7 de xullo: nace a Irmandade Galega de Adegueir@s IRGADE

Desde o Foro Enrique Peinador e a través de Xosé González foi que se convoca a unha morea de adegas e xentes da viña para o día 7 na Reitoral de Santo André en Ribadavia para crear a IRGADE, Irmandade Galega de Adegueir@s, xusto un ano despois da  inauguración no da sede da AGV no mesmo lugar. A AGV se suma a esta iniciativa que vai recoller o seguinte manifesto de constiutción.

IRMANDADE GALEGA DE ADEGUEIR@AS

Aínda sendo posible que xa existiran viñas nestes lares, de seguro que foron os romanos -herdeiros do saber grego sobre o viño- os que estenderon o seu cultivo, establecendo as primeiras plantacións estables en Galicia.

Desde entón, e ao longo de dous milenios, con épocas florecentes e crises cíclicas, e grazas á teimosía de centos de familias, podemos asegurar que rematamos o século XX no bo camiño. Creamos marcas de viños que revolucionaron os mercados do estado e penetraron nos máis exquisitos mercados internacionais.

En pleno século XXI, xunto coa calidade e personalidade dos nosos viños, fixemos aparecer outro elemento singular:a posta en valor da identidade como elemento diferenciador que pode dar un valor engadido nun mercado cada vez máis culto e selecto: a utilización do galego na etiquetaxe dos viños, que arrincando timidamente en contadas adegas hoxe forma parte xa do patrimonio inmaterial do noso legado.

A incorporación da lingua galega á publicidade e etiquetaxe é unha estratexia comunicativa que marca a diferenza nos mercados .

presenza da viña e da actividade vitivinícola é fundamental para as comarcas nas que se desenvolve, non só pola súa contribución ao desenvolvemento económico das mesmas, senón porque se trata dunha actividade especialmente vinculada á terra, que permite fixar e manter poboación no rural, garante a súa pervivencia como núcleo social e asegura o futuro mediante o relevo xeracional para o noso medio rural.

Esta produción debe estar harmonizada co coidado do entorno natural e co mantemento da biodiversidade que temos en Galicia. Neste sentido é conveniente aplicar o compromiso coa filosofía que inspira a responsabilidade social corporativa que incorpora como un valor a relación estreita coa contorna xeográfica. Debe ser útil para revitalizar zonas abandonadas ou improdutivas, tomando exemplo das múltiples ladeiras dos nosos montes que teñen vida en parte grazas á acción da viña.

Contamos con cinco zonas con Denominación de Orixe: Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras. Contamos con tres zonas con Indicación xeográfica de Viño da Terra: Barbanza e Iria, Betanzos e Val do Miño-Ourense.

Temos ao noso dispor un rico e selecto patrimonio varietal: Albariño, Godello, Treixadura, Lado, Loureira, Marqués, Dona Branca, Torrontés, Caíño, Sousón; Arauxa, Brancellao, Espadeiro, Ferrón, Mencía, Merenzao, Mouratón…

Temos que buscar a excelencia. Hoxe xa non abonda con falar de calidade, pois a calidade tecnolóxica xa se dá por feita en todos os lugares do mundo. Manter a competitividade necesita doutros valores que debemos incorporar aos nosos viños, elementos diferenciais exclusivos, inimitables e inexpropiables.

Convivio na Adega do Eladio no Ribeiro. Fonte AGV

Cómpre a colaboración de todos e nomeadamente daquelas persoas que dunha ou doutra maneira participan nas distintas partes do proceso: produción, elaboración, promoción, comercialización…e consumo. Resulta tamén fundamental o noso labor como catadores e prescriptores que, escudriñando o interior do produto acabado, percibindo matices, poñendo en valor aquelas interioridades dos nosos caldos, facemos que persoas das distintas partes do mundo se sintan atraídos por eles.

O Foro E. Peinador, que é unha entidade con personalidade xurídica de seu, vén traballando para restaurar o diálogo entre a economía e a identidade, recollendo da tradición nosa histórica   aqueles modelos que  foron sobranceiros exemplos de saber conxugar a inculturización empresarial, a innovación e a proxección internacional dos seus produtos. O traballo realizado para acadar este obxectivo deu xa os seus froitos coa incorporación a esta estratexia de empresas de distintos sectores da economía galega, que queremos estender ao sector vinícola e agroalimentario. Velaí porque acordamos a constitución da Irmandade Galega da Viña e do Viño como unha sección do Foro E. Peinador.

A Irmandade Galega de Adegueiros nace coa resolta vontade de incardinar a economía do viño nunha estratexia que teña como destinatarios os consumidores galegos e doutras latitudes xeográficas. No que fai aos consumidores galegos estimularemos  nos sectores máis conscientes da pervivencia dos nosos valores identitarios o consumo responsable dos nosos viños etiquetados en lingua galega. Procuraremos nos mercados internacionais ir da man das estratexias que fomentan e protexen as identidades culturais.

A Irmandade Galega de Adegueiros buscará o apoio necesario nas institucións públicas galega e no tecido asociativo e corporativo do País, a complicidade necesaria para abrir paso a novos espazos de comercialización, apelando para iso á responsabilidade dos consumidores.Estimular o consumo dos nosos produtos identificados coa defensa da nosa cultura e lingua será un dos obxectivos nos que poremos empeño.

Temos historia. Temos sabedoría. Temos intelixencia. Non podemos desaproveitar todo o que levamos andado. Fagamos irmandade para que perdure para sempre. Tezamos a rede necesaria para o mantemento do sector vinícola. Nesta tarefa a Irmandade Galega de Adegueiros debe estreitar alianzas con outros produtores do sector agroalimentario galego que se  identifican cos nosos valores culturais e lingüísticos, no que buscaremos apoios recíprocos.

En Galicia, co obxecto de garantirmos a transmisión deste patrimonio inmaterial ás xeracións futuras, constituímonos en Irmandade, co compromiso de que pervivan no tempo estes valores, tendo como nexo común o idioma que nos identifica e que ten servido ao longo dos tempos para transmitir esta sabedoría herdada, polo que adquirimos o compromiso de potenciar a utilización da lingua galega no exercicio da nosa actividade profesional como sinal de fidelidade ás nosas orixes e contribución á pluridiversidade cultural da humanidade.

Galicia, 7 de xullo de 2012

Print Friendly
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter
Esta entrada foi publicada en Eventos. Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>