A AGV na XXXII Festa de exaltación do Ulla

Pois seguimos coas crónicas das feiras e eventos, e falamos dunha festa xa veterana, que se celebrou en San Miguel de Sarandón, e Puri Caldelas nos achegou este relato dun lugar e dun entorno do que teremos que seguir falando en vindeiras ocasións.

Por Puri Caldelas

A AGV estivo na Festa do Viño da Ulla, unha das feiras de viño máis consolidadas dentro do panorama Galego, pois xa conta ,coa deste ano, con 32 edicións. Di o refraneiro que “En Abril, augas mil”, e non fallou, o día transcorreu entre repetidos claros e choivas, que sen embargo, non foron suficientes para calmar os ánimos dos miles de asistentes, que entre chaparrón e chaparrón degustaron os mais de 15.000 l de viño que se repartiron entre as diversas tabernas, todas elas montadas polos veciños e veciñas dos pobos colindantes, que ano tras ano, acoden en relixiosa armonía, para traballar en que esta tradición siga viva. Todo isto acompañado pola nosa curtida gastronomía, na que non faltou o polbo, o churrasco, filloas, chourizos, empanada e un longo etc…

O verdadeiro protagonista da festa foi o viño, por suposto, da Ulla, que, ou ben nos postos ou ben nas “botas xigantes” penduradas nos carballos, das que manaba de balde, non deixou de fluír. Tamén cabe destacar os numerosos postos de venda de produtos Galegos, que variaban dende a cerámica, os licores varios, os doces, pan , queixo…

Durante a Festa. Puri Caldelas

A xornada comezou pola mañá cunha misa en galego no campo da festa, no que non faltaron as diversas personalidades, como o presidente da Deputación de Pontevedra, o alcalde de A Coruña, Carlos Negreira, que foi o encargado de ler o pregón deste ano, tamén se nomearon os novos membros da “Orde Dos Amigos e Amigas da Bota do Viño da Ulla”, entre os que se atopaban o coñecido imitador e presentador Xacobe Pérez.

Despois dos saúdos das autoridades,  pasamos a visitar os distintos stads que a D.O.  Rías Baixas  colocou nunha carpa, e onde se podían degustar todos os viños da subzona do Ulla: Pazo de Galegos, Alargo, Chouzal, Señorío de Cruces, Gran Merundei e Gundian. No transcurso da cata atopámonos con Senén Chás, un dos precursores e fundadores da festa, e que amablemente nos atendeu. Explicábanos Senén que a subzona do Ulla estaba formada por parroquias dos concellos de Vedra, Padrón, Boqueixón, Teo, Touro, A Estrada, Silleda e Vila de Cruces. Durante moitos anos el, xunto con outros adegueiros estiveron loitando pola inclusión da zona na D.O Rías Baixas, obxectivo que conseguiron no ano 2000. Todo elo, claro está, facendo alarde dos excelentes viños que se elaboran na zona. Nas súas 46 ha de viñas destaca, sobre outras variedades, o Albariño. Tamén nos comentou que con motivo da Festa do Viño se desenvolveran  unhas xornadas técnicas na Casa da Cultura de San Miguel de Sarandón, durante os días 27, 28, 29 e 30 de Marzo.

Nos stands das adegas da Ribeira do Ulla. Francisco Outeiro

Durante todo o dia tiveron lugar a actuación de numerosas charangas e grupos, sobre todo grupos de folclore galego, música que a organización se esforza en promover e na que se basean a maioría das actuacións. Xa pola tarde destacaron as actuacións dun impresionante grupo de capoeira da Coruña e  o Home orquestra, entre outros. Todo isto coa mirada atenta e cómplice de Salvador Fernández,que é o que se ocupa do apartado musical dentro da comisión.

Capoeira galaica. Puri degustando o Pazo de Galegos nun stand da Festa. Fonte Puri Caldelas e Francisco Outeiro

E con tanto axetreo, as pernas xa empezaban a fraquear, polo que emprendemos o viaxe de regreso, iso si, debemos ser os primeiros, por que os aparcadoiros aínda quedaba cheo. A AGV foi testemuña dunha gran festa, cunha xente excepcional e moi bo ambiente. Degustamos excelentes viños acompañados de grandes leceres gastronómicos e todo coa música de fondo do mellor folclore galego. Non se pode pedir máis. Tan só nos queda anotar na axenda a seguinte cita da que será a XXXIII festa de exaltación do viño da Ulla. Alí estaremos.

Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter

Deixa un comentario