AGV e FRUGA acada unha importante representación nos Consellos Reguladores do Viño. Entrevistas aos presidentes de Ribeira Sacra e Valdeorras

Á esquerda J.L. Garćia Pando e na dereita José Manuel Rodríguez. Fonte AGV

Con apenas 3 anos de vida a AGV e FRUGA acadan importantes resultados no recente proceso de elección de representantes nos Consellos Reguladores do Viño. De feito nas diferentes candidaturas presentadas se obtiveron 5 vogais nas Denominacións de Orixe de Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Valdeorras. Nos censos de viticultores de da DO  Monterrei e viticultores de máis de 2 has no Condado foi a opción máis votada. Dous votos impediron unha representación maior en Monterrei e en Rías Baixas. A dirección da AGV valorou positivamente a confianza depositadas nas suas candidaturas e que marca un importante camño a desenvolver nos próximos anos.

Desde a equerda Alfonso Fernández e Manuel Blanco, vogais na DO Monterrei. Fonte AGV

Na DO Monterrei foi eleito Alfonso Fernández, viticultor de Albarellos, por parte da candidatura ABIM que integraron asociados á FRUGA e que defenden os seus postulados saiu escollida a adega Pazo Blanco Núñez de Verín e que representará Manuel Blanco. A AGV presentou como candidata á presidencia do Consello Regulador a Purificación Caldelas que finalmente non saiu eleita. No Consello Regulador de Rías Baixas saiu escollido Antonio Álvarez Súarez por amplisima maioría no censo de viticultores de máis de 2 has, Antonio xa era anteriormente vogal e representante dos viticultor@s  no pleno do Consello Regulador. Na DO Valdeorras saiu eleita pola AGV a adega O Casal SAT de Rubiá  e que representará José Luís García Pando que posteriormente foi escollido con amplio apoio nun novo mandato como Presidente da DO. Finalmente dentro da Candidatura Unitaria Profesional da Ribeira Sacra o viticultor de Gullade (Monforte) Carlos Losada representará á AGV, Carlos que traballa viñedos en Doade e Vilachá, amosa o espíritu da esforzada xente da viticultura de montaña a que á AGV dará unha importante atención nas suas próximas actuacións, nesta DO foi reeleito como presidente o amandino Jose Manuel Rodríguez, viticultor e xerente da adega Décima en Sober.

Desde a equerda Carlos Suárez da Ribeira Sacra e Antonio Álvarez de Rías Baixas. Fonte AGV

Coa oportunidade do remate deste proceso de eleccións fixemos as seguintes entrevistas aos Presidentes de Valdeorras e Ribeira Sacra.

Entrevista a José Luís García Pando

José Luís García Pando. Fonte AGV

Desde hai unhas semanas José Luís García Pando volve a presidir o Consello Regulador de Valdeorras. Así os decidiron un amplo grupo de vogais que representan a cooperativas, adegas e viticultores-as e entre eles a AGV-FRUGA, como resultado dos recentes comicios celebrados na comarca ourensá no marco das eleccións aos Consellos Reguladores das distintas DDOO e IXPs da Galiza. Na elección, celebrada onte, José Luís García Pando que é socio da Adega O Casal, que foi a que encabezaba a candidatura da AGV-FRUGA no censo do resto de adegas, logrou o apoio de seis dos nove membros do Consello.  Así José Luís García Pando asegura a continuidade da política de xestión da DO Valdeorras xa iniciada durante a anterior lexislatura en que Alfredo Suárez Canal dirixía a Conselleŕia do Medio Rural. Desde a AGV e FRUGA nos felicitamos pola dita elección e se presta a colaborar e traballar en todas aquelas iniciativas que susciten o apoio social na DO e que redunden na mellor promoción e difusión dos viños valdeorreses.

Levas 6 anos de presidencia no Consello Regulador, que foi o máis positivo desta etapa?

Sobre todo profesionalizar o Consello Regulador, contar cunhas normas, ter un funcionamento previsible e todo por escrito, fuxir de que todo cae en mans do Presidente. Por outra banda comezouse a facer promoción, é dicir, as adegas comezaron a implicarse na promoción que se impulsou desde o Consello, como as propias presentacións que fixemos como a asistencia a feiras, chegouse nalgún caso a que participaran máis do 50% das adegas inscritas na DO, iso nunca antes pasara. Fixemos presentacións en Madrid, Barcelona e Zurich, algunha misión nos EEUU, neste sentido a internacionalización seguira sendo unha tarefa importante. Mínimo saimos a unha feira importante ao ano como foi Alimenaria de Barcelona ou a Feira Internacional de Londres.

Que falta por facer?

Temos que mellorar, tanto no que respecta ao organo directivo da DO e cuestións de control, por exemplo o manual de calidade 4511, tamén é importante a comunicación coa xente asociada á DO, ten que ser máis fluída. Como xa dicía hai que insistir na promoción, facer un traballo de formiga, a constancia nos levou a estar presentes en todos os escenarios.

Que podes dicir sobre a viticultura de Valdeorras?

A xente que está nas cooperativas está máis organizada, o resto están como isolados, é difícil que cheguen propostas deles, as organizacións agrarias que ata agora había non cumpren o papel que debían cumprir. Por outra parte se as adegas queren organizar a viticultura deben apoiar contratos no que se pague pola calidade demandada, os contratos homologados deben refrexar isto, a adega debe valorar a calidade que recibe segundo uns parámetros. Non pode ser que o viticultor cobre o mesmo o que produce 8000 quilos nunha hectárea que 12.000.

Que lle pedirías á administración?

Necesitamos manter o réxime de dereitos de plantación, nisto se debe ser claro. Polo demáis aparte do apoio económico, hai que ter unha programación estratéxica no que respecta á promoción, hai profesionais na Xunta que poden seleccionar os lugares onde ir, non pode ser que se chame dun día para outro a calquera sitio, por exemplo, habería que facer un plan para brancos e outro para tintos, ao final é manter unhas marxes nos prezos. Se houbera este planeamento a colaboración entre as Denominacións galegas sería óptima, se non se seguirán coas “rencillas” de sempre.

Entrevista a José Manuel Rodríguez González

Entrevistamos a José Manuel Rodríguez, viticultor e Presidente do Consello Regulador da DO Ribeira Sacra desde os seus inicios, alá polo ano 1995, e conversamos na súa viña de Seoane en Bexamáns, en Doade, entre a continua ata da rama, nos socalcos de vertixe que dan fama á comarca. Como nota de interese  o propio José Manuel ten posto en práctica unha intelixencia vitícola colectiva propia da zona, que ante o maior desafio que ten, a falla de auga se adoptaron solucións eficaces como as coberturas de palla que fan que en moitos anos non se teñan que cavar e así manter a humedade nos severos estíos da ribeira, de todas maneiras desta cuestións de manexo xa teremos oportunidade de analizar e falar noutro momento.

José Manuel Rodríguez no seu viñedo de Doade. Fonte AGV

Como foi o proceso de consenso para acordar unha candidatura única na Denominación Ribeira Sacra?

O que se buscaba é ser partícipe das cousas ás diferentes sensibilidades, tanto sexan viticultores, pequenas e grandes adegas, tentamos evitar a incursión “política” no sector, a DO debe ser representada pola profesión, non queremos vellos modelos que se asentaron noutras denominacións. O sector pedía que se fixera un acordo.

Cales son os desafios destes próximos anos?

Temos que conseguir como sexa que os viñedos das nosas ladeiras, se poidan manter, ou sexa que sexan rentables, xa que son os que nos dan este atractivo especial. E nisto hai que traballar, como foi o plan de infraestruturas na anterior Consellería de Medio Rural, que permitiu a mellora dos accesos e a instalación de elevadores nas viñas. Neste sentido estamos estudiando unha diferenciación especial no que respecta aos viñedos de socalcos en encostas, que non ten que ver coa calidade, se non coa singularidade que aporta o entorno específico noso, de feito o CERVIN (Centro de Investigación, Estudio, Salvagarda, Coordinación e Valorización da Viticultura de Montaña) xa ten feito algo ao respecto.

Que demandas da administración?

Primeiro que se escoite ao sector, ou sexa que se lle pregunte e consulte sobre cuestións vitivinícolas. Como exemplo a EVEGA (Estación de Viticultura e Enoloxía de Galiza) que segue sen ser o organismo de investigación e experimentación que precisamos. Tamén precisamos que funcione a reserva de dereitos, se non hai que buscalos fora, hai que desenvolver o Decreto que o ten que por en marcha. E desde logo non se concibe que o réxime de dereitos remate como se ten falado, as denominacións de orixe seguirán.

Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter

Deixa un comentario