O futuro da política europea no viño a debate en Castrelo de Miño

Vista dos viñedos de Solaina Minei nas Bouzas en Castrelo de Miño. Fonte AGV

Diante dunha ateigada sala con persoas relacionadas do sector do viño galego, Ana Miranda, a eurodeputada do grupo BNG Os Verdes Alianza Libre Europea definiu os riscos polos que vai camiñar a nova PAC, e en especial no viño. Como primeiro titular podería ser que non haberá liberalización dos dereitos de plantación ata o ano 2030, de todos xeitos hai letra pequena a discutir nesta cuestión. Semella próxima a entrada do sector no réxime de pagamentos por superficie, aínda que nunca foi unha demanda real da nosa viticultura, e tamén teremos o “greening” , unha partida de cartos adicadas a prácticas de agricultura sustentable e ecocompatibles, tamén fica os fondos para reestruturación do viñedo e promoción en terceiros países. A oportunidade do debate está reforzada pola  próxima reunión os días 27 e 28 de Xullo do Trilogo (Consello Europeo, Comisión e Parlamento) e na que se abordará a dirección inmediata da PAC.

A nova PAC podería funcionar a partires do 2014, estará por ver, o que é certo que diminuirán os apoios ao conxunto de agricultores-as, nun contexto de fortes presións da grande industria, que no viño a representa a FEV (Federación Española del Vino) e en xeral o lobby das maiores empresas vitivinícolas mundiais e españolas, “cuxas liñas de intención están moi lonxe do centro das preocupacións do conxunto vitícola galego”, en palabras do representante da AGV-FRUGA.

A Sala do Parque Naútico ateigada durante o debate. Fonte AGV

Falta unha posición forte galega que sitúe a singularidade do noso sector, sexa en Bruxelas e en Madrid, houbo consenso encol da liberalización dos dereitos, mais ante o descoñecemento das liñas de acción da Xunta de Galiza, ou “desparición da mesma” en verbas da deputada galega Tareixa Paz,  non se ten avanzado máis nesta necesaria alianza que defenda unhas viticulturas de raigame histórica labrega, co seu carácter minifundista e familiar, unhas castes únicas no mundo e uns viños que esixen esforzo, fatiga e moitos custes, nada ou pouco a ver cos modelos de negocio existentes no resto da Península. Pensamos que en Castrelo na xornada do outro día se asentaron uns alicerces para esta posición de país.

O contexto da crise abre un horizonte de dura loita polos fondos, loita que non é allea á necesidade crecente da internacionalización das vendas, provocada pola continúa baixada no consumo no noso entorno xeográfico (20 litros por persoa e ano) e perda brutal de poder adquisitivo das clases traballadoras, que son as que poden pular do mercado, moi orientado a viños de calidade en base as castes autóctonas. De feito cada vez máis o perfil de consumidor medio está máis elitizado, “persoas de máis de 40 anos sen fillos”, o que tamén suscitou as críticas do Presidente do Consello Regulador da Ribeira Sacra, José Manuel Rodŕiguez,  de “demonizar o consumo de viño” en base a comparacións malitencionadas co consumo doutras bebidas.

Ana Miranda, eurodeputada do BNG Os Verdes Alianza Libre Europea. Fonte AGV

Segundo Xosé Manuel Puga, ex asesor da Consellería do Medio Rural, “as directrices desta nova PAC están decididas”, queda só ver onde se reparte finalmente o que hai, que en termos históricos foi sempre discriminatorio para Galiza, que sen adicar un litro de viño a destilación, almacenaxe, mostos, ou arranque de cepas, recibiu menos do 2% dos grandes montantes de fondos que se repartiron desde Madrid nas últimas décadas. No contexto do  Estado o sector vitivinícola galega xa supera o 3% da superficie vitícola, o 6% do mercado interno de viño de DO embotellado, máis do 20% do mercado interior en viños brancos embotellados de DO, e posiblemente máis do 10% en termos de valor no que respecta ao conxunto das DO do Estado.

A maioría das estatísticas que se publican a nivel do Estado reflicten case sempre as cantidades en litros de viño sen case diferenciar orixe ou valor de facturación, onde se misturan os graneis cos embotellados, e que xogan ligas totalmente diferentes, de feito castes autóctonas galegas apenas supoñen entre todas o 1,5 % da superficie total do Estado.

Participantes na Mesa das Estratexias Comerciais. De diante para atrás Xurxo Méndez, Alcalde de Castrelo de Miño; Carlos Carrion, Presidente de Paco & Lola; Guillermo Martínez, Presidente de Condes de Albarei; Cristalina Álvarez, Técnica e Enóloga; Inma Pazos, Responsable Comercial de Ribeiros do Avia. Fonte Jota

Na Xornada expuxéronse as experiencia e liñas estratéxicas que diferentes empresas teñen levado adiante no que respecta a procura de mercados interesantes para os nosos viños, e que ten caracterizado Cristalina Álvarez, Técnica e Enóloga, nas tipoloxías de empresa “produtora tradicional” e os “novos produtores” e que derivan en estratexias diverxentes, aínda que non necesariamente excluíntes. Basicamente hai empresas de tamaño grande  que se nutren de uva “barata” e que non teñen limitacións económicas para acadar mercados en todo o globo, e que operan con marcas con pouca ou nula ligazón a un territorio, case sempre con viños dunha variedade concreta. As empresas produtoras “tradicionais” teñen limitacións no tamaño e tamén están sometidas ás limitacións por dereitos de plantación e regras das denominacións de orixe, e que se orientan a unha constante mellora da calidade dos produtos e coa comunicación dunha imaxe ligada a un territorio e unhas castes específicas.

Tareixa Paz, deputada no parlamento galego polo BNG diante de Ramón Huidobro, Secretario do CR Rías Baixas; Miguel Angel Viso, Presidente do CR do Ribeiro; e José Manuel Rodriguez, Presidente do CR Ribeira Sacra. Fonte AGV

Neste tipo de empresa produtora tradicional traballan as adegas galegas , utilizando estratexias diferentes e adaptadas a súas posibilidades técnico-económicas. Condes de Albarei abandeira a nova imaxe enoturística da Galiza, coa recente adquisición do Pazo Baión reforza a penetración dos seus viños de albariño en mercados esixentes como os EEUU, onde en palabras de Guillermo Martínez, Presidente da adega e cooperativa, “saben apreciar os nosos viños”. Carlos Carrión explicou as bases da estratexia de Paco & Lola, grupo cooperativo xurdido no ano 2006 no Salnés, onde se procuran e investigan mercados onde a produción de viño propia queda moi por debaixo do consumo, caso do Reino Unido, EEUU, Xapón, Brasil, Colombia, Perú.

Inma Pazos explicou a estratexia de adegas pequenas e medianas do Ribeiro, que constituiron “Ribeiros do Avia” e que procuran a exportación en base a viños nada baratos e que teñen que vender un territorio moi concreto, e con castes pouco coñecidas no exterior. Todos-as coincidiron na necesidade de vender unha “marca galega”, e así o resaltou Roberto Regal coa súa experiencia de elaboración de viños de finca para moi pequenos propietarios nas Ribeira Sacra chantadina.

De diante para atrás: Antonio Nieves e Jaime Méndez, de Solaina Minei; Alfredo Rodríguez, viticultor e concelleiro de Castrelo de Miño; Susana Gulín da Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro; e Roberto Regal da Ribeira Sacra. Fonte AGV

O Secretario Técnico do CR de Rías Baixas, Ramón Huidobro, salientou o grande perigo que suporía a liberalización de dereitos, mais a batalla non fixo máis que comezar, xa que os grandes grupos industriais “son moi malos” e queren que se inicie unha transición a unha liberalización de facto para a proxima década, non hai risco de que as normas de etiquetado que defenden as Denominacións e Indicacións sexan desvirtuadas na práctica, tamén hai risco de que os fondos de promoción a terceiros países eliminen areas mundiais de especial interese para os viños galegos como América Latina en favor de Asia.

Miguel Angel Viso, Presidente do CR do Ribeiro situou as posibilidades que da un pago ao viticultor-a para mellorar as posibilidades dos mozos e mozas de traballar en zonas como o Ribeiro, aínda recoñecendo as dificultades de aplicación pola complexa situación parcelaria do país. Neste sentido o Presidente de Ribeira Sacra demandou un sistema único de xestión do Rexistro Vitícola, que hoxe en día depende de instancias totalmente inconexas como o Ministerio, a Xunta e os Consellos Reguladores.

Viñedos chantadinos na Ribeira Sacra. Fonte AGV

Finalmente foron expostas tres experiencias de xestión colectiva de viñedos, dúas delas no Ribeiro con proxectos que voltaban a recomezar con bases novas e diferentes do minifundio: Solaina Minei  Cooperativa Vitivínicola do Ribeiro onde se desenvolveron viñedos colectivos de grande extensión, con castes autóctonas e fácil mecanización, a alternativa era o abandono inevitable centos de parcelas exparexadas polo Ribeiro. Podemos ver o proxecto desenvolvido pola Cooperativa do Ribeiro, pinchar: Proxecto As Bouzas Vitivnícola do Ribeiro

Para rematar un paseo nos viñedos polo lugar das Bouzas en Castrelo de Miño, onde contemplar os viñedos de Solaina Minei e a Cooperativa Vitivinícola, con videiras en floración e o escintilante río Miño ao fundo. Haberá que seguir dando debates e defender posturas firmes en favor das nosas xentes do viño.

Vista dos viñedos nas Bouzas en Castrelo de Miño. Fonte AGV

 

 

Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter