Perante a inoperancia da Xunta de Galiza a AGV vén de elaborar unha guía básica de actuación na vendima fronte à COVID-19.
A vendima do 2020 está empezando chea de incertezas para as persoas viticultoras e adegas dos distintos territorios vitivinícolas galegos. Cun goberno que se autocomplace no fume dos seus grandes titulares de prensa pero non baixa á praza a repartir trigo.
Miles de explotacións vitícolas galegas están facendo os preparativos para empezar nestes días a vendima, o momento no que teñen que recoller o froito do traballo de todo un ano, e non só nun sentido metafórico e bucólico: é o momento de facer caixa e obter uns ingresos que fagan rendible a súas explotacións, cos que pagar débedas e obter recursos para afrontar a próxima campaña.
E farán esta campaña coa súa responsabilidade e o seu “sentidiño” para aplicar medidas preventivas nos traballos fronte ao COVID19, xa que por parte da Consellería do Medio Rural non se lles achegou ningunha guía básica, nin protocolo, nin consellos que lles dean un marco referencial de como acometer os traballos dun xeito máis seguro á hora de previr os contaxios desta enfermidade.
Debe ser que para a Consellería do Medio Rural todas as explotacións vitícolas galegas son empresas, e como tales dispoñen dun servizo de Prevención de Riscos Laborais que lles vai asesorar e facer este traballo. Será que neste país xa desapareceron todas esas explotacións que non chegan nin aos 5.000 m2, pero que poñen a súa uva nas prensas das adegas, cooperativas, ou simplemente elaboran para o autoconsumo.
Por iso a medida estrela de facerlle as probas aos “traballadores temporeiros” non deixa de ser un parche. Que se fale como duna fazaña o facer probas a 3.500 “traballadores a xornal” é para preguntar: cantas explotacións vitícolas hai dadas de alta no REAGA (Rexistro de Explotacións Agrarias de Galiza)?, que número de persoas van a participar na vendima de todas esas explotacións (incluíndo titulares, familiares, veciños, amigos, etc)?
E se vemos esas cifras ao mellor enténdese o despropósito que supón este canto de sereas.
Fronte a esta inacción da Consellería do Medio Rural dende a AGV tense redactado unha GUÍA BÁSICA DE ACTUACIÓN NA VENDIMA FRONTE Á EXPOSICIÓN AO CORONAVIRUS “COVID-19” (SARS-COV-2), que distribuíu entre os seus socios e socias, e que ten como obxectivo proporcionarlles unha ferramenta na que apoiarse para desenvolver os seus propios protocolos para os traballos da vendima.
Por outro lado dende a Consellería do Medio Rural tampouco se lle ten dado resposta a unha vella demanda das persoas viticultoras: que dende a administración se habiliten fórmulas que lles permitan obter uns prezos xustos pola súa uva e garanten a rendibilidade das súas explotacións. A implacable “lei do mercado” fará que quen teña forza marcará os prezos que máis se axusten aos seus intereses, non importa aos responsables da nosa Administración que iso supoña levar á ruína a moitas explotacións, a facelas inviables e forzar o abandono das terras produtivas e dos cultivos.
Unha fórmula existe, non hai que inventala, e chámase CONTRATO HOMOLOGADO. O pasado 6 de agosto o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicou no BOE a “Orde APA/770/2020, do 27 de xullo, pola que se homologa o contrato-tipo de compravenda de uva con destino á súa transformacións en viño e que rexera durante a campaña 2020/2021”, esta iniciativa está impulsada pola Organización Interprofesional do Viño de España. Onde está o Conselleiro do Medio Rural? Cal é o seu proxecto? Cando pensa exercer as súas competencias? O éxito do sector vitivinícola galego non depende só do bon facer das adegas, senón que tamén depende do bo traballo e a sostibilidade das explotacións vitícolas.







