A Asociación Galega de Viticultura preséntalle á Consellería de Medio Rural un Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica do sector vitivinícola Galego, ante a súa falta de iniciativa

A AGV-FRUGA reclámalle ao Conselleiro de Medio Rural a elaboración dun Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica do sector vitivinícola Galego (PERTE). Este sector, fundamental na industria agroalimentaria da Galiza, está sendo duramente golpeado pola crise da COVID-19 e necesita que o Goberno da Xunta se implique para paliar as consecuencias desta crise e resolver os seus problemas estruturais.

Os fondos europeos Nest Generation serán unha oportunidade para a recuperación e transformación económica de moitos sectores e a Consellería de Medio Rural non pode deixar pasar este tren, pois estes fondos son fundamentais para poder paliar as consecuencias desta crise e, ademais, contribuir á modernización dun sector fundamental na economía galega e no rural.

A AGV lamenta a falta de implicación da Xunta co sector, pois no lugar de facer políticas que solucionen os problemas estruturais do sector vitícola, acrecentados aínda máis pola grave crise económica coa caída de vendas, polo peche do canal HORECA e pola caída das exportacións, a Consellería limítase a anunciar parches e brindes ao sol.

O Goberno da Xunta de Galiza e o Conselleiro do Medio Rural teñen a responsabilidade de impulsar un Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica para un sector fundamental para a industria agroalimentaria da Galiza, como é o sector vitivinícola Galego. Un Proxecto que defina unha liña de desenvolvemento do sector e que, apoiándose na oportunidade que supoñen os Fondos europeos Next Generation, e outros, articule mecanismos que permitan o acceso á maior cantidade posible de iniciativas e proxectos de explotacións vitícolas, adegas, cooperativas, comercio e distribución, etc.

Fronte aos macroproxectos débese priorizar a dinamización económica e social das pequenas e medianas empresas e/ou persoas autónomas, daquelas zonas do rural galego con presenza dunha actividade vitícola, xa que o conxunto destes promoverán unha maior cohesión económica, social e territorial no noso rural.

Por iso desde AGV faise unha proposta de 24 iniciativas de Liñas Estratéxicas para un PROXECTO ESTRATÉXICO DE FUTURO DO SECTOR VITIVINÍCOLA GALEGO.

24 iniciativas que permitan o avance nun desenvolvemento económico sostible, na modernización e na competitividade dos tres segmentos que compoñen o sector: Viticultura, Enoloxía e Comercialización. Liñas estratéxicas con encaixe nos catro eixes transversais do Plan de Recuperación do Goberno Central, para facilitar o seu acceso aos fondos Next Generation, como son a transición ecolóxica, a transformación dixital, a cohesión territorial e social e a Igualdade de xénero.

Iniciativas que van desde a Investigación e mellora xenética do potencial vitícola/económico das castes autóctonas, coa creación dun Banco de Xermoplasma Vitícola das castes autóctonas galegas, ao apoio aos proxectos de transformación das explotacións vitícolas cara unha viticultura sostible en termos económicos, medioambientais e sociais. Pasando polo apoio á actualización e dixitalización dos Consellos Reguladores, das adegas e as explotacións, así como o acceso á divulgación, comercialización dixital e as canles de exportación para as pequenas e medianas adegas.

Desde a AGV quérese, por medio desta achega ao sector e aos responsábeis da Consellería do Medio Rural, facer unha proposta de liñas e iniciativas de traballo encamiñadas a favorecer que o sector vitivinícola galego poida seguir sendo un dos motores necesarios para promover unha dinamización económico-social do noso rural, a partir dos seus recursos e da súa xente, e que xere riqueza para a súa xente e o conxunto da sociedade galega.

Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter

Deixa un comentario