O Plan Revitaliza, promovido pola Deputación de Pontevedra, programou unha xornada en Vilaboa para explicar os beneficios do compost na agricultura. Celebrarase conxuntamente coa Asociación Galega de Viticultura, ligada á Fruga, e terá lugar o sábado 16 de marzo a partir das 17:00h na Casa da Cultura de Riomaior (Vilaboa, Pontevedra).
O persoal técnico do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra e da Asociación Galega de Viticultura trasladaranlle a produtoras, viticultoras, e agricultores en xeral nocións básicas de fertilización do solo e explicarán como o compost pode mellorar o rendemento da viña.
Baixo o título ‘A fertilización no viñedo e o compost’, falarase dos beneficios do compost para a agricultura. Así, tanto o persoal do Revitaliza da Deputación de Pontevedra como da AGV explicarán que o compost mellora as características biolóxicas e físicas do chan, achegándolles gran cantidade de nutrientes; axuda a manter a humidade da terra e actúa como funxicida e bactericida; favorece o rendemento de cultivos de hortalizas e cereais sen utilizar produtos químicos, garantindo unha produción ecolóxica; e pódese producir facilmente aproveitando os residuos vexetais sobrantes da poda das viñas e dos residuos domiciliarios.