A FRUGA-AGV vén de participar como convidada nunha xuntanza sectorial do viño convocada pola UDU

A Federación Rural Galega (FRUGA), a través da Asociación Galega de Viticultura (AGV), vén de participar, como convidada, nunha xuntanza sectorial do viño convocada pola Unión de Uniones de Agricultores y Ganaderos (UDU) que se celebrou o pasado día 6 de xuño en Madrid.

Na xuntanza participaron representantes do sector das principais zonas vitivinícolas do Estado Español (Rioxa, Castela a Mancha, Castela León, Estremadura, Catalunya, Valencia…), e nela analizouse en profundidade a situación actual do sector a partir da realidade de cada un dos territorios presentes. A presente situación do mercado vitícola; os prezos da uva e a posición dominante de determinados grupos empresariais que contan xa con presenza en case tódolos territorios; a reforma da PAC e o Plan Estratéxico no sector do viños; a proposta de regulación do mercado impulsada por cooperativas e OPAS a través dunha “NORMA DE COMERCIALIZACIÓN”; e as alegacións á Extensión de Norma da OIVE foron os puntos que centraron a maior parte da análise e das intervencións dos asistentes dada a súa importancia para o sector vitivinícola.

No relativo á actual situación do mercado vitícola constatouse como a obrigatoriedade imposta pola Lei para a mellora do funcionamento da cadea alimentaria de levar a cabo o pago da uva en 30 días e o do viño en 60 días, estase resolvendo polos operadores, principalmente os grandes distribuidores, forzando a compra de viño en orixe canto máis tarde mellor, incluso facendo as seus “coupages” (mesturas) en orixe e non nas súas instalacións, trasladando así os gastos de almacenamento do produto, e fundamentalmente os financeiros, as adegas de orixe (sobre todo cooperativas) que se ven co viño máis tempo nas súas instalacións e retrasando no tempo os ingresos.

Este contexto está claro que facilita a especulación nos prezos e a súa tendencia á baixa.

No que respecta ao proceso de reforma da OCM (Organización Común de Mercados dos Produtos Agrarios), que a Comisión Europea está a impulsar para a modificación da PAC (Regulamento 1308/2013) para o período 2021-2027 de cara á prevista liberalización do sector no horizonte do ano 2030. O calendario previsto da proposta xa está en marcha, e a previsión é contar cunha proposta estatal para xuño do ano próximo e que a nova PAC entre en vigor no ano 2022.

Aínda que na reunión o debate estivo centrado fundamentalmente na reforma das liñas de axudas e o impacto no sector vitícola, para a FRUGA-AGV esta reforma trae da man unha serie de medidas que supoñerán un forte impacto no sector vitivinícola galego nun momento en que se está a vivir un proceso de valorización e crecemento. Medidas como:

  • A admisión de elaboración de viños non só a partir da Vitis Vinífera, senón tamén a partir da Vitis labrusca. E a admisión tamén dos viños procedentes de híbridos entre as especies Vitis Vinifera, Vitis labrusca e outras especies do xénero Vitis.
  • Autorización do emprego do termo desalcoholizado conxuntamente coa denominación dos produtos vitivinícolas, creando así novas categorías de viño: desalcoholizado e parcialmente desalcoholizado.
  • A modificación do regulamento das DO e IXP en aspectos como a omisión do factor humano como un requisito inescusable, xunto coa supresión da necesidade de incorporar un expediente técnico para aprobar a protección dos produtos dunha área xeográfica mediante unha Do ou unha IXP.
  • A liberalización do sector poñendo fin ao actual réxime de autorización de novas plantacións de viñedo.

Por outra banda tamén se tratou a proposta de NORMA DE COMERCIALIZACIÓN no sector vitícola levada a cabo por cooperativas e OPAS de Castela a Mancha. Esta proposta, que conta co beneplácito do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, centra a atención nas zonas de produción de viño a granel (fundamentalmente Castela a Mancha, Estremadura e Valencia) e busca a autorregulación do mercado. Esta proposta foi rexeitada de pleno, en base a que está feita sen estudios de impacto no sector, coa inhibición da Administración do Estado na adopción de medidas estruturais e penalizando fundamentalmente aos viticultores a través de destinar os excedentes de produción de uva para destilación, ou mediante o almacenamento privado dos excedentes de viño sen axudas nin garantías que o volume de viño retido non sexa substituído por viño de importación. Esquecendo ademais outros elementos de equilibrio do mercado como poden ser: control de fraude, xestión do potencial produtivo, acordos con terceiros países, etc.

Formalizouse unha proposta de actuación en base a dar publicidade e difusión aos efectos negativos da proposta e solicitar unha reunión co Ministerio para darlle traslado dos argumentos da oposición á mesma.

Noutro punto púxose de manifesto a contradición que supón que os distintos departamentos do Ministerio non consideren as Titularidades Compartidas coa mesma prioridade que aos moz@s agricultores, incluso cando esa titularidade compartida o é por moz@s agricultores, á hora do baremo dos criterios de prioridade para conceder novas autorizacións de viñedo.

Finalmente abordáronse as alegacións presentadas á Extensión de Norma da OIVE, por temas de representatividade non axustada á realidade do sector, por responder só aos intereses das grandes adegas e de costas aos pequenos e medianos produtores, e tamén pola ausencia de propostas claras e concretas de medidas de impulso ao sector.

A valoración da reunión por parte da FRUGA-AGV é positiva, polo intercambio de información e coñecemento da situación do sector noutros territorios e a constatación de que algunha das problemáticas que estamos vendo iniciarse no mundo do viño galego, correspóndense con actuacións planificadas polas grandes empresas e o capital noutros territorios e que agora teñen os ollos postos en Galiza como un elemento de potencial económico de futuro.

Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter