AF RUGA-AGV vén de asinar un Convenio coa Área de Medio Rural, dependente da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, para a formación e asesoramento ás persoas viticultoras e adegueiras, ou con interese na incorporación a este sector, dos Concellos de A Fonsagrada, Navia de Suarna e Negueira de Muñiz.
O Programa Formativo e de Asesoramento busca impulsar a recuperación da vitivinicultura na bacía do Navia, e principalmente nas parroquias dos tres Concellos que constitúen o territorio da futura indicación xeográfica protexida Terras do Navia que pronto iniciará o percorrido da súa tramitación na Comisión Europea para a súa inscrición no rexistro comunitario.
A través deste Programa, e outras accións, quérense crear as condicións socioeconómicas que materialicen o potencial vitivinícola deste territorio e favorecer o asentamento das iniciativas produtoras existentes, así como a creación de novos proxectos que axuden a activar a economía local de xeito que se fixe poboación, e serva de impulso para atraer novas incorporacións de persoas a este territorio do rural da Provincia de Lugo.
O Programa desenvolverase en dúas liñas principais de traballo:
– A formación nos aspectos fundamentais do cultivo da vide, e das castes autorizadas no prego de condicións que rexerá a nova IXP Terras do Navia, da vendima e propia elaboración do viño na adega dentro duns parámetros de calidade que aposten pola posta en valor, e a identidade, dos viños propios deste territorio. Tamén se prestará unha especial atención aos procesos administrativos e legais que acompañan, e controlan, todas estas actividades.
– Establecer un soporte técnico e de aconsellamento, dende a actualización dos predios no Rexistro Vitícola Galego (RVG), até os aspectos técnicos das plantacións e o cultivo das vides.
A execución deste programa terá lugar ao longo deste ano 2021.
A Deputada Provincial, Mónica Freire, titular da Área de Medio Rural e impulsora desta iniciativa, visitou no día de onte, 10 de agosto, Negueira de Muñiz para presentarlle o Programa ás persoas interesadas no desenvolvemento do sector vitivinícola nesta zona e visitar as adegas xa instaladas e que están ser un factor vital na creación da IXP Terras do Navia: Adega Panchín e Adega Sidrón. Na visita estivo acompañada do presidente da Asociación Galega de Viticultura (AGV), Roberto Rivas e técnicos da AGV, que serán os responsábeis do desenvolvemento do proxecto.
As persoas participantes na xornada tiveron ocasión de visitar tanto as instalacións da Adega Panchín e as da Adega Sidrón, como algúns dos predios que xa están en explotación por estas adegas ou de recente plantación para incrementar a súa capacidade produtiva.