A AGV COLABORA CO PROXECTO “VITICAST: SOLUCIÓNS PARA A PREDICIÓN DE ENFERMIDADES FÚNXICAS NA VIDE”

A AGV colabora co proxecto “VITICAST: Solucións innovadoras para a predición de enfermidades fúnxicas na vide” (número de rexistro: 20190020007473) concedido ao abeiro do Real decreto 169/2018, de 23 de marzo, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións á execución de proxectos de innovación de interese xeral por grupos operativos da Asociación Europea para a Innovación en Materia de Produtividade e Sustentabilidade Agrícolas (AEI-AGRI), no marco do “Programa nacional de desenvolvemento rural 2014-2020” para o ano 2019. BDNS (IDENTIF.): 442992.

En “VITICAST” participan 7 socios: Monet Tecnología e Innovación, S. L. (líderes do proxecto), Universidade de Vigo, Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA), Viña Costeira, S. C. G., Bodegas Hacienda Monasterio, S. L., Bodega Matarromera, S. L. e a Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación de Pontevedra. Conta como membro subcontratado a Universidade de Santiago de Compostela e como colaboradores a Plataforma Tecnolóxica do Viño, a Asociación de Colleiteiros Embotelladores do Ribeiro e a Asociación Galega de Viticultura.

O proxecto de innovación está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20 % polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no marco do “Programa nacional de desenvolvemento rural 2014-2020”. O orzamento total é de 615.249,11 € (subvención total: 599.957,11 €).

O obxectivo de “VITICAST” é a optimización da produción e o desenvolvemento sostible do cultivo da viña nas provincias bioclimáticas máis importantes do noroeste peninsular a través da innovación no manexo integrado das enfermidades fúnxicas de maior incidencia (mildio, oídio e botrite). Con este fin desenvolveranse modelos de previsión do risco desas enfermidades obtidos a partir de datos meteorolóxicos que se combinarán con modelos de fenoloxía e de concentración das esporas e coas observacións de síntomas das enfermidades nas viñas que determinarán a decisión da aplicación dos pertinentes tratamentos fitosanitarios, de maneira que a loita fronte a estes patóxenos cumpra os obxectivos ditados no Real decreto 1311/2012, de uso sostible de fitosanitarios, e acade tamén nunha redución dos custos económicos de produción. Ademais, estudarase o impacto que terán os diversos escenarios do cambio climático preditos polo IPCC sobre o cultivo da viña.

Páxina web do proxecto: www://viticast.es

Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter