A AGV na II Festa do Viño de Negueira de Muñiz

Gaiteiro precisando do prezado viño no cacho colectivo. Fonte AGV

Estivemos en Negueira de Muñiz unha vez máis, e que sexan moitas, na II Festa do Viño que organiza a Asociación de Defensa das Castes Autóctonas da Ribeira do Río Navia. Esta Festa aínda non está declarada de interés internacional pero xa vai dando pasos, a mañá agoiraba choiva e vento, o que facía desacougar un pouco o ánimo da xente da organización, pero xa o dixo o Manuel Cancio “hai que ser optimistas”. Foi alguén que nos comentou o parte do tempo e que pararía no mediodía, e con precisión suiza saiu o sol cos primeiros toques de gaita. Imos un pouco para atŕas, na tarde-noite anterior, na Casa dos Cazadores deronse cita unha treintena de viciños do pobo, ou sexa unha importante parte del, e unha colección de viños moi singular, e un catador e mestre de ceremonias, Roberto Regal. Por parte da AGV se explicou un pouco o proxecto das elaboracións experimentais das variedades autóctonas de Negueira, a Branca Lexítima ou Branca do País, o Verdello Tinto e o Tinto Serodio, acompañou o painal dous viños do  Barbanza coa caste Raposo, sinónima da Branca Lexítima, outro Branca Lexítima da Adega Madroño de Negueira e 3 viños das Adegas Obanca de Cangas de Narcea que se xuntaron co Panchín branco e tinto de Manuel Cancio, o viticultor de referencia na bisbarra, en total once viños que deron que falar.

Temos elaborado un video sobre o que foi a xornada cos preparativos, música, pregón, festa e entrevistas finais, esperamos que sexa do voso agrado.


O primeiro viño foi o Branco Lexítimo que a AGV elaborou nunha adega experimental, este viño de 14,3º e 7,2 de acidez total nos sorprendeu cunha explosión de aroma que non desentonaba co gusto en boca, foi precisamente a frescura con algunha nota de acidez tropical a tal graduación que fixo manifestar o potencial desta variedade, non houbo nengunha innovación enolóxica que puidera matizar a expresión, como diciamos dará que falar o tema, acá no Navia hai unha xoia que pode e debe ser coñecida, os outros viños da mesma variedade, en total catro reafirmaron o perfil da uva, un viño agradable, fresco, coa quentura que dá unha colleita plenamente madura, estamos falando que o primeiro viño foi elaborado con uvas vendimadas o 19 de setembro do 2011. O viño Raposo do viticultor Ramón Piñeiro de Boiro non desentonaba, a súa influencia atlántica desde logo contrastaba cos de Negueira, pero vimos que un 2010 amosaba neste caso unha boca equilibrada, logo foi outro Raposo 2011 da Pobra de Caramiña, moi condicionado por unha vendima complicada, e o Panchin, o citado da Adega Madroño e un un Albarín asturiano (nome do Branco Lexítimo) …..

Pasouse aos tintos, e nisto abrimos  o Verdello Tinto da elaboración experimental, a pesares das uvas vendimadas tamén no 19 de setembro cunha presencia infeliz de botrite, foi de xeral aprobación, case un rosado pero con aroma e sabor a froita de cereixa ou semellante, a xente da zona non o tiña probado como monovarietal, desde logo haberá que seguir traballando con esta varieade. Seguindo co Tinto Serodio tamén se apreciaron notas interesantes, con todo o viño procedía dunha viña aínda un pouco cargada de máis, foi iso o que se recalcou, cos tintos se esixe unha maior atención e selección en viña, os tintos asturianos do Narcea, con crianza en madeira, sinalaron un pouco o traballa avanzado nas ribeiras viciñas. Desde logo foi un acontecemento, o desta cata, que se podería considerar como histórico, xa que non se tiña feito unha degustación comentada no lugar coas castes propias.


E seguindo co comezo chegamos á festa, e os agoiros despexados cun sol que quentaba o ambiente, xa chegando a xente deuse paso ao pregón do Pepe Rodríguez, primeiro fixo unha lembranza dos amigos que xa non están, e cos que probou os primeiros viños xa hai máis de 30 anos, e Pepe remarcou a sorte que ten a zona cos seus viños, e nomeadamente con ese Branco Lexítimo, que “mesmo a Merkel nos vai pedir en troca da debeda externa…”, “non consideremos os viños de Negueira menos que ninguén, neste mundo globalizado temos unha sinal de identidade e diferencia, e cos que enriquecemos”.. “Xuntamos acá a colleita do río coa colleita da terra.. e así que o viño é vivencia..” e ao final “fagamos unha libación, pois libar significa beber en nome dos deuses”… “este Branco Lexítimo, o Tinto Serodio e as outras uvas irmás..”. Pepe falou da necesidade de incorporar as debidas garantías tecnolóxicas para que saian esas sutilezas de expresión nos viños..”Vistamos ben estes viños para que se den a coñecer polo mundo enteiro… e que veña a xente a compartir coas xentes de Negueira”.

Paco LLedín, Presidente da Asociación de Viticultores na venda de cuncas. Panchín con Pepe Rodríguez. Fonte AGV

Tras o pregón abriu a Festa coas 12 adegas da zona, incluíndo algunha da lindante Fonsagrada, viñeron peroeiros significados pola festa, e mesmo algunha dignataria do Reino, acompañando a Festa había un mercado de productos artesanais da zona: cervexa artesanal chamada “Píntega”, churros de fariña de millo, ideais para celíacos, mermeladas e zumes, horta fresca, etc. Nos comentou a Luci, unha flamenga asentada en Negueira que levan traballando 3 anos con esta iniciativa e que coa oportunidade da Festa do Viño abren a campaña da Feira cada mes. Os viños se servían “ad libitum” cunha cunca polo prezo  módico de 5 euros, loxicamente o polbo aparte, bebendo e libando, como dicía o Pepe falamos co Presidente da Asociación de Viticultores de Negueira de Muñiz, Francisco Javier Lledín, que nos comentou a ilusión que se xerou con este evento e coas ganas reforzadas para levar adiante máis iniciativas en prol da Ribeira, nese ánimo tamén o transladou Roberto Regal, na súa aproximación enolóxica e “etnolóxica” do territorio, para guinda unha visita á Pena dos Encantos, atalaia xeolóxica onde unhas viñas están esperando o froito para catar na vindeira Festa do Viño.

Na Pena dos Encantos. Fonte AGV
Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter

Deixa un comentario