O Instituto Enerxético de Galicia convoca axudas para a instalación de enerxías renovables nos sectores agrario e gandeiro

 

A Xunta, a través do  Instituto Enerxético de Galicia – INEGA, publicou no DOG (Anuncio DOGa) a convocatoria dunha liña subvencións para proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria.

Co obxectivo incentivar o coidado do medio natural e o aumento da competitividade da actividade de produción agrícola primaria en Galicia, o INEGA establece este sistema de subvencións, complementario aos creados por outras entidades públicas, relacionados con proxectos que fomenten a xeración e aproveitamento de enerxía procedente de fontes renovables.

A contía total do importe asignado para esta convocatoria ascende a 1.700.000 euros e estas actuacións que se van desenvolver enmárcanse dentro das Directrices enerxéticas de Galicia 2018-2020 e da Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3), que alude á utilización do aforro e eficiencia enerxética e ao fomento de enerxías renovables, en especial a biomasa, como instrumento para a mellora da competitividade e o fomento do emprego.

Poderán ter acceso a esta liña de axudas as empresas legalmente constituídas e os/as empresarios/as autónomos/as que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, incluídos no sector de produción agrícola primaria

A contía da axuda será do 35 % do custo elixible da nova instalación, cun máximo de 100.000 euros por proxecto e de 300.000 € por empresa. A porcentaxe da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

O prazo para  presentación de solicitudes comeza dez días naturais despois da publicación das bases do DOG e rematará o 31 de maio do presente ano. A presentación de solicitudes terá que facerse exclusivamente a través de medios virtuais, por medio da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Esta liña de axudas pode ser de interese para explotacións vitivinícolas polo que  aquelas persoas ou entidades que desexen obter máis información sobre esta liña de axudas e/ou axuda para a tramitación da súa solicitude, pode pórse en contacto coa Asociación Galega de Viticultura no enderezo electrónico frugaagv@gmail.com ou no teléfono 604.035.160.

 

  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter