Xornadas sobre viño e cultura galega

xornadas sobre viño e cultura galega

Presentan: Xavier Castro e Uxía Blanco.
Adega invitada: Viña Moraima (D.O.R.B.)
Lugar: Liceo de Ourense (Rúa Lamas Carvajal, 5).
Data: Martes, 3 de Decembro, ás 20 horas.
Prezo: 8 euros socios do Liceo, e 9 non socios

(con dereito a 3 excelentes viños e pinchos de pan de Cea con friames de porco celta de queixo galego de calidade)

 

XORNADAS SOBRE VIÑO E CULTURA GALEGA.

4ª SESIÓN: VALLE-INCLÁN
PRESENTACIÓN
A cuarta sesión das Xornadas sobre Viño e Cultura Galega, que contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, está dedicada a evocar algúns aspectos relevantes da traxectoria vital e a obra do extraordinario escritor Ramón María del Valle-Inclán, auténtico ourive do idioma e creador do esperpento. Nas Comedias Bárbaras, nas Sonatas e tamén en dramas teatrais como Luces de bohemia deixou plasmado un suxestivo friso da cultura popular do viño na Terra do Salnés, testemuñou as formas de sociabilidade e as bebidas que adoitaban servirse tanto nos pazos visitados polo Marqués de Bradomín, como nas tabernas e cafés de Madrid nos que Max Estrella calmaba a súa sede de rebelde lúcido e malcontento e distraía a súa melancolía de poeta bohemio.
Valle-Inclán aludía á correspondencia entre viños e pratos, complexa cuestión na que se entreveran segredos nexos, á maneira dun concerto pitagórico. Nunha das comedias bárbaras, concretamente en Cara de Plata, o seminarista Don Farruquiño barrunta unha teoría en relación con isto: ?Cada vino reclama su sacramento. Rueda blanco, propio para
acompañar una tortilla de chorizos. Espadeiro de Salnés, bueno para refrescar en el monte, o en una romería o en un juego de bolos. Rivero de Avia, para las empanadas de lamprea y las magras de Lugo. Cada vino tiene su correspondencia en la vida, igual que todas las cosas. El mundo es armonía y concierto pitagórico. ¡Y nadie me rebata, si no
está ordenado de teólogo!?.
Os comentarios dos condutores da sesión, Xavier Castro e Uxía Blanco, darán conta das características esenciais da súa obra literaria e dos seus suxestivos testemuños sobre o panorama da enoloxía de Galicia no primeiro terzo do século XX. Mais convén tamén mollar a palabra, e deste xeito as glosas e achegas documentais iranse entreverando co goce dos viños albariños, e o recitado dunha escolma de textos senlleiros de Valle-Inclán, mesturado todo coa audición de pezas musicais e cancións (ilustradas con vídeos) que gardan relación coa época e o mundo valleinclanescos, como as arias de Don Giovanni de Mozart, que non tería nada de estraño que inspirasen a Bradomín nos seus galanteos.
Nesta ocasión poderemos apreciar os viños da Adega Viña Moraima, situada en Barro (Subzona do Salnés, enmarcada na Denominación de Orixe Rías Baixas). Esta cooperativa ten a ben practicar unha agricultura de produción integrada que fai por obter o máximo partido á calidade da uva, dando como resultado uns viños monovarietais albariño 100% nos que se aprecian as súas características xenuinas. Na actualidade,Viña Moraima elabora dous viños de calidade contrastada:

Aba de Trasumia e Moraima.
Agora ben, como sinalaba Otero Pedrayo, non é posible entender a Galicia do viño sen a Galicia do pan. Consecuentemente, serviranse xenerosos petiscos de pan de Cea cun compango de friames de porco celta e un queixo galego de calidade, que a todo isto da dereito a inscrición que se efectuará na propia cafetería do Liceo de Ourense, en días previos ou ben media hora antes da sesión (prezo: 8 euros socios, e 9 non socios).
Para máis información:
Enderezo-e: franciscojavier.castro.perez@usc.es / uxiablanco@hotmail.com
Móbil: 609 653 228 / 670 573 545

Xavier Castro

(Catedrático de EU de Hª Contemporánea da USC. Autor de:
A rosa do viño (Galaxia), A lume manso (Galaxia), A la sombra ejemplar de los parrales (Trea) e A mesa e manteis (USC)

Uxía Blanco

(Licenciada en Historia e protagonista nos filmes: Sempre Sonxa e a Lingua das bolboretas, e na serie da TVG Libro de familia)

Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter