenta  Raquel Vizcaya por parte da AGV. )
Antonio Méndez (Adega Coto Redondo de Rubiós As Neves)
Joaquín Sánchez, Xerente  da adega ALAN SAT en Valdeorras
Xaime Méndez, Presidente da Sociedade Solaina Minei de Castrelo de Miño

 

Vista da Viña cooperativa das Bouzas a iniciativa de Solaina Minei. Fonte AGV

12.30h. A viticultura natural e ecolóxica na banda atlántica. ( Presenta Roberto Regal).
Adolfo Collarte (Adega Leive de Cenlle)
Natalia Rodríguez Estévez, Xerente da Adega Corisca (DO Rías Baixas)

13.30H. A Situación  da zonas sen DO ( Presenta Manel Casal).
Manuel Cancio (Negueira de Muñiz)
José Luís Videira   (Presidente  da  Federación de Furancheiros de Pontevedra)
Loli Lobato ( Presidente da Asociacion de Ribeira de  Arousa).
Agustín Fernández (Baxa Limia)

Viñedos ecolóxica da Adega Corisca

Xantar.
16.30h. As institucións ante os novos retos ( Presenta  Roberto Rivas, Presidente da AGV).
Xosé Manuel Fernández, Consellería do Medio Rural e do Mar
Alcalde de Valga.
Alcalde de Pontecesures.
Alcalde de Catoira.

18.00h. Cata comentada de viños atlánticos por Antonio Portela (Asociación Galega de Sumilleres AGASU)

Como remate ás xornadas haberá unha cata comentada polo prestixioso Sumiller e Bloguista Antonio Portela sobre unha selección de viños da bisbarra arousán e elaboración doutras zonas que teñen interés de referencia. Algúns dos viños son elaboración experimentais da propia AGV en base a vendimas seleccionadas na zona. Unha das ideas forza a extraer da cata e a potencialidade de castes como o Raposo (Branca Lexítima) que tan boas sensación está dando nalgunhas elaboracións pioneiras, e outra idea é o traballo coas elaboracións tintas, no que o traballo en viña resulta fundamental, por iso a escolla dunhas marcas que teñen traballado moi ben en chave atlántica.

1. Raposo da Zona de Barbanza Iria
2. Viño Branco Xirpin de Boiro
3. Albariño de Catoira

Framcisco Crusat, elaborador do Pintadoiro da Pobra do Caramiñal. Fonte AGV

4. Albariño de Valga
5. Branco Lexítimo de Negueira de Muñiz
6. Viño Tinto de Catoira
7. Pintadoiro Mencía da Pobra de Caramiñal
8. Señorío de Rubiós Sousón
9. Goliardo Tinto de Forjas do Salnés

Estas Xornadas deron remate a outras anteriores sobre a aplicación de productos fitosanitarios e o coñecemento das doenzas en pragas na viticultura. Como remate haberá unha viaxe para coñecer

Antonio Portela. Fonte Forum Santiago 2010

experiencias na Denominación de Orixe Monterrei,  que será o día sábado 19 de maio, na viaxe se visitarán adegas que teñen lanzado viños de altísimo prestixio nos úlitmos dez anos, en certa medida unha experiencia análoga a esta zona que coas Torres do Oeste segue outeando a vinda de novos normandos,  pois que venán a por bó viño arousán!

  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter

A AGV na II Festa do Viño de Negueira de Muñiz

Gaiteiro precisando do prezado viño no cacho colectivo. Fonte AGV

Estivemos en Negueira de Muñiz unha vez máis, e que sexan moitas, na II Festa do Viño que organiza a Asociación de Defensa das Castes Autóctonas da Ribeira do Río Navia. Esta Festa aínda non está declarada de interés internacional pero xa vai dando pasos, a mañá agoiraba choiva e vento, o que facía desacougar un pouco o ánimo da xente da organización, pero xa o dixo o Manuel Cancio “hai que ser optimistas”. Foi alguén que nos comentou o parte do tempo e que pararía no mediodía, e con precisión suiza saiu o sol cos primeiros toques de gaita. Imos un pouco para atŕas, na tarde-noite anterior, na Casa dos Cazadores deronse cita unha treintena de viciños do pobo, ou sexa unha importante parte del, e unha colección de viños moi singular, e un catador e mestre de ceremonias, Roberto Regal. Por parte da AGV se explicou un pouco o proxecto das elaboracións experimentais das variedades autóctonas de Negueira, a Branca Lexítima ou Branca do País, o Verdello Tinto e o Tinto Serodio, acompañou o painal dous viños do  Barbanza coa caste Raposo, sinónima da Branca Lexítima, outro Branca Lexítima da Adega Madroño de Negueira e 3 viños das Adegas Obanca de Cangas de Narcea que se xuntaron co Panchín branco e tinto de Manuel Cancio, o viticultor de referencia na bisbarra, en total once viños que deron que falar.

Temos elaborado un video sobre o que foi a xornada cos preparativos, música, pregón, festa e entrevistas finais, esperamos que sexa do voso agrado.


O primeiro viño foi o Branco Lexítimo que a AGV elaborou nunha adega experimental, este viño de 14,3º e 7,2 de acidez total nos sorprendeu cunha explosión de aroma que non desentonaba co gusto en boca, foi precisamente a frescura con algunha nota de acidez tropical a tal graduación que fixo manifestar o potencial desta variedade, non houbo nengunha innovación enolóxica que puidera matizar a expresión, como diciamos dará que falar o tema, acá no Navia hai unha xoia que pode e debe ser coñecida, os outros viños da mesma variedade, en total catro reafirmaron o perfil da uva, un viño agradable, fresco, coa quentura que dá unha colleita plenamente madura, estamos falando que o primeiro viño foi elaborado con uvas vendimadas o 19 de setembro do 2011. O viño Raposo do viticultor Ramón Piñeiro de Boiro non desentonaba, a súa influencia atlántica desde logo contrastaba cos de Negueira, pero vimos que un 2010 amosaba neste caso unha boca equilibrada, logo foi outro Raposo 2011 da Pobra de Caramiña, moi condicionado por unha vendima complicada, e o Panchin, o citado da Adega Madroño e un un Albarín asturiano (nome do Branco Lexítimo) …..

Pasouse aos tintos, e nisto abrimos  o Verdello Tinto da elaboración experimental, a pesares das uvas vendimadas tamén no 19 de setembro cunha presencia infeliz de botrite, foi de xeral aprobación, case un rosado pero con aroma e sabor a froita de cereixa ou semellante, a xente da zona non o tiña probado como monovarietal, desde logo haberá que seguir traballando con esta varieade. Seguindo co Tinto Serodio tamén se apreciaron notas interesantes, con todo o viño procedía dunha viña aínda un pouco cargada de máis, foi iso o que se recalcou, cos tintos se esixe unha maior atención e selección en viña, os tintos asturianos do Narcea, con crianza en madeira, sinalaron un pouco o traballa avanzado nas ribeiras viciñas. Desde logo foi un acontecemento, o desta cata, que se podería considerar como histórico, xa que non se tiña feito unha degustación comentada no lugar coas castes propias.


E seguindo co comezo chegamos á festa, e os agoiros despexados cun sol que quentaba o ambiente, xa chegando a xente deuse paso ao pregón do Pepe Rodríguez, primeiro fixo unha lembranza dos amigos que xa non están, e cos que probou os primeiros viños xa hai máis de 30 anos, e Pepe remarcou a sorte que ten a zona cos seus viños, e nomeadamente con ese Branco Lexítimo, que “mesmo a Merkel nos vai pedir en troca da debeda externa…”, “non consideremos os viños de Negueira menos que ninguén, neste mundo globalizado temos unha sinal de identidade e diferencia, e cos que enriquecemos”.. “Xuntamos acá a colleita do río coa colleita da terra.. e así que o viño é vivencia..” e ao final “fagamos unha libación, pois libar significa beber en nome dos deuses”… “este Branco Lexítimo, o Tinto Serodio e as outras uvas irmás..”. Pepe falou da necesidade de incorporar as debidas garantías tecnolóxicas para que saian esas sutilezas de expresión nos viños..”Vistamos ben estes viños para que se den a coñecer polo mundo enteiro… e que veña a xente a compartir coas xentes de Negueira”.

Paco LLedín, Presidente da Asociación de Viticultores na venda de cuncas. Panchín con Pepe Rodríguez. Fonte AGV

Tras o pregón abriu a Festa coas 12 adegas da zona, incluíndo algunha da lindante Fonsagrada, viñeron peroeiros significados pola festa, e mesmo algunha dignataria do Reino, acompañando a Festa había un mercado de productos artesanais da zona: cervexa artesanal chamada “Píntega”, churros de fariña de millo, ideais para celíacos, mermeladas e zumes, horta fresca, etc. Nos comentou a Luci, unha flamenga asentada en Negueira que levan traballando 3 anos con esta iniciativa e que coa oportunidade da Festa do Viño abren a campaña da Feira cada mes. Os viños se servían “ad libitum” cunha cunca polo prezo  módico de 5 euros, loxicamente o polbo aparte, bebendo e libando, como dicía o Pepe falamos co Presidente da Asociación de Viticultores de Negueira de Muñiz, Francisco Javier Lledín, que nos comentou a ilusión que se xerou con este evento e coas ganas reforzadas para levar adiante máis iniciativas en prol da Ribeira, nese ánimo tamén o transladou Roberto Regal, na súa aproximación enolóxica e “etnolóxica” do territorio, para guinda unha visita á Pena dos Encantos, atalaia xeolóxica onde unhas viñas están esperando o froito para catar na vindeira Festa do Viño.

Na Pena dos Encantos. Fonte AGV
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter