A AGV-FRUGA presentase ás eleccións aos Consellos Reguladors das Denominacións do Viño

A Asociación Galega de Viticultura AGV, integrada na Federación Rural Galega FRUGA, foi constituída en agosto de 2009 con diversas xentes do viño procedentes da vicitcultura, adegas, enoloxía, técnica, distribución,  procedentes de todas as zonas do viño no páis, no Ribeiro, no Condado, Rosal e Salnés, Monterrei, Valdeorras, Ribeira Sacra, Barbanza-Iria Negueira de Muñiz, Ourense, Morrazo, Betanzos e a Baixa Limia, hai xa tres locais permantentes en O Rosal, Ribadavia e Verín, 5 Denominacións de Orixe Galegas e nas IXP Viños da Terra de Barbaza-Iria, Betanzos e Ourense Val do Miño,  de feito é a única organización galega do sector con total implantación territorial

Desde que nos constituimos a nosa máxima é a colaboración e cooperación entre persoas e entidades do viño, por iso iniciamos potentes campañas de divulgación da cultura e consumo do viño por todas as cidades e vilas comarcais, xa tivemos máis de 40 actividades de cata ou promoción de viños, moitas delas co Apoio de Concellos de deputacións aparte de Asociacións Veciñais e Culturais como dos Consellos Reguladores e Asociacións de Sumilleres e Catadores. Estivemos por locais formativos, institutos, paradores de turismo, hoteis, sedes de consellos reguladores, feiras e festas, e todo aquel sitio que requeriu da nosa presencia.

Neste ano 2012 particpamos con ḿáis de 20 adegas nos eventos sectoriais do Salón Gastronómico Xantar de Ourense, o Forum Gastronómico de Santiago e a Feira Alimentaria de Barcelona, así como a organización das VII Xornadas Agrarias no Pazo da Cultura de Pontevedra, as I Xornadas do Viño de Negueira de Muñiz, as Xornadas Técnicas da Ribeira de Arousa e recentemente as Xornadas Enoturísticas e Culturais da Ribeira Sacra. Actualmente están asociadas á AGV mais de 40 adegas xa sexan coooperativas, adegas ou colleiteiros-as. Tamén está o traballo formativo en temas de viticultura e elaboración que segue cun ambicioso programa en curso con colaboradores nos Centros de Experimentación das Administracións e na Universidade.

A AGV se presenta con candidaturas a todos Consellos Reguladares do País, con viticultores-as e colleiteiros-as, na seguridade de aportar propostas e solucións que o sector precisa nestes momentos de dificultade, e sempre co noso slogan que defendemos, beber país e vivir no país.

Propostas da AGV e FRUGA para os Consellos Reguladores do Viño

Propostas Xerais

A Asociación Galega de Viticultura-Federación Rural Galega AGV-FRUGA é unha organización que xa está presentea actualmente en todos os Consellos Reguladores do Viño, no próximo 3 de de xuño espera obter a necesaria confianza dos viticultores-as e colleiteiros para seguir levando iniciativas de interese para a defensa e continuidade do noso sector.

Dende aquí a AGV-FRUGA quere deixar claro a intención de concurrir as eleccións en todas as DO. En pé de igualdade coas organizacións agrarias, porque cremos que no mundo do viño foi a AGV-FRUGA quen mantivo o pulso durante estes derradeiros anos.

Foi a AGV quen defendeu o modelo dunha viticultura de calidade na renovación dos regulamentos, e fomos nos quen aguantamos da bandeira contra os que querian aplicar a política do todo vale ou da barra libre.

Polo tanto imos a apresentarnos as eleccions en solitario ou fomentando acordos ali onde sexa posible pero sempre cuns principios básicos irrenunciabeis enrriba da mesa:

1-defensa da xustiza nas relacións interprofesionales entre viticultores-as e adegas

2-defensa da calidade atraves do cumprimento das normativas de produción e elaboración nos consellos reguladores, qeu é o único xeito de garantir a calidade e diferenciar os nosos viños.

3-esixir das administracións que paren os recortes cara as campañas de promoción, non poden encher a boca a falar da internacionalización e recortar as axudas un 50%.

4-devemos seguir a insistir na defensa de todas as manifestacións da cultura do viño a traves do emprego e uso do galego como idioma propio

Propostas para as diferentes Denominacións

RIBEIRO

1- Posta en marcha inmediata do novo regulamento apropado polo Consello Regulador

2- Promoción dun novo programa de actuacións en favor da reconversión varietal que continúe o anterior Plan Ribeiro

2- Esixencia da Administración na publicación dun novo rexistro vitícola que corrixa as enormes deficiencias do actual

3- Aumento e non recorte dos recursos para promoción e control de calidade dos viños

As Candidaturas

Candidato polos viticultores-as do Censo A na Asociación Labregos Ribeiraos

Xosé Manuel González Vilas, Enxeñeiro Agrónomo, tamén viticultor nos ratos libres, leva asentado no Ribeiro desde o ano 1999, como técnico e responsable sindical, agora é técnico da Asociación Galega de Viticultura e membro da Federación Rural Galega FRUGA. Preséntase pola Asociación Labregos Ribeiraos que está integrada na FRUGA e ten sempre defendido publicamente uns poscionamentos claros sobre todas aquelas cuestións de preocupación entre as xentes do Ribeiro como as discusións sobre os prezos da uva, un novo regulamento para o Consello Regulador, etc.

Entrevista

Desde a túa experiencia na viticultura que pensas do momento actual? Eu viñen ao viño un pouco por casualidade, tiven a sorte de coñecer moita xente e visitar moitas viñas e adegas, unha xente que ten o privilexio de obter un producto moi aprezado e de moita distinción, o viño. Os cambios foron tremendos, agora os viños están en todo tipo de mercados, por moi lonxe que sexa e mesmo con adegas de todo tamaño, posiblemente temos que estar atentos a máis cousas que antes, a parte de podar, cavar e sulfatar hai que estar informados das políticas agrarias, a promoción e comercio, o control da calidade, etc.

Cales para ti son os valores da DO? Desde logo o Ribeiro ten a cultura e historia do viño nas xentes e nas paisaxes, falar de Viño e Ribeiro é case o mesmo, a situacíon física e as moitas enrrugas dos montes e vales que fan que teñamos tantas diferencias nos viños, e xa non digamos a constante defensa que fixeron moitas persoas en favor das nosas castes autóctonas, sobre todo nos tempos dificeis que tivemos.

Que hai que cambiar? Sempre hai que mellorar, nos últimos anos se deron pasos importantes, coa xestión de Luis Anxo Rodríguez e co apoio da anterior admistración co Plan Ribeiro puidemos dar saltiños que permitiron situar na atención pública a importancia da calidade do viño para mellorar todo o demais: prezos, reconversión varietal, turismo, riqueza na comarca, etc. Desde logo hai que por en marcha o novo regulamento, é imprescindible, hai que favorecer un clima de acordo en temas como os prezos da uva e control e certificación, temos que conseguir sumar consenso nas campañas de promoción e opornos aos de recortes axudas públicas en estas sensibles materias.

Candidato polos Colleiteiros-as do Censo D na Asociación Galega de Viticultura Federación Rural Galega AGV-FRUGA

Francisco Javier Monsalve Álvarez, formado en Vitivinicultura na Escola da Granxa en Ponteareas, é un colleiteiro que tiña unha longa experiencia en adegas e viñas galegas, que alá polo final dos anos 90 veu desde Madrid para traballar as viñas que a familia tiña na Arnoia. Foi así que na zona de Firvidelas en Arnoia xuntou unhas parcelas e plantou as castes autóctonas de Treixadura, Loureira, Torrontés e outras, en homenaxe a seu abo Eloi sacou desde o ano 2007 a marca Eloi Lorenzo, sempre coa impronta de procurar unha calidade e tamén dunha harmonía coa natureza, adoptando prácticas respetuosas co medio natural.

Desde a túa experiencia, como valoras o momento actual? O momento actual é de inflexión, comezamos a destacar pola calidade, xa destacamos na maioría das zonas do mundo, “viños singulares e de auténtica calidade, estamos máis adiantados nos brancos pero tamén estan aparecendo os nosos tintos, viños en xeral moi aceptados por consumidores esixentes e de alto nivel cultural. O momento actual é o da promoción da calidade, das variedades autóctonas e das elaboracións singulares.

Cales pensa que son para ti os mellores valores da DO Ribeiro? Sen dúbida, a Historia, os diferentes microclimas que atesouramos, que permiten unha grande cantidade de viños de gran nível.

Que temos que mellorar? A unión de todos-as, dos productores, adegas e colleiteiros-as, en xeral de todos os profesionais, hai que rematar xa cos enfrentamentos e loitar polos intereses comúns.

RÍAS BAIXAS

1.- Defensa dos controis de rendemento na produción de uva

2.- Apoio aos acordos de compra-venda de uva a trevés dun novo contrato-homologado que prime criterios de calidade

3.- Fomento dos criterios de calidade na uva e viño a través de campañas informativas e formativas

As candidaturas

Candidato polo Censo A2 de Viticultores-as do Salnés e Ribeira do Ulla

Entrevista a Germán Martínez Novo por parte de XESVITGAL SL

German Martínez Novo é Xerente da sociedade XESVITGAL SL, pertencente ao grupo BOUCIÑA, que xestiona viñedos e elabora viños con moitas disticións no panorama galego e internacional. Comenzou a súa andaina hai máis de 10 anos na elaboración de viños con uva de proveedores, foi que co tempo que xuntaron viñas no Val do Salnés e da Ribeira do Ulla. Germán xa ten representado ao sector no Consello Regulador desde hai anos e defendendo un espiritu dialogante e aberto a procurar solucións de consenso e favor do prestixio da Denominación de Orixe Rías Baixas como da riqueza para todos os integrados nela.

Como Foi a túa experiencia no mundo da viticultura? Levo casi toda a vida dado que meu pai fai 40 anos que plantou albariño. Como profesional levo dende o ano 1991. A miña experiencia empezou facendo cursos da P.P.O con Sr,Requena no ano 1979, dispois sendo comercial de viños e máis tarde seguindo sendo copropietario de Adegas Arousa. A experiencia foi positiva dado que son un gran amante da viticultura e do viño.

Como valoras o momento actual da DO? Rias Baixas está no seu mellor momento, hai unha producción de calidade, e xa cunha certa cantidade para comprometerese en serio cos mercados. Fáltanos un pouco de equilibro.

Que cousas temos que facer? Temos que seguir mellorando en calidade e control de rendementos e tamén temos que buscar e avanzar nos mercados exteriores dado que o mundo e moi longo e nos somos únicos na nosa zona se aproveitamos ben a nosa orixe e microclima.

Candidato polo Censo A2 de Viticultores-as do Condado e Soutomaior

Antonio Álvarez Suárez representa á sociedade AGROMIÑO SL, que desde máis de 30 anos cultiva cepas de albariño e outras castes como a treixadura e loureira en viñedos de Crecente e Arbo, sobre todo a famosa finca Morgadío. Foi un pioneiro en traballar con modernos sistemas de formación como o cordón descendente e ten traballado co asociacionismo vitícola en favor da formación técnica e divulgación de novidades. Ten tamén participado moitas veces en mesas sectoriais para a negociación dos prezos da uva na DO Rías Baixas. Ten realizado viaxes diversos a zonas de viño como a Borgoña na Francia e o Veneto en Italia.

Como se ven as cousas nestes tempos? Agora a xente é mais profesional, con todo hai moito que mellorar, a nível técnico aínda non sabemos ben que sistemas de poda, despuntes e desfollados necesitamos, sobre todo na incidencia a acidez dos viños, hai que seguir experimentando.

O fastidiado é a desfeita de “todo vale”, onde se planta en calquera sitio e lugar, as vendas non acompañan os aumentos grandísimos da producción das últimas campañas, agora temos dúas colleitas nos depósitos, é un grande problema.

Que valores debe seguir a Denominación Rías Baixas? Procurar sempre a calidade, diferenciarnos dos demais, sobre todo na gama alga mediana-alta internacional. Sempre partiremos de uvas con altos custes de producción, se non mantemos o nível non podemos ser rendibles, e viticultores e adegueiros-as terían que abandonar.

Que temos que facer? As melloras se ven sobre todo nas catas de viño, estas catas deben partir das mostras que hai no mercado, todo isto hai que facelo desde o Organo de Control da Denominación de Rías Baixas, se non o facemos así imos para atrás. Tamén se debe estudiar o emprego de técnicas do ADMN para controlar a orixe das produccións e evitar as fraudes. Estas propostas son posibles.

VALDEORRAS

1.- Aumento e non recorte dos recursos para promoción e control de calidade dos viños

2.- Apoiar novos acordos de compra-venda de uva

3.- Reforzar as campañas de promoción turística e cultural da DO Valdeorras

As candidaturas

Candidata polo Censo B1 polas adegas

A Adega O Casal SAT foi constituída haberá uns dez anos alá polas ladeiras que se achegan á Serra da Lastra en Rubiá, constituída por 5 socios e que dalgún xeito quixeron exemplerizar un xeito de trasladar o duro traballo nas cepas e calidades da zona a un producto elaborado de calidade e aceptación en calquera escenario de consumo a nível galego ou exterior. Entre os seus socios está Antonio Fernández Lorenzo é Xosé Lois García Pando, este último tamén Presidente actual do Consello Regulador de Valdeorras, co seu traballo continuo e diálogo permantente ten conquerido importantes avances na profesionalización do sector como da introducción dos viños de Valdeorras nos diferentes mercados situados nun entorno cada vez máis mundializado. As propostas da Asociación Galega de Viticultura están encadradas no esforzo necesario para mellorar o coñecemento e consumo dos nosos viños como tamén a mellora das condicións económicas dos viticultores-as e colleiteiros de Valdeorras.

Entrevista ao actual Presidente da Adega O Casal Antón Fernández Lorenzo

X.L. García Pando

Na actual situacion de crise e incertidume, e desde a vosa coñecida experiencia no eido da viticultura, pensas que segue o mundo da viña e do viño sendo unha opcion de futuro ? A resposta é sí, o momento é delicado sobre todo para a xente do agro, todo debe mellorar, pero as viñas e o viño son dos poucos sectores que en Galiza estan mantendo un bon n ivel de actividade, co cal son unha boa opcion de traballo neste momento. Demandamos do governo estatal e galego un apoio claro ao noso trabllo nas denominacions de orixe a prol da promocion e da calidade dos nosos productos. Desde logo sempre haberá futuro se loitamos con calidade e con Denominación de Orixe, sempre cun viño identificado coa zona.

Cales pensas que son os mellores valores na denominacion? A resposta é clara, as suas xentes, os viticultores e viticultoras, profesionais de adegas e do viño que están poñendo o seu saber na consecuciuón de cada colleita mellores uvas e viños cheos de premios e recoñecemento. Desde logo que tamén a nosa privilexiada situacion coas súas horas de sol axuda por ter unhas castes perfectamente adaptadas aos terreos, a mencía e o godello, que expresan a súa diferenciación mesmo con zonas lindantes. Desde logo que a valorización da DO aumentou coa xestión levada pola anterior Consellería do Medio Rural con Alfredo Suárez Canal e o noso compañeiro Xosé Lois ao frente do Consello Regulador, agora só se fala de Valdeorras en termos da promoción e recoñecemento aos seus viños.

Antonio Fdez. Lorenzo e Manuel Fdez, socios de O Casal

Cal é o teu desexo para a DO Valdeorras? Conseguir pola via da formación, do encontro, do dialogo, da busqueda de apoios, que a denominación de orixe sexa un puntal economico na comarca, que todos os axentes implicados consigamos traballar unidos, contar con todas as persoas, con adegas grandes e pequenas, coa xente que trablla nas viñas, cos Concellos…para que a DO Valdeorras acade trascendencia internacional. Os viños deste ano xa estan dando moito que falar nos medios especializados pola sua calidade irrepetibel e inimitabel. Tamén é importante provocar o xurdimento de vender unha imaxe de conxunto para a comarca de Valdeorras, xunto á lousa, turismo, etc.

Candidato polo Censo A de viticultores-as

Entrevista a Joaquín Sánchez Rodríguez

Joaquín Sánchez, viticultor, elaborador, enólogo, comercial..todas istas cousas nunha persoa que hai máis de 10 anos xunto aos seus irmaos José Luis e Manuel levaron adiante o reto dunha adega familiar para valorizar as uvas das parcelas que traballan. E esa valorización son os diferentes viños de ALAN e co mellor que temos na comarca: godello, mencía, garnacha e brancellao. Joaquín sempre procurou compatibilizar o duro traballo esforzo da viña se hai que podar, enramar, desfollar ou vendimar como de promoción a través dunha cata como de calquera evente de promoción que se realize en calquera lugar do mundo. E tamén coa debida xenerosidade de partillar os beneficios coa boa imaxe e nome da DO Valdeorras.

Desde a túa experiencia na viticultura, como valoras o momento actual? En xeral positivo, seguimos tendo unha necesidade de promocionar máis o noso traballo, seguir no control da viticultura como a cantidade máxima de uva dunha colleita, o Consello Regulador se ten que implicar xa que é importantísimo.

Poderías decirnox cales son os mellores valores da DO? Diferenciarnos con variedades como o Godello e outra castes nobres como a Mencía. Moitas adegas familiares teñen traballado na promoción da viticultura e dos viños, xa que traballan desde a viña á botella, chegando incluso ao comercio dos propios viños, polo que esta dimensión familiar hai que valorizala.

Que pensas que ten que mellorar na DO? Os controis de calidde, tanto na elaboración como no mercado. Necesitamos estudiar a fondo nosos solos, fundamento da materia prima, mesmo que viñera a Universidade a facelo. Tamén demandamos que desde as administración se tiveran módulos formativos en viticultura, acá en Valdeorras hai cursos de pintura e de todo menos o viño, temos que implicar á xente nova nisto, para asegura a vocación de traballo no sector.

MONTERREI

1.- Defender a estabilidade do sector da DO Monterrei, non se pode apoiar plantacións de viñedo con afán especulativo como a que se vai facer e que suporá un aumento desmesurado das uvas e viño por agora non poden aguantar no mercado

2.- Defensa do rigor e seriedade no funcionamento do Consello Regulador

3.- Apoio a unha campaña de promoción e información sobre os viños da DO Monterrei

As candidaturas

Candidato polo Censo A de viticultores-as

Alfonso Fernández é un viticultor de Albarellos no Concello de Monterrei, desde que voltou da emigración en Alemaña, foi plantando cepas de variedades autóctonas con determinación e disciplina. Sempre preocupado polas cousas que poden preocupar ás xentes da comarca e en especial das que teñen que ver co viño, ten sempre amosado a súa entrega e firmeza en defender as cuestións con seriedade.

Desde a túa experiencia nas viñas, que pensas do momento actual? Non nos enganemos, non estamos pasando polo mellor momento económico, pero, como viticultor e valorando a viticultura en Monterrei, penso que temos aprendido moito, coidamos máis do terreo escollemos mellor as variedades, priorizamos a calidade á cantidade, e, sobre todo, entendemos que o viño faise na viña máis que na adega, e somos un pilar moi importante dentro da D.O. Monterrei

Poderías dicirnos cales son para ti o que mellor temos na DO Monterrei? Un deles o clima, que fai que sexamos distintos ó resto de Galicia, pola nosa situación xeográfica, o terreo, dentro de Monterrei hai diferentes zonas, de val e de montaña, , e a forma de condución do viñedo, cousas que nos fan distintos, porque ó fin e ó cabo o que valoriza o produto son as peculiaridades de cada zona

 Que pensas que ten que cambiar na DO Monterrei? A formación para as persoas que traballamos na viticultura, apoio das institucións , para que faciliten as cousas á xente que quere traballar nesto e que sexa unha boa opción para a xente nova, por suposto, que se valore o noso traballo e que se nos escoite, porque formamos parte da cultura da comarca de Monterrei

Candidato polo Censo B1 das adegas

Manuel Guerra Justo é un viticultor mozo e colleiteiro do pobo de Vilaza no Concello de Monterrei, el xunto a súa familia cultivan viñedos para unha producción limitada que xa mesmo se está comezando a exportar fora do país. Manuel está preocupado por estár informado e formado en todas as novidades como innovacións que aparecen sempre no sector, e ten como máxima acadar unha calidade en consonancia co bo nome da Denominación dos Viños de Monterrei.

Entrevista a Manuel Guerra Justo

Desde a túa experiencia en viticultura, como valoras o momento actual? O momento actual non é fácil para ningún sector, pero creo firmemente no potencial da D. O. Monterrei, penso que cada vez se elaboran mellores viños, grazas ó esforzo e tesón de adegueiros/as e viticultores/as

Poderías dicirnos cales son para ti os mellores valores da DO Monterrei? O que distingue o noso viño é o terreo e o clima, que fan que os viños, aínda cas mesmas variedades que tamén hai noutras Denominacións de Orixe, sexan diferentes, con personalidade propia. Tamén pertencer á Ribeira do Támega, afluente do Douro, nos dá distinción

Que pensas que ten que mellorar na DO Monterrei? Penso que hai moito que mellorar, precisamos que os nosos viños se coloquen no lugar que se merecen, facendo máis campañas de promoción, tanto na comarca, coma fóra dela, investindo en formación de viticultores/as e adegueiros/as, pedindo ás institucións apoio, pois formamos parte do turismo da zona, colaborando todas as partes involucradas(viticultores/as, adegas, hostalaría)pois somos un tándem e temos que traballar unidos para demostrar o moito que vale D.O. Monterrei

RIBEIRA SACRA

Na Ribeira Sacra a Asociación Galega de Viticultura FRUGA integrouse no acordo unitario da Candidatura Independente de Viticultores e Adegueiros Profesionais da Ribeira Sacra que o pasado domingo día 29 de abril se oficializou nun acordo celebrado na Adega da Abadía da Cova no Saviñao (Lugo). Este acordo vai na liña de evolución positiva da Denominación no sentido de seguir aumentando os numerosos viños de calidade contrastada, tando adegas medianas como pequenas. Tamén no traballo con viticultores-as e adegueiros para mellorar a formación técnica, as posibilidades da promoción e comercialización no exterior e o turismo ligado ao viño. De certo a AGV veu de celebrar coa Rede Galega de Empresas nos dáis 11, 12 e 13 unhas Xornadas Enoturisticas e Culturais que encadran todo anteriormente exposto e que contaro coa presencia de máis de 30 adegas da Ribeira Sacra.

Nesta Xornadas que se centraron na conexión entre as paisaxes, a historia, cultura e productos como o viño e queixos quedou clara a necesidade de valorizar todas as posibilidades para conseguir o aumento de visitantes, consumidores e seguidores que redunden na creación de riqueza e postos de traballos, sobre todo en zonas que tiveron unha certa regresión demográfica.

Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter

1 comentario en “A AGV-FRUGA presentase ás eleccións aos Consellos Reguladors das Denominacións do Viño

Deixa un comentario