Emoción dos Viños en Tui e presentación da Revista Cepas y Vinos

Emoción diante da mesa da AGV. Fonte AGV

E chegou máis unha vez a emoción e foise ata a próxima, e certamente hai que repetir por que non é facil a escolma que un pode facer neste evento. Na mesa da AGV FRUGA un trío de ases co Xico de Mandín e seu Couto Mixto, o Manuel Cancio cos Panchín Branco e Tinto por parte do Val do Navia, e o emerxente Javier Monsalve co Ribeiro Eloi  Lorenzo. Ao noso carón a Armada do Barbanza con Saborido e seu Xirpín e os Crusat pai e fillo co Altatares Albariño. Mais tivemos oportunidae de atopar boas sorpresas, como Roberto Regal co Toalde Mencía e o ecolóxico Diego de Lemos, así como José Luís Aristegui co Traste Tinto de Valdeorras, e xa os que non fallan como Algueira, Guímaro, Régoa, Os Pasás, Adega da Muradella, Sebio Puñal, etc.

Xico de Mandín e a Sara de Casa de Mouraz dos Vinhos do Dão. Fonte AGV

Unh agradable visita foi o Ismael de Ossian, unha elaboración moi singular na única parte segoviana da DO Rueda, e que aposta por ecoloxía e vinificacións extremas. E tamén tivemos xente de Portugal, do Douro, Bairrada e Dão, con viños tan incribles como un tinto de António Lopes Ribeiro e Sara Dionisio que tiña máis de 30 castes!, da adega Casa de Mouraz, con produción orgánica. E a casta baga do Sérgio Alves, con tradición plenta na Bairrada, e moitos outros e outras que daría horas e horas de crónica seguida.

O local estaba ateigado de visitantes na procura destas emocións miñotas, e coa organización impecable da AGASU, en especial Marina García e Antonio Portela, haberá que esperar outro ano para recuncar, e pensar nas sorpresas que virán. Tamén foi salientable a presentación da Revista Cepas y Vinos, co seu primeiro número de lanzamento para o público, nomeadamente no Estado Español e países latinos, neste primeiro número hai artigos de Roberto Regal, asesor técnico da publicación, Antonio Portela, Luís Paadín, Bruno Lovelle, e adegas como Diego de Lemos, Paco & Lola entre outras, 68 páxinas a todo cor e coa exclusividade dos nosos viños galegos para o mundo hispanoparlante. Falaremos máis adiantes desta publicación, ver e baixar o primeiro número Cepas y Vinos nº 1.

Na pausa para o xantar. Fonte AGV
Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter