Día da Patria, vivir no País, beber do País… a AGV no Festigal 2012


En 1919 xúntase en Santiago de Compostela a “Asambreia” das Irmandades da Fala. Intelectuais como os irmaos Vilar Ponte, Losada Diéguez, Risco e Cabanillas, acordaron celebrar, o 25 de xullo do ano seguinte, o Día de Galiza. A revista A Nosa Terra, como órgano de expresión das Irmandades, festexaba desde suas pázinas o 25 de xullo de 1920 o primeiro Día de Galiza, ao que se refire como unha data “de lembranza da Patria natural que dende antigo, como agora e sempre, ha ser a única patria verdadeira do home”. Desde aquela a data continúa sendo un referente central no calendario onde situar a reivindicación continuada do noso existires como pobo e como historia colectiva.

Desde a AGV e a FRUGA nos xuntamos a outras xentes, colectivos e persoeir@s que en Compostela se achegan de todas a bisbarras do país, e entre voces erguidas, música e festa tamen se vai beber, e a litros de viños, das nosas zonas vitícolas, desde o Navia ao Limia, desde a ribeira de Arousa ao Sil, desde o Támega ao Ulla e desde Portomarín ata a Guarda por todo o Miño, e sen esquecer as ribeiras do Mandeo e todos aqueles recantos onde hai cepas plantadas e que se vendiman para libar a prezada bebida. Na noite do 24 e no día 25 na Carballeira de San Lourenzo en Compostela xuntarémonos para beber e lembrar que a nosa identidade civilizada ven desde o momento que plantamos as primeiras cepas para vender e beber viño, na casa, en tabernas, festas, romarías, ou nos convivios que nos fan partillar da leidicia do momento..por iso no día da Patria lembramos que vivimos no país, e bebemos do país.

Un momento da Carballeira de San Lourenzo desde o posto da AGV no ano 2011. Fonte AGV

Como ano pasado nos imos ter un posto noso onde se poderan beber e mercar viños de todas as zonas, tintos e brancos a prezos populares e que que ninguén quede sen viño na festa rachada do Festigal,  con concertos de música ata ben tarde, exposicións sobre as manifestacións políticas, sociais, culturais e literarias da actualidade galega, e como xa o di o impactante cartaz do evento, “ao Festigal vai de morto, quen non vai de vivo!”.  Sumámonos tamén á campaña Consumogustos en favor dos nosos viños e productos etiquetados en galego e que promoven a Irmandade Galega de Adegas e o Foro Peinador.  A cal presentou recentemente a campaña para que o día 25 centre a conciencia entre a xente que xa adoitan beber viños de marcas que se amosan en galego. Temos unha declaración da propia IRGADE:

SE PODES ESCOLLER, ESCOLLE

No sector agroalimentario galego temos demostrado estar ao máis alto nivel respecto da calidade e seguridade alimentaria dos produtos que ofrecemos no mercado, podendo competir de igual a igual con calquera outro país do noso entorno.

Neste compromiso coa calidade, temos feito unha aposta decidida polo aproveitamento sostíbel dos nosos recursos naturais, e pola recuperación de razas e variedades tradicionais adaptadas ao noso hábitat, que permiten dar ás nosas elaboracións una personalidade propia, ligada ao noso clima e territorio, por tanto inimitábel.

Como garantía de orixe e singularidade, temos dado un paso máis, etiquetando os nosos produtos en galego, lingua na que herdamos o saber dos nosos antepasados, e que queremos transmitir aos nosos descendentes.

No sector da vide e do viño, fixemos unha aposta clara. Iniciamos o século XXI con menos de vinte adegas que etiquetaban o seus produtos en galego, e hoxe somos máis de duascentas. No mercado exterior, a aceptación foi plena: un bo produto etiquetado no idioma de procedencia, transmite garantía de orixe. Puidemos escoller, e escollemos.

Certas industrias lácteas e outras agroalimentarias o están a facer o mesmo. Tamén algunhas empresas de comercialización e distribución optaron por rotular os seus negocios e facer a publicidade en galego.

Agora é o teu momento. Desde a Irmandade Galega de Adegas pedimos a túa complicidade. Prestar apoio á iniciativa privada que desenvolve as súas actividades en sintonía cos valores da nosa singularidade debe ser obxecto de maior atención.

Se podes escoller, escolle en galego: produtos galegos etiquetados en galego. Nos bares, nos restaurantes, no comercios, nos supermercados e nas tendas de toda a vida, non deixes que escollan por ti.

Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter

Deixa un comentario