A Asociación Galega de Viticultura (Fruga) lamenta que o Goberno español deixe sen executar un 14% dos fondos que ten asignados dentro dos Programas de Apoio Nacionais ao sector vitivinícola. Outros grandes produtores de viño do entorno, como Italia, que deixou sen executar soamente o 8% deses fondos ou Francia, que executou a totalidade dese diñeiro, poñen de manifesto a ineficacia do modelo de xestión español e o desinterese polo desenvolvemento do sector tanto nivel estatal como na Galiza.
O Estado español só executou 63 millóns de euros para a reestruturación do viñedo, a pesar de ser unha das maiores demandas do sector. Por contra, para a reestruturación Italia dedicou 114 millóns de euros e Francia 107 M€. No apartado de inversións a situación non é mellor, xa que mentres que Francia e Italia executaron 100 e 67 millóns de euros respectivamente, o Estado español executou soamente 39, deixando un 30% do reservado nesa partida sen inverter.
A Asociación Galega de Viticultura rexeita a xestión feita polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, e da propia Consellería do Medio Rural, por deixar de lado o sector vitícola e advírtelle aos responsábeis de ambas as dúas administracións que para Galiza potenciar o sector do viño é fundamental para o desenvolvemento da nosa economía e para frear o despoboamento rural.
Así mesmo, a Asociación Galega de Viticultura espera que no seguinte período, 2019-2023, esta situación non se repita e que as Administracións melloren os mecanismos para unha mellor xestión dos fondos destinados ao sector.