Xornada de debate sobre a nova política do viño en Europa

O próximo sábado día 22, terá lugar no Parque naútico de Castrelo de Miño (Ourense) unha xornada de discusión e análise encol das modificacións da política vitícola en Europa, e no que atinxe ao sector galego. O evento é organizado e convocado pola Oficina da Eurodeputada Ana Miranda (BNG Verdes Alianza Libre Europea) e o Concello de Castrelo de Miño, e nela particparán diversos responsables de adegas e cooperativas vitícolas, así como técnicos-as e e viticultores-as. O debate do sábado da continuidade a intensos traballos levados adiante pola eurodeputada galega diante das altas instancias europeas, como a Comisión de Agricultura, e que sumaron forzas a outras voces que instaban a unha paralización do acordo de liberalización de dereitos previsto para o ano 2013, e que finalmente quedou “conxelado” ata o 2030.

Decarregar programa completo: PROGRAMA XORNADA VITIVINICOLA CASTRELO DE MIÑO 22 XUÑO2013

Neste sentido tamén se avaliará como queda o reparto de fondos para o sector, partindo da base que Galiza quedou fortemente discriminada nas anteriores anteriores reparticións, xa que apenas o 2% de todos eses fondos quedaron no noso país para acometer a reestruturación do viñedo, sen recibir nada por arranque de viñas, destilación, conversión en mosto ou almacenaxe, ou sexa por ser un sector vocacionado a producir e elaborar viño embotellado de calidade.

Guillermo Martínez, Presidente da Adega Condes de Albarei, defendendo a postura galega en Bruxelas, o seu carón a eurodeputada Ana Miranda. Fonte AGV

No mes de decembro do 2012 Ana Miranda convidou a unha ampla delegación da Federación Rural Galega FRUGA a visitar as institucións europeas en Bruxelas, onde se recibiron de primeira man as propostas de modificación da Política Agraria Común (PAC) e nomeadamente no que atinxe ao viño, onde nun contexto de rebaixa de apoios públicos ao agro hai tamén oportunidades de acadar fondos para mellorar as condicións de desenvolvemento da viticultura galega nas zonas interiores de montaña, a promoción en mercados exteriores, proxectos de enoturismo, incorporación de mozos e mozas en zonas despoboadas, etc.

Actualmente o sector vitivinícola galego acada máis dun 8% da facturación do viño embotellado en DO no Estado Español, polo que o peso real nos novos repartos debe ser moito maior ao acadado en anteriores campañas, e desde logo non se pode asistir pasivos ao desmantelamento dos apoios á viticultura das Denominacións de Orixe e Indicacións Protexidas en favor de novas especulacións agrarias que teñen cobrado forza nos últimos anos, onde se subvencionou para arrancar agora se permitiría “barra libre” de megaplantacións para os mercados do granel. O modelo de Denominacións ou Apelacións está fimemente asentado na nosa tradición e historia vitícola, mesmo esta sendo implantado noutras viticulturas distantes, é resulta nunha longa experiencia de control e regulación cara os viños de calidade, e que se remonta ás primeiras ordenanzas de 1589 en Ribadavia ou nos Congresos de 1908 e 1909 en Xenebra e París, e nos que sentaron as bases das novas Denominacións Xeográficas de Viños.

O Sr. Zorrilla, Xefe da Unidade do Viño na Comisión Europea, durante a dura discusión diante da delegación galega da FRUGA en Bruxelas. Fonte AGV

Guillermo Martínez, Presidente da Cooperativa Condes de Albarei (DO Rías Baixas) defendeu en Bruxelas, perante  Jesús Zorrila Torres, Responsable da Unidade do Viño, un documento (ver e baixar Documento Bruxelas Viño FRUGA Decembro 2012) que recollía as demandas da vitivinicultura galega e que se sintetizaban no seguinte:

– Investimentos en estruturas de comercialización no exterior
– Incorporación de mozos e mozas na viticultura
– Mellora da de montaña (a través do desenvolvemento rural)
– Mellora na formación de persoal especializada
– Continuación e reforzo da reestruturación e reconversión do viñedo
– Apoio a liñas de produción diferenciadas (Produción Integrada, Viticultura Ecolóxica, etc.)
– Apoio a imaxe das DO e IXP
– Manter o sistema de dereitos de plantación
– Favorecer e apoiar as feiras de promoción

Non sen certo cinismo o Sr. Zorrilla loubou a orientación cara a calidade da viticultura galega mais que agora hai un aumento da demanda do viño a nivel mundial e que o Estado Español podía respostar a esa demanda, polo que a liberalización de dereitos resultaba necesaria. Un pouco como nas pelis, o Director Xeral de Agricultura, o galego Cuqui Silva fixo de “poli bo” e deixou a posibilidade de que se adiara a liberalización en favor dunhas “concesións” as plantacións de viños a granel, o debate continua e no proximo sábado sumaranse novas razóns e argumentos para as duras loitas que vai defrontar o sector do viño galego.

Xurxo Álvarez, viticultor do Ribeiro e Presidente da FRUGA, intervindo no intenso debate. Fonte AGV

 

Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter