O sector vitivinícola galego contra as cordas pola crise sanitaria do COVID-19

Barro, 31 de marzo 2020.

A declaración do estado de alarma, con efectos do pasado 16 de marzo e ampliado agora até o 11 de abril, limitando a liberdade de circulación das persoas, cerrando os restaurantes, bares, cafeterías e prohibindo calquera evento social, supón deixar ás adegas galegas sen os principais destinatarios dos seus viños.

O sector tampouco pode recorrer á exportación. Coa situación da pandemia a nivel mundial a vía do comercio exterior tamén está anulada.

Cos ingresos bloqueados, coa paralización da actividade económica nas ventas, as adegas non poden poñer o fecho no capítulo dos gastos recorrendo, como noutros sectores, a medidas laborais ou redución doutros insumos. As vides non entenden de pandemias nin agardan, elas seguen os seus ritmos biolóxicos, polo que hai que seguir facendo os traballos de campo que buscan garantir a próxima colleita de uva, os viños do seguinte ano e que darán continuidade económica ao proxecto da adega, creando emprego no rural.

Nesta situación temos que o sector vitivinícola, e nomeadamente as adegas, non se poden acoller a ningunha das medidas laborais habilitadas polo Goberno do Estado para as empresas e autónomos. Polo que os compromisos de gastos seguen a acumularse, creando unhas tensións de tesourería que levan as adegas a faltas de pagamento e situándoas na porta do peche da actividade, coa consecuente destrución de emprego.

É necesario, polo tanto, que se habilite con urxencia un plan específico de apoio ao sector vitivinícola galego que lle permita fundamentalmente, e sen descartar outro tipo de axudas similares ás previstas noutros sectores económicos, resolver e avalar a liquidez evitando o colapso da tesourería xa que a súa capacidade de aguante económico e financeiro vai estar en función do tempo que dure o estado de alarma e se reactive a recuperación económica.

Un plan que pode apoiarse en distintas patas:

  • Flexibilidade fiscal mediante moratorias: liquidación do IVE, taxas e outros impostos

  • Apoio ao mantemento do emprego activo: Moratoria das cotas da SS dos traballadores propios e autónomos.

  • Financiamento: Habilitar, mediante instrumentos públicos como pode ser o ICO, liñas de crédito a tipo de xuro 0%, e cun ano de carencia. As vías de crédito abertas por medio da banca privada supoñen un endebedamento económico, cun custo que representa un lastre na futura recuperación económica para as adegas.

Moratoria dos créditos hipotecarios durante o estado de alarmacun pago fraccionado até tres meses despois de terse levantado este.

Neste sentido a Asociación Galega de Viticultura, o pasado día 26 se dirixiu á Consellería do Medio Rural instándolle a que traballe na elaboración dun plano de apio ao sector vitivinícola galego para o “día despois”. Un plano que apoie a valorización dos nosos viños entre os consumidores, dentro e fora da Galiza, e a recuperación do consumo.

Vendima na zona de Amandi. Fonte AGV
Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter